A sociedade contamina á política e non ao revés

Gustavo Olmedo Portela

Portavoz do Colectivo de Celadores da Área Sanitaria Pontevedra/Salnés 

Pensamos de forma maioritaria, un tanto instintiva e creo que de maneira equivocada, que a corrupción afecto á vida pública só cando determinados políticos son os corruptos (que non a política). Esquecemos que estes proveñen desa mesma sociedade que tanto cuestiona o sistema público, pero da que ambos se retroalimentan.

 

O absentismo laboral, o pelotazo inmobiliario, os postos na administración de pouca produtividade ou unha sociedade sen valores, hedonista, polarizada e competitiva, sófrense día a día en todos os sectores profesionais. De aí proveñen moitos cargos electos que carecen, en moitos casos, de vocación política ou de servizo público; utilizan o seu posto para beneficio propio e dos seus, entendendo o cargo como sinónimo de facer vida social (que é o que realmente lles gusta facer a algúns, aínda que iso vaia no soldo).

 

Vimos con toda normalidade como un cargo directivo sen formación algunha senta no palco á beira de Felipe VI na final da Copa do Rei, ou como o alcalde de Ourense non solicitou a compatibilidade cos seus negocios privados, algo que agora pide investigar a fiscalía. Nestes dous casos refírome á facilidade coa que algúns chegan a postos de relevancia; a miúdo é o perfil de persoas que os aparellos dos partidos, lamentablemente, queren e fomentan.

 

Os vínculos entre o sector privado e o público están no ADN do funcionamento do propio sistema, ao cal nutre a propia sociedade da que proveñen moitos dirixentes actuais cuxa vocación de servizo é nula. É un ADN do que xa se nutrían antes de chegar ao cargo: saben onde infiltrar —como nas estruturas dos partidos— co único fin de favorecer os seus intereses persoais.

 

Que a unha persoa non lle interese a política non a fai nin mellor nin peor, nin a exime da responsabilidade que como cidadán teña fose dela. A corrupción está no tecido social; o problema xorde cando esta entra na política. Un exemplo sería o caso Palau (Palau da Música Catalá), de onde se desviaron fondos para financiar a formacións políticas.

 

Segundo un estudo da Universitat de Barcelona, entre os anos 2000 e 2020 rexistráronse 3.743 casos de corrupción: o 40,5% correspondentes ao Partido Popular e o 38,3% ao Partido Socialista Obreiro Español (#PSOE), sumando entre ambas as formacións o 75,8% da corrupción en España. Moitos casos teñen a súa orixe en ONG ou empresas, crear sociedades sen actividade mercantil algunha que posteriormente se presentan a concursos públicos convocados pola Administración do Estado, como o caso das máscaras, actualmente en fase de xuízo na Sala do Penal do Tribunal Supremo.

 

Calquera cidadán pode ir nunhas listas electorais —é un principio básico en democracia—, pero hai que establecer límites para determinados postos nos que se deberían esixir uns mínimos. Ás veces non basta coa formación e titulación, senón que o candidato debería estar relacionado profesionalmente co cargo que quere desempeñar. En definitiva, trátase de pór filtros: unha defensa na prevención da corrupción entre políticos e sociedade.

 

Outro exemplo é a práctica, cada vez máis estendida, de presentar mocións de censura a un ano das eleccións municipais coa axuda de cargos electos tránsfugas (aínda sendo isto legal). O político debe ser próximo ao pobo, pero se un cidadán o que quere é que lle fagan favores porque o cargo de quenda sexa «campechano», para iso xa está o furancho.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE