Delirios, frenesí e incertezas

Manoel Barbeitos
Economista

Archivo - Donald Trump, presidente de Estados Unidos
Archivo - Donald Trump, presidente de Estados Unidos


Vivimos tempos nos que os delirios, o frenesí e as incertezas invaden a política, a xustiza, a economía, as finanzas e as comunicacións, ameazando con derrubalo todo.

Delirios dun presidente do país militarmente máis poderoso da terra que, na procura de recuperar un dominio imperial perdido e tamén de seguir acumulando riqueza persoal e familiar, non ten reparos en romper os marcos da orde internacional pola que se rexeu o mundo nas últimas sete décadas; en secuestrar presidentes lexítimos de países independentes; en bombardear países soberanos provocando miles e miles de vítimas —entre as que abondan os nenos e nenas—; en ameazar países con invadilos; en insultar a gobernantes demócratas e, incluso, en poñer en risco a democracia máis vella do mundo, como é a do seu propio país.

Frenesí dunhas finanzas que, a cabalo das posibilidades que lle ofrecen as grandes tecnolóxicas e a intelixencia artificial, se lanzan a enormes operacións especulativas —credit capital— con riscos crecentes, xa que están inchando grandes burbullas cuxa inevitable explosión causará outra crise financeira que nos conducirá a unha nova recesión económica que, agora, será superior e con efectos máis desastrosos que a de 2007-2008.

Delirios dunhas redes e unhas grandes tecnolóxicas da información que, conscientes do seu enorme poder de influencia na política, na economía, na información e na cidadanía, ameazan os sistemas democráticos por considerar que estes frean a expansión dos seus negocios e ganancias. Uns negocios baseados na toma de decisións múltiples e de grande alcance e impacto a un ritmo ultrarrápido —nanosegundo—. Un sistema de funcionamento que choca cos sistemas democráticos, aos que acusan de ser moi lentos na toma de decisións. Unha desincronía entre a política e a economía que consideran que prexudica os seus intereses mercantís e de negocio.

Frenesí do xefe de goberno dun pequeno país, pero moi poderoso militar e financeiramente, que, a cabalo dunha ideoloxía totalitaria —o sionismo—, comete auténticos xenocidios na súa rexión —con miles de nenos asasinados— cos que busca tanto rematar coa existencia dun pobo milenario —unha auténtica limpeza étnica— como ampliar os límites xeográficos do seu país. Unha ofensiva militar que coloca unha rexión estratéxica pero fráxil nunha situación de enorme inestabilidade con posibles impactos a nivel mundial.

Delirios duns xuíces que, colocados en relevantes postos do poder xudicial nacional e créndose deuses intocables, ignoran a vontade popular e, saltando as regras da democracia, se embarcan nunha ampla operación de acoso a dirixentes das esquerdas e de acoso e derruba dun goberno lexítimo. Operacións nas que obvian a presunción de inocencia, ditan sentenzas inxustas, utilizan bulos e mentiras, chegando incluso a non respectar nin as leis nin a Constitución. Operacións que, en múltiples casos, benefician a delincuentes e a políticos corruptos.

Frenesí do xefe da oposición dun país europeo que se presentara como liberal e moderado pero que, incapaz de actuar como un estadista por mor da súa enorme mediocridade política e intelectual, apoiado polos seus auxiliares e asesores, decide embarcarse nunha oposición destrutiva e inmisericorde ao goberno de quenda que, amais de destruír a súa anterior imaxe, está favorecendo moi especialmente ao rival na dereita, que é quen de recoller as noces desa estratexia. Estratexia que o obriga a negociar con esa extrema dereita as reparticións de poder derivadas dos resultados das eleccións, dando así unha imaxe de debilidade ideolóxica e inconsistencia política.

Delirios dunhas esquerdas que se autodenominan novas, que nin son novas —son máis vellas que a III Internacional— nin parecen ser moi de esquerdas, pero cuxo infantilismo e sectarismo as leva de derrota en derrota, deixando polo camiño multitude de cadáveres e auténticas desfeitas políticas. Desfeitas que poden chegar a tombar gobernos progresistas e facilitar o ascenso das dereitas extremas.

Delirios e frenesís varios que nos colocan en situacións onde a incerteza sobre o futuro a curto e medio prazo é o máis destacable.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE