A Xunta financiará a construción dun centro de elite para remo e tríatlon en Cedeira
Diego Calvo anunciou que tamén reforzará o seu apoio a infraestruturas deportivas.
O Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou no mediodía deste xoves a localidade de Cedeira (A Coruña), para anunciar o apoio económico do Goberno galego á construción dun novo espazo deportivo especializado en tríatlon e remo neste municipio, disciplinas cun peso destacado na comarca de Ferrolterra.
A Xunta achegará case 345.000 euros dun investimento total próximo aos 690.000 euros para este proxecto, financiado a través do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local destinado a infraestruturas municipais de carácter estratéxico. As futuras instalacións, que se construirán anexas ás xa existentes, incluirán zonas de adestramento específicas para remo e tríatlon, ademais dunha sala de musculación, vestiarios, sauna e zona de recepción. O obxectivo é dotar de medios axeitados aos deportistas, entre os que Cedeira conta con once atletas recoñecidos de alto nivel (DGAN).
Durante a visita, Calvo felicitou persoalmente ao triatleta local Damián Suárez, quen recentemente logrou a medalla de prata na categoría elite e a de ouro en júnior no Mundial de Acuatlón 2025, disputado en Pontevedra.
Diego Calvo reiterou o "compromiso cos Concellos galegos", lembrando que Cedeira, en particular, recibiu máis de 2,3 millóns de euros a través de distintas liñas de apoio da Xunta nos últimos anos.
O proxecto de Cedeira é unha das 19 iniciativas beneficiarias da convocatoria da liña de apoio a proxectos estratéxicos da Xunta en 2025, dotada cun total de 8,5 millóns de euros.
O integrante do Goberno da Xulta resaltou que esta orde de axudas busca impulsar proxectos que "transcenden o ámbito municipal" para fomentar a economía e transformar outros ámbitos como o deporte, o turismo ou o medio ambiente. Debido á alta demanda e a súa importancia, a Xunta xa anunciou que o orzamento desta liña incrementarase até os 10 millóns de euros para o exercicio 2026.
OUTRAS ACTUACIÓNS NAS CATRO PROVINCIAS
Ademais do investimento en Cedeira, nesta convocatoria destácanse outras actuacións de mellora e creación de instalacións deportivas en municipios como Toén (Ourense), cun novo campo de fútbol de herba artificial, e Bóveda (Lugo), como son as instalacións deportivas na contorna do río Mao, así como melloras de seguridade e adecuación en pavillóns e complexos deportivos da provincia da Coruña, situados en Arteixo, Culleredo e a propia cidade, ademais de en Barbadás (Ourense), e nas localidades pontevedresas de Ponteareas, Valla e Vilanova de Arousa.
Escribe o teu comentario