As esquerdas e a democracia en Galiza

Manoel Barbeitos
Economista

SansimonillaIlla de San Simón.

As evidencias de que a democracia en Galiza, como en España, aínda é deficitaria son continuas e contundentes. Evidencias que explican este déficit polo longuísimo dominio político dunha dereita conservadora (PP) que aínda mantén moitos dos principios políticos e ideolóxicos franquistas. Principios aos que se nega a renunciar e que reivindica con demasiada frecuencia.


Evidencias que, por outra parte, tamén demostran como non haberá auténtica democracia en Galiza ata que se produza un longo período de goberno das esquerdas.


Dúas desas evidencias vimos de telas nestes días e están relacionadas con lugares de tradición franquista e triste memoria para os demócratas galegos e para a maioría do pobo galego. Estoume referindo ao Pazo de Meirás e a Illa San Simón, dúas iconas dunha das ditaduras máis crueis e sanguinarias do século XX polo que terían que ser recuperadas para a democracia e a memoria histórica deste país. Unha recuperación que supuxera a defensa dun "nunca máis".


Como seguramente demasiados galegos non saben, o Pazo de Meirás foi arrebatado aos lexítimos propietarios polos sicarios do franquismo. Digo arrebatado xa que, contra o que declaran os apoloxistas do franquismo, e moitos neofranquistas, a entrega do Pazo de Meirás ao ditador e a súa familia non foi unha doazón voluntaria senón "manu militari". E en contra da vontade dos/as herdeiros/a da antiga propietaria Emilia Pardo Bazán. Foi, xa que logo, unha expropiación forzosa que converteu o Pazo de Meirás en propiedade do ditador e a súa familia que usárono durante moitos anos como lugar de veraneo. O Pazo de Meirás pasou a convertese así nunha icona do franquismo. Unha icona que agora, ao través da xestión dunha chamada fundación Francisco Franco non só queren conservar senón promocionar. Algo que, dende calquera perspectiva democrática, resulta inadmisible.


Coido que ningún demócrata galego reclama que co Pazo de Meirás se faga o mesmo que coa residencia de Berghof, cubicada nos Alpes de Baviera, lugar de residencia temporal de Hitler que foi destruída polas forzas aliadas. Pero si se pode facer algo parecido ao que se fixo co chamado "niño de aguia", A Kehlsteinhans, outro lugar de residencia de A. Hitler, tamén cubicado nos Alpes bávaros, hoxe convertido nun hotel privado pero en cuxas proximidades hai un centro de documentación -Dokumentation Obersalzberg- no que se informa aos visitantes, cunha profusa e moi ben artillada combinación de audios, vídeos, fotografías e documentos, sobre os horrores do nazismo e que serven para mostrar aos visitantes que "nunca máis" deben repetirse eses horrores. 


Diante deste tan dispar comportamento, das autoridades galegas e españolas con relación ás autoridades alemáns, cabe preguntarse cales son as razóns que impiden que o Pazo de Meirás deixe de ser un culto ao franquismo e un lugar de goce da familia de tan sanguinario ditador para pasar a ser algo parecido o que hai no citado "niño de aguia". As razóns son políticas: que o partido que goberna en España e en Galiza (PP) non o quere porque sería espertar moitos das súas vellas pantasmas e cuestionar moita da súa ideoloxía. Tamén hai que ser xustos e sinalar que unha parte da esquerda (PSOE) mantivo moitas veces unha posición algo timorata, moi legalista, con este tema. Unha posición que hoxe parece querer mudar, do cal me alegro persoalmente.


A pervivencia do Pazo de Meirás tal cal supón unha gravísima afronta a todos os galegos demócratas, ao pobo galego en xeral, polo que as esquerdas galegas farían ben de xuntar as súas forzas para crear un grande movemento cívico que sexa quen de reivindicar que se devolva o Pazo de Meirás aos cidadáns galegos ao tempo que se cree no propio edificio un museo que mostre os horrores do franquismo para que "nunca máis" volvan repetirse sucesos tan terribles. Nunha Galiza autenticamente democrática non teñen cabida edificios como o Pazo de Meirás na súa actual configuración: un edificio privado que serve de exaltación da criminal ditadura franquista.


Outras das evidencias anteriormente apuntadas encol das insuficiencias da democracia en Galiza témola coa Illa San Simón ubicada no concello de Redondela, parroquia de Cesantes. Parece oportuno e necesario lembrar que esta illa foi un "campo de concentración e de exterminio" da ditadura franquista onde, segundo moitos historiadores rigorosos, sucederon episodios de autentico horror. Un lugar onde os presos franquistas, demócratas que defendían a legalidade republicana, estiveron sometidos a condicións infrahumanas e onde tiñan lugar, con frecuencia, fusilamentos masivos, cando non crueis actos de tortura e, incluso, de afogamento -presos que eran tirados ao mar con pedras colgadas ao pescozo-. Un lugar, xa que logo, que forma parte da historia máis negra da moi negra e sanguinaria ditadura franquista. 


Afortunadamente, e a diferenza do Pazo de Meirás, este lugar foi recuperado e tivo un destinado moi diferente. Nembargante o seu destino actual non se corresponde co que debera ser a memoria viva dun antigo campo de concentración que lembre que "nunca máis" deben volver producirse os feitos que aí tiveron lugar. Un destino que debe ser para lembrar a memoria e non para promocionar o esquecemento. Resulta ata certo punto indignante que agora se queira converter nunha especie de "parque temático" e/ou de centro de ocio tendo en conta, moi especialmente, o que simboliza: campo de concentración da ditadura franquista.


Por caso a alguén en Alemaña se lle ocorre converter os campos de Arbeitsdorf e Bachau en parques temáticos?, ou en Holanda co campo de Amersfoort?, en Polonia con Auschwitz-Birkenau, Belzec e Trebinka?, etc. Lugares que hoxe en día teñen un alto valor simbólico, nos que se lembra as vítimas do xenocidio así como os horrores da ditadura nazi tendo así un compoñente claramente histórico e didáctico: lembrar o que realmente pasou e convencer de que é necesario que nunca máis volva pasar. Algo que en ningures sucede, e que me perdoen os habitantes de Cesantes e do concello de Redondela, co destino e o uso actual da Illa de San Simón. Un lugar que polo cruel destino que tivo tanto durante a mal chamada guerra civil como nos anos posteriores ten ben gañado o cualificativo de campo de concentración. E como tal debe ser lembrado ao igual que sucede cos campos de concentración do réxime nazi.


Os citados non son mais que dous casos simbólicos, aínda que moi relevantes, de cómo a democracia en Galiza, en España, aínda non está consolidada. De cómo hai forzas políticas -moi especialmente o Partido Popular (PP)-, sociais e mediáticas que se opoñen xa non só a que recuperemos a memoria histórica para lembrar o que realmente sucedeu en Galiza durante a mal chamada guerra civil -foi unha insurrección militar de carácter fascista-, senón tamén a facer xustiza coas vítimas de tan cruel e longa ditadura para así lograr un repudio social e político maioritario do mesmo.


Velaí unha das responsabilidades da esquerda: loitar politicamente por que se recupere a memoria histórica, se faga xustiza e se consiga que o pobo galego diga con claridade "nunca máis" ditaduras. Algo para o que é preciso, como vimos reclamando repetidamente dende esta e outras páxinas, que aquela se una en torno a esta batalla política. Por que só coa forza da esquerda, apoiada nun amplo movemento cívico, seremos quen de conseguir estes obxectivos democráticos. Obxectivos que darán cor e lustre á auténtica cara democrática de Galiza.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE