Dezaoito empresas tecnolóxicas pugnan polo contrato da IA galega contra o fracaso escolar
Entre as empresas que queren acceder a este contraro están Teefónica, Indra e HP. O proxecto EdugalIA, dotado con 16,5 millóns de euros e financiado en parte con fondos europeos, que aspira a converter no maior programa de intelixencia artificial educativa de España
O ambicioso proxecto da Xunta para aplicar a intelixencia artificial á loita contra o abandono escolar en Galicia espertou un notable interese no sector tecnolóxico. Un total de 18 compañías, tanto nacionais como internacionais, concorreron á licitación de EdugalIA, a iniciativa impulsada pola Consellería de Educación que busca introducir unha novo paradigma no deseño e avaliación das políticas públicas educativas.
As empresas presentaron as súas candidaturas de forma individual ou agrupadas en Unións Temporais de Empresas (#UTE), o que deu lugar a un total de doce propostas diferenciadas para a primeira fase do proxecto, que saíu a licitación por un valor de 13,5 millóns de euros. Destas, sete optan aos dous lotes convocados —servizos de I+D e despregamento de solucións—, dúas céntranse exclusivamente no primeiro e tres no segundo.
Entre os nomes que concorren a ambos os lotes figuran empresas de primeiro nivel como Indra, NTT Data, Neoris e HP, xunto ás agrupacións Mainjobs-Ticsmart, Plexus-Altia-Bahía Software e a UTE EdugalIA, formada por One Million Bot, Sercaman 1, Ghenova Dixital e Ghenova Enxeñaría. Ao primeiro lote optan as UTEs Inetum-DXC e Fujitsu-Telefónica EdugalIA, mentres que ao segundo preséntanse Telefónica, Atos e a UTE DXC-Inetum.
O proxecto máis grande do Estado
A Consellería de Educación cualificou esta convocatoria como "a maior iniciativa de IA ao servizo da mellora educativa de todo o Estado", destacando ademais que é a primeira vez que unha iniciativa educativa benefíciase dun proceso de Compra Pública Innovadora, o que a coloca na vangarda das políticas de I+D+i en España. Galicia é a sexta comunidade autónoma con menor taxa de abandono escolar temperán, cun 10,8% en 2024, aínda que ese dato supuxo o peor rexistro nos últimos catro anos.
A partir de agora, o departamento de Educación avaliará a solvencia dos candidatos para seleccionar ao cinco mellor situados de cada lote. Estes deberán presentar a súa folla de ruta detallada, incluíndo os equipos humanos e a metodoloxía para o deseño, construción e despregamento das solucións tecnolóxicas previstas. A primeira fase de I+D desenvolverase entre 2026 e 2028, e a de adquisición e implementación, entre 2028 e 2030.
O orzamento total do proxecto ascende a 16,5 millóns de euros: 6,6 millóns corren a cargo da Xunta e os 9,9 millóns restantes proveñen do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do Programa Plurirregional de España 2021-2027. As empresas participantes non realizaron declaracións públicas sobre a súa participación na licitación.
Un expediente dixital para cada alumno
Segundo a Xunta, EdugalIA permitirá dispor de infraestruturas analíticas que integren todas as fontes de datos do sistema educativo galego, o que posibilitará identificar con antelación situacións de risco como o abandono escolar e ofrecer unha atención máis especializada e personalizada. O obxectivo é reducir a taxa de abandono temperán ao 7% no horizonte de 2030.
Entre as novidades máis destacadas figura a creación do expediente dixital único do alumnado, que acompañará a cada estudante ao longo de toda a súa traxectoria académica. Tamén se desenvolverá un espazo de comunicación áxil e personalizada entre familias, centros educativos e a Administración autonómica. Expertos como a economista Caterina Calsamiglia, do Barcelona Supercomputing Center, asesoran ao Goberno galego no proxecto e sinalan que o reto non é só predicir o abandono, senón identificar as intervencións concretas para evitalo. Os colectivos docentes e sindicatos do sector educativo non se pronunciaron publicamente sobre o proxecto até a data.
Escribe o teu comentario