A lectura do Informe Juventud en España 2024 (https://www.injuve.es/observatorio/demografia-e-informacion-general/informe-juventud-en-espana-2024-y-resumen-ejecutivo) subminístranos unha serie de claves moi interesantes á hora de entender o comportamento actual de moita da mocidade dos pobos de España. Paso a resumir algunhas das máis relevantes que espero resulten de interese para os lectores asegurando que, na opinión de quen isto escribe, son perfectamente válidas para a mocidade galega.
Así e por caso, no que fai referencia á relación coa política, a mocidade actual segue mostrando interese pola política, o que non lle impide ser crítica (incluso moi crítica) non coa democracia, senón co seu funcionamento actual, entre outras razóns por unha crecente desconfianza cara ás institucións representativas tradicionais. Unha desconfianza que se focaliza nos partidos políticos, nos sindicatos e incluso nas ONG e que os leva a procurar novas canles de participación nas que, a pesar diso, entran as folgas, as manifestacións e as campañas.
Unha mocidade que, dato moi a ter en conta, presenta diferenzas ideolóxicas segundo o seu xénero. De forma que, no caso das mozas, dáse unha maior implicación en temas como o feminismo e a igualdade de xénero, a loita pola igualdade, os dereitos LGTBIQ e, incluso, as políticas sociais. Unas diferenzas ideolóxicas que non impiden unha ampla coincidencia na importancia (8 sobre 10) de temas como a situación económica, o traballo, a vivenda, o ensino e a saúde mental. Mentres que a igualdade e o medio ambiente perden protagonismo ao tempo que dereitos civís como o matrimonio igualitario e a eutanasia tamén concitan un amplo consenso.
Diferenzas ideolóxicas que abren unha importante fenda nas posicións políticas. Así, mentres que moitas das mulleres se sitúan significativamente nas esquerdas, os homes ubícanse máis no centrodereita. Unha diferente ubicación ata certo punto lóxica se temos en conta o sinalado anteriormente en relación ás claras diferenzas ideolóxicas, coas mulleres máis identificadas con valores progresistas como o feminismo, os dereitos de colectivos marxinados, o cambio climático, os dereitos dos animais, etc.
Unha mocidade que globalmente se fixo máis multicultural, pero cunha posición bipolar en relación, por caso, á inmigración; pois mentres recoñece a achega deste colectivo á sociedade e á cultura e acepta a convivencia, mostra a súa preocupación por que as axudas sociais se vexan reducidas coa chegada dos inmigrantes. Unha posición que leva aos autores do informe a pensar que os discursos de odio difundidos polas redes sociais, nos que as extremas dereitas son hexemónicas, están calando entre a poboación moza. Unha posición que seguramente derive de que esta amosa unha crecente preocupación polos efectos da globalización, tal que os leva a identificarse máis coa súa contorna máis próxima (cidade, pobo) que con Europa e o mundo global.
Un dos temas que está despertando máis expectación deste informe, cando menos a nivel mediático, é o nivel de identificación da mocidade actual co feminismo e a igualdade de xénero, onde hai unha polarización clara entre as mozas e os mozos que está levando a unha menor identificación a nivel global. Así, mentres dous terzos das mulleres se vinculan ao feminismo e á igualdade de xénero, no caso dos homes a súa identificación non chega ao 50 %. Polarización que non impide unha ampla coincidencia sobre a necesidade dun maior recoñecemento das situacións de inxustiza e de discriminación que sofren as mulleres polo feito de selo.
O informe vén confirmar algo sabido e comprobado: a crecente importancia entre a mocidade da comunicación dixital. “A mocidade española, especialmente a máis nova (entre os 15 e os 19 anos), está construíndo a súa identidade, as súas prácticas culturais e de ocio e a socialización en torno ao plano dixital”. Unha relevancia que está conducindo tanto a que a comunicación en liña ocupe un lugar crecentemente relevante como medio de información, ensino e traballo, como a que medre a fenda entre a mocidade en función do grao de conexión ás redes e de utilización das mesmas. Así mesmo, as redes sociais son cada vez máis usadas pola mocidade: “as redes sociais son un instrumento xeneralizado de construción e socialización identitaria”. Unha distinción rechamante a nivel de xénero: mentres as mulleres usan as plataformas máis populares —Instagram, TikTok e Facebook—, os homes optan maioritariamente polas minoritarias —Twitch, Discord—. Esta “influencia” das redes leva a que medren as apostas en liña, haxa unha maior exposición á violencia entre os usuarios e aquelas ocupen unha maior proporción do tempo dedicado ao ocio. Un uso crecente das redes que leva a que entre os/as mozos/as medren tanto os que sofren de soidade non desexada como os de baixo benestar emocional.
En relación ao ocio, danse importantes diferenzas tanto a nivel de xénero como de formación e renda. As mulleres, os/as mozos/as urbanos e de maior renda dedican máis tempo a formas de ocio alternativo (cine, lectura, visitas a museos...). Neste aspecto destaca o caso dos/as mozos/as que viven nunha contorna rural porque se conectan máis a internet.
Para finalizar, dous asuntos de grande relevancia: a saúde mental e a sexual. O informe destaca que entre a poboación moza (15 a 34 anos) é onde máis están medrando os problemas de saúde mental, como tamén o descoido pola saúde sexual (descende o uso de preservativos entre os mozos ao tempo que medran as prácticas sexuais non desexadas entre as mozas). Unha situación que non impide que a maioría considere que a súa saúde é “boa ou moi boa”, aínda que as diferenzas de renda, xénero e orientación sexual reflicten as maiores desigualdades. Tampouco inflúe na saúde sexual que medre a porcentaxe de relacións sexuais a idades temperás, nin na mental que vexan máis pornografía, pois se inspiran menos na mesma.
Logo da lectura deste informe non me atrevería a afirmar —como se escoita nalgúns púlpitos e medios— que a mocidade de hoxe sexa máis conservadora, máis de dereitas. Simplemente digo que a realidade social, económica, política e cultural que lles toca vivir é diferente —nalgúns casos moi distinta— e nese novo contexto histórico é onde temos que situar os comportamentos da mocidade de hoxe en día.
Escribe o teu comentario