Un debate descafeinado

Manoel Barbeitos
Economista

Archivo - Alfonso Rueda interviene en el Parlamento de Galicia.
Archivo - Alfonso Rueda no Parlamento de Galicia.

 

 

Cabería esperar que o Debate sobre o estado da Autonomía fose un dos momentos estelares da actividade parlamentaria en Galicia. Un momento no que o Goberno galego explicase, e defendese, a súa acción de goberno e a oposición fixese a súa crítica ao tempo que presenta unha alternativa. Todo iso dentro dunha atmosfera de respecto e comportamento democráticos. Nada disto sucede. As evidencias móstrannos como desde que se vén celebrando este debate, co Partido Popular de Galicia dispondo dunha maioría absoluta parlamentaria, aquel é un debate descafeinado sen apenas resonancia entre a cidadanía. As razóns aparecen moi claras.

 

O Partido Popular de Galicia (PPdeG) vén utilizando a súa maioría absoluta para controlar con man de ferro que a actividade parlamentaria de ninguén poida servir para cuestionar a súa hexemonía e si para confirmala. Cun regulamento feito á súa medida, pensado para o lucimento do PPdeG e o paralelo escurecemento da oposición (BNG, PSdeG), o debate sobre o estado da autonomía remata converténdose nun acto que o primeiro aproveita tanto para atacar o goberno español de quenda (PSOE/Sumar) como para buscar deslexitimar e ridiculizar a oposición (BNG/PSdeG).

 

No último Debate sobre o estado da Autonomía celebrado nestes días, o presidente da Xunta de Galicia, o señor Alfonso Rueda, en vez de aproveitar a ocasión para explicar e defender a súa acción de goberno, dedicou a maior parte do tempo, como sinalaba, a criticar o goberno central. Como proba do subliñado temos a evidencia, recollida pola prensa independente de Galicia, de que unha grande parte da súa intervención centrouse en reclamacións ao goberno central: o 70% das propostas de resolución foron reclamacións ao goberno central.

 

Con este proceder, os cidadáns interesados no debate quédanse sen saber, por boca do presidente da Xunta, o estado da Autonomía en materias tan relevantes como o marco institucional, o financiamento e a fiscalidade, o medio ambiente, o emprego e o benestar, a igualdade de xénero, etc. Asuntos que afectan a vida diaria dos cidadáns galegos, nos que a Xunta de Galicia ten amplas competencias e, xa que logo, responsabilidades das que debe dar conta.

 

Como triste anécdota que revela o nivel da intervención do señor Rueda digamos que, por caso, en algo tan relevante como o emprego a preocupación do goberno galego parece estar nas baixas laborais; en vivenda —que ocupa o centro da preocupación de moitos cidadáns— centrarse na demanda cando o problema está na oferta; en ensino, poñer o foco na preocupación polas agresións ao persoal docente; en sanidade, repetir o enésimo anuncio sobre unhas reformas da atención primaria que nunca se poñen en marcha ignorando as demandas cidadás; en atención aos maiores e aos dependentes, teima polas axudas ao sector privado parecendo ignorar o lamentable estado en que está o sector, e así sucesivamente.

 

Na quenda de intervencións dos membros do goberno, o seu portavoz parlamentario, o señor Pazos Couñago, seguindo a senda marcada polo seu antecesor, o señor Tellado Filgueira, utilizaría o seu tempo para, no máis puro estilo tabernario, insultar a oposición (“señorías, teño aquí a ouija do BNG que nunca falla”). Un comportamento que lle fai un enorme dano a unha institución democrática tan relevante como é o Parlamento, ao tempo que sitúa a clase política galega na diana á hora das descualificacións cidadás, o que favorece o auxe das forzas antisistema e totalitarias que sementan odio.

 

Neste escenario parlamentario fixado polo Partido Popular de Galicia, que se ve alimentado e defendido por unha prensa subvencionada que é atronadoramente maioritaria, os partidos da oposición, empeñados no lucimento particular, non parecen ser quen de romper os estreitos e incómodos marcos. Unha situación da que non se debería culpar en exclusiva á forma caciquil e antidemocrática de exercer o poder por parte das dereitas galegas, porque hai algo que debería estar clarísimo: esa hexemonía non a vai romper un só partido político, senón a unión de todos os partidos progresistas a cabalo das reivindicacións cidadás. Unha unión que precisa de traballo común e confianza mutua sen por iso renunciar, de ningures, á propia ideoloxía e estratexia a longo prazo, á propia personalidade política.

 

Tan difícil é que, por caso, o BNG e o PSdeG-PSOE cheguen a un acordo, aínda que sexa de mínimos, sobre temas estratéxicos como a reforma institucional, o financiamento e a fiscalización autonómicos, o medio ambiente, o emprego e os servizos públicos, a igualdade de xénero...? Un acordo que as maiorías sociais apoien para así cabalgar xuntos cara a unha meta que non deberá ser outra que a dun cambio de goberno e de políticas.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE