O PSdeG solicita unha visita ao Pazo de Meirás para parlamentarios
A antiga residencia estival do ditador, que aínda pertence á familia de Franco, debe permitir visitas pero sempre ten "a cota esgotada".
O PSdeG rexistrou unha petición na Mesa da Comisión de Cultura para que se realice unha visita institucional ao Pazo de Meirás, situado en Sada, ante "o incumprimento da Lei de Bens de Interese Cultural (BIC)" que establece que se debe permitir unha visita pública gratuíta "canto menos" catro días ao mes.
A través da súa deputada no Parlamento galego Concepción Burgo, os socialistas solicitan que todos os membros da Comisión de Cultura da Cámara galega visiten as instalacións da antiga residencia estival do ditador Francisco Franco, que aínda pertence á súa familia.
Unha familia que, para Burgo, "non fixo outra cousa que poñer impedimentos", polo que "non poden permitirse actitudes que parezan un trato de favor" aos descendentes do ditador por parte da Consellería de Cultura.
Así, denunciou que "nunca houbo normalidade" nas visitas que, por lei, a familia está obrigada a permitir e que, mesmo, a carteira de Cultura da Xunta "chegou a pagar con diñeiro público" a empresa de seguridade "que os Franco esixiron para abrir o pazo".
Deste xeito, Burgo apuntou que nestes momentos "é imposible visitar" o complexo, xa que, cando se chama ao teléfono que se ofrece na web para solicitar cita, "soa unha mensaxe dicindo que ese número non existe".
Ademais, no caso de que si atendan o teléfono, responden que "a cota de visitas está esgotada". "Sempre está esgotada, chámese cando se chame, nun claro impedimento para non permitir a entrada", censurou.
Escribe o teu comentario