A prioridade nacional

Manoel Barbeitos
Economista

EuropaPress 4230485 grupo inmigrantes rescatados puerto gran tarajal febrero 2022 fuerteventura
EuropaPress 4230485 grupo inmigrantes rescatados puerto gran tarajal febrero 2022 fuerteventura

 

Ábrenseme as carnes, como diría o grande Pedro Almodóvar, escoitando o señor Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, defender o que as extremas dereitas españolas denominan prioridade nacional. Ábrenseme as carnes cando penso en que tería sido dos centos de miles de galegos e galegas que tiveron que emigrar (“eu vou polo mundo, pra ver de gañalo”) se nos países de destino (Latinoamérica, Europa) lles tivesen aplicado esa política da prioridade nacional, que é propia de gobernos e partidos políticos que defenden o racismo, a xenofobia e os apartheids.

 

Volvendo ás declaracións de Alfonso Rueda, cómpre sinalar que detrás das mesmas hai unha clara intencionalidade política. Algunhas enquisas recentes apuntan a que en Galicia está medrando o apoio a Vox, de xeito que nunhas hipotéticas eleccións autonómicas entrarían no Parlamento galego, o que iría en claro prexuízo do PPdeG, que perdería a maioría absoluta. Unha perspectiva que, seguramente, preocupa a estes últimos visto o que lle está pasando ao PP en Estremadura, Aragón e Castela-A Mancha. Trataríase, xa que logo, de quitarlle auga á extrema dereita asumindo parte dos seus postulados, como este da prioridade nacional.

 

Hai tamén un fundamento ideolóxico. As dereitas extremas europeas defenden a prioridade nacional baseándose nunha serie de premisas falsas, auténticos dogmas, tales como que os inmigrantes lles rouban os empregos aos autóctonos, deterioran o estado de benestar, crean inseguridade e fan medrar a delincuencia, entre outros. Mantras fáciles de desmentir en base ás evidencias, pero que alimentan o racismo e a xenofobia.

 

Os inmigrantes non lles rouban os empregos aos nativos, senón que veñen cubrir aqueles que estes non queren. Basta con botar unha ollada á hostalaría, á construción, á gandaría e/ou á atención aos maiores para ratificar o que apunto. Unha dinámica laboral que, por exemplo, permite que Galicia, como sucede practicamente en toda España, estea en cifras récord de emprego. Unha situación que colabora a que se incrementen os ingresos da Seguridade Social e, con eles, os fondos públicos para o pago das pensións. Asemade, en Galicia, unha comunidade moi envellecida, os inmigrantes axudan a cubrir déficits en funcións públicas de benestar, como sucede coa atención aos maiores. Os inmigrantes estarían así axudando a fortalecer o estado de benestar.

 

A presenza crecente de inmigrantes en Galicia non está supoñendo que medre a inseguridade e a delincuencia, un dos mantras máis utilizados sobre a inmigración. Malia as trolas que políticos e medios de comunicación de dereitas sementan sobre os inmigrantes como “delincuentes, violadores e drogadictos”, as evidencias demostran o contrario. Basta con analizar a relación nestes últimos anos entre o aumento da inmigración e os índices de delincuencia para comprobar como en Galicia esta relación non se dá. Incluso diría que hai unha relación inversa, con menores índices de criminalidade nas vilas e barrios con inmigrantes.

 

Galicia non é xenófoba nin racista a pesar das manifestacións e condutas de políticos e medios de comunicación irresponsables. Benvidos sexan os inmigrantes e as inmigrantes.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE