O transfuguismo é o fenómeno polo cal os concelleiros que foron elixidos nunha lista dunha formación política traizoan as susoditas siglas durante o mandato corporativo, apoiando o grupo político contrario o asinando mocións de censura contra a formación política coa que concorreron ás eleccións.
O sucedido o pasado día 7 de maio no concello de Lugo foi un claro acto de piratería política, pois supuxo roubarlle á cidadanía lucense o seu dereito a decidir quen quere que goberne o concello, como é mester nunha democracia. Porque nas eleccións locais celebradas o 28 de maio de 2023 o resultado foi o seguinte: o Partido Popular co 43,6% dos votos conseguiu 12 concelleiros, o PSdeG-PSOE co 27,6% acadou 8 e o BNG co 20,03% sacou 5, para un total de 25 concelleiros. Con este resultado ningún partido tiña a maioría suficiente para gobernar en solitario, polo que eran precisas alianzas. Unhas alianzas que tiveron a súa formalización no acordo entre o PSdeG-PSOE e o BNG, que xuntos sumaban 13 concelleiros, de tal xeito que lles daban a maioría suficiente para gobernar, e que viña avalada polo 47,63% dos votos. Unha alianza natural tanto por razóns político-ideolóxicas como de tradición histórica.
Dada a aparente solidez do pacto político (PSdeG-BNG) parecería que o goberno local tiña garantida a lexislatura. Un goberno que, aínda que experimentou cambios na súa composición interna —abandono da titular da alcaldía para a súa incorporación ao Parlamento galego e morte de 3 concelleiros: todos membros do PSdeG—, estes no modificaron o escenario político, que seguía dominado pola maioría que sumaban PSdeG e BNG —13 concelleiros—. Un escenario que só un acontecemento político excepcional podía cambiar. Un acontecemento político excepcional como podería ser o “transfuguismo” e que resulta que en Galicia non o é tanto. Así, unha concelleira recentemente incorporada ao grupo municipal do PSOE se “tránsfuga” ao PPdeG, avala unha moción de censura e permite que este partido ascenda á alcaldía aínda cando a votación popular non lle outorgara esa posibilidade. Velaí que defina como piratería política movidas como a que vén de ter lugar no concello de Lugo porque, unha vez máis, se creba o sistema representativo democrático e se incumpre a vontade dos representados libremente expresada nas eleccións locais. Unha vez máis se repite unha conduta que nas derradeiras décadas abriu a porta á corrupción política.
Un acto de piratería que saca á luz certas prácticas políticas que espiden a non poucos partidos e que fan moito dano á democracia. Porque pon en evidencia que para o PPdeG o prioritario é a conquista do poder sen importarlle as formas e os modos políticos. Sen importar, por caso, non respectar os propios estatutos nos que, atendendo a un pacto subscrito no ano 1998 entre as principais forzas políticas —https://mptmd.gob.es/content/dam/mpt/politica-territorial/local/sistema_de_informacion_local_-SIL-/comision_de_seguimiento_del_pacto_antitransfuguismo/Acuerdo98.pdf— se condena o transfuguismo e se lle promete aos cidadáns combatelo. Sen importar tampouco nin a imaxe que da loita política se reflicte entre a cidadanía nin o dano que se fai á xa baixa credibilidade dos partidos o que, como estamos vendo, abre a porta ao auxe das forzas antidemocráticas e antisistema.
Tampouco o PSdeG-PSOE sae ben parado, non só porque perde a alcaldía, senón porque non é alleo ás operacións de transfuguismo, aínda que en menor escala, e así podemos botar a vista atrás para ver o sucedido nalgúns concellos galegos nos últimos meses cando aquel partido conseguiu a alcaldía grazas ao apoio de concelleiros tránsfugas doutros partidos. Non sae ben parado o PSdeG porque estes casos tamén poñen en evidencia que se converteu nun partido político sen principios nin ideoloxía sólidos, de tal xeito que non poucos dos seus cadros semellan incapaces tanto de distinguir entre a ideoloxía socialdemócrata e a socioliberal como de repudiar a corrupción.
Pero non debería estrañarnos que sucedan feitos políticos desta natureza. Así basta, por caso, con botar unha ollada aos programas municipais de practicamente todos os partidos políticos galegos para comprobar como ningún deles presenta alternativas consistentes aos problemas que, hoxe en día, agochan os concellos e que van desde a dimensión territorial á facenda municipal, pasando polo urbanismo, o medio ambiente, o benestar social e a participación cidadá. Unhas evidencias que demostran como os grandes partidos políticos circulan coas luces curtas, moi curtas, creando así un escenario político no que prácticas desprezables como o transfuguismo e a corrupción deixan de ser excepcionais para seren demasiado frecuentes. As evidencias están aí.
Escribe o teu comentario