Expediente á familia Franco por impedir as visitas ao Pazo de Meirás
Rueda nega trato de favor e defende, fronte ás críticas da oposición, que o Goberno galego actúa "con total obxectividade".
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou este martes a apertura dun expediente á familia Franco por "incumprir" a lei de bens de interese cultural (BIC) que obriga a abrir ao público e permitir visitas ao Pazo de Meirás, antiga residencia de verán dos Franco, polo menos catro días ao mes.
"Constatouse que o sistema de acceso ás visitas, mediante o teléfono e o correo electrónico, está a incumprirse", explicou, en declaracións aos medios, o vicepresidente galego, despois de entregar varios informes sobre transparencia á valedora do Pobo, Milagros Otero.
Rueda avogou por "esperar" a ver que determina o expediente cando se peche, pero manifestou a súa convicción de que se a familia de Franco "está a incumprir" os parámetros de visitas que fixa a lei debe ser sancionada.
NEGA TRATO DE FAVOR
En canto ás críticas da oposición, que acusa á Xunta de non actuar con contundencia, replica que, aínda que os grupos "están no seu dereito" de manifestar o que consideren oportuno, "non teñen razón" e negou trato de favor.
"Asegúrolles que a Xunta actúa con total obxectividade", resolveu.
Escribe o teu comentario