Saía da redacción o luns e andaba cismando porqué a xente le cada vez menos noticias. De súpeto, cheirei algo extraño. Era unha mestura de terra recén mollada e incendio forestal.
Ningún outro país cheira así, pensei.
Tras un inverno criando branquias, bota un mes sen chover e xa ardemos. Foron 750 hectáreas en Ponteareas en menos de 12 horas.
Ese incendio apagouse porque pola noite entrou chuvia pero un día este país arderá tan ben como merece . Do fuciño ao rabo, da Illa Pancha á Praia do Muiño, da Mezquita a Espasante.
Eu contareino e cantareino como Nerón, consciente de que despois só serán devorados os inocentes. Para a semana o Telexornal abrirá cun ascenso, un suceso, outra ocupación.
Pode que a culpa sexa miña, diagnosticado estou polo nacionalismo dese mal ancestral, o autoodio.
Non se equivocou de todo a doutora, pois é certo que aborrezo moitísimo esta esquina-país, tan previsble na súa ruindade.
Poño un exemplo. Esta semana xuntáronse os políticos todos para o Debate de Estado da Autonomía. ¿Cal foi o anuncio máis importante do presidente? ¿Unha nova estratexia contra o lume? ¿Un plan contra o abandono das aldeas?
Plan anunciou Rueda, si, pero foi para atallar a fraude nas baixas laborais, sobre todo as provocadas por doenzas psiquiátricas “menores” e as lesións muscoesqueléticas.
Porque vostede cando chega onda o médico de familia - tras agardar, con sorte, unha semana mínimo- e lle confesa a un desconocido que lle doen tanto as costas que non pode traballar ou que non lle ve sentido a erguerse da cama, minte.
De todos é ben coñecida a fama de pobo pouco traballador que temos os galegos no mundo. Se os galegos lideramos o consumo de antidepresivos en España é por vicio. E canto máis pobres, máis vicio.
Por vicio, señor Rueda, e non por vivirmos nunha terra na que só progresan algúns que teñen bo padriño. Unha terra que encadena unha catástrofe ambiental tras outra porque seica é inevitable.
A xente cada vez le menos noticias, Manuel, e se cadra fan ben.
Mágoa que os xornalistas non poidamos desconectar igual. Somos sísifos dixitais, condenados a describir a mediocridade deste país e a súa xente.
Fagámolo polo menos algunha vez con certa honestidade.
¿A que cheira este país? A queimado, auga choca, caciquismo e corrupción.
Escribe o teu comentario