A Volta Feminina 2026 sitúa a Galicia "como un escaparate para o turismo, cun impacto internacional"
Así o expresou o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, que participou este domingo no corte da cinta de saída da primeira etapa
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou este domingo no corte da cinta de saída da primeira etapa da Volta Feminina 2026, e puxo en valor este tipo de eventos "que funcionan como un escaparate para o turismo, cun alto impacto internacional".
Tal e como trasladou a Xunta nunha nota de prensa, A Volta Feminina conta con sete etapas e máis de 800 quilómetros de percorrido, das cales catro etapas discorren polas catro provincias galegas entre o tres e o seis de maio.
O primeiro itinerario saíu de Marín, e "sitúa a Galicia como escaparate paisaxístico e deportivo de primeiro nivel" antes de continuar cara a León e Asturias e culminar no Alto de L'Angliru.
Neste contexto, o pelotón completou un percorrido de 113 quilómetros cara a Salvaterra de Miño, pasando polos municipios de Cangas de Morrazo, Moaña, Pazos de Borbén e Ponteareas.
Á xornada deste domingo tamén asistiu o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, quen remarcou que o evento confirma ás Rías Baixas como un territorio amigo do ciclismo e a Pontevedra como "a provincia do deporte".
Escribe o teu comentario