O "bloqueo institucional" da devolución do Pazo de Meirás tópase coa sociedade civil
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica convoca un grupo de traballo que documente o seu espolio e relance a demanda social.
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica dá Coruña convida a todas as entidades sociais e culturais, así como á veciñanza da comarca da Coruña, a conformar un grupo de traballo que "documente o espolio do Pazo de Meirás (situado en Sada) e contribúa a relanzar a demanda social por unha devolución do conxunto ao patrimonio público sen custo económico".
Para ese efecto, a CRMH convocou unha xunta para constituír este grupo o día 15 de xuño nunha acto aberto na Coruña, concretamente ás oito da tarde no Centro Universitario de Riazor.
A CRMH, tal e como precisou nun comunicado, apoiou todas as iniciativas encamiñadas á recuperación do Pazo de Meirás e, avisou, continuaráo facéndo. Neste sentido, denunciou o "bloqueo institucional" do Partido Popular.
"É momento de impulsar unha demanda clara e decidida desde a sociedade civil para romper dunha vez coa anomalía democrática que representa o Pazo de Meirás, e que vai moito máis alá do incumprimento do réxime de visitas e do descoido do patrimonio. Fai falta dar pasos firmes cara á normalidade democrática nesta cuestión", defendeu.
En concreto, a CRMH sostén que, para o cumprimento das recomendacións de Nacións Unidas en materia de Memoria Histórica, é preciso, no caso do Pazo de Meirás, "empezar por recuperar a verdade do espolio e documentar os abusos".
Así, proseguiu, poderase "demandar con argumentos sólidos a xustiza e a reparación das vítimas". "A CRMH mantivo, desde hai anos, a ilexitimidade da propiedade do pazo por parte da familia Franco, e a necesidade de que se produza unha devolución ao patrimonio público sen custo económico", resolveu.
Escribe o teu comentario