Críticas da CUT aos vaivéns coa produción de Stellantis Vigo
A planta de Stellantis en Vigo entra nunha nova parálise de produción esta semana, xustificada pola dirección como un axuste necesario ante a debilidade do mercado europeo. Con todo, esta interrupción contrasta frontalmente coa previsión dun novembro de máxima actividade, unha dualidade que o sindicato CUT, que hoxe celebrou unha asemblea, denuncia como unha estratexia "premeditada" de flexibilidade laboral para maximizar beneficios á conta do persoal.
A factoría de Balaídos, unha das moitas afectadas en Europa por esta decisión do grupo automobilístico, parou as súas liñas de forma graduada. O Sistema 1, responsable do ensamblaje dos modelos SUV, supendió a súa actividade desde a tarde deste martes, mentres que o Sistema 2, onde se fabrican as furgonetas, detívose o mércores pola mañá. Ambas as liñas teñen previsto renovar a marcha o vindeiro domingo, 2 de novembro. A empresa enmarca esta medida na necesidade de xestionar os inventarios de vehículos ante un "mercado europeo desafiante" antes de que finalice o ano.
Esta parada, que se suma ás realizadas noutras plantas do grupo en España (Madrid e Zaragoza) e Europa (Francia, Polonia, Alemaña e Italia), suporá que a fábrica galega deixe de producir aproximadamente 7.000 vehículos. Para xestionar a suspensión, a compañía recorrerá a mecanismos de flexibilidade interna, como as xornadas de adecuación, dado que o ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego) actualmente en vigor apenas se utilizou este ano nas liñas de produción. A maioría dos sindicatos asinaron o convenio que permite este grao de flexibilidade. Non a CUT.
A "imprevisibilidad crónica" de Balaídos
A situación que afronta a planta viguesa é un claro exemplo da "imprevisibilidad crónica" que denuncia o sindicato nacionalista. Tras esta parada de cinco días motivada por unha suposta caída da demanda, a factoría prepárase para un escenario radicalmente oposto. A planificación para o mes de novembro contempla un salto á "alta actividade", cunha programación intensiva que inclúe a apertura de liñas durante os sábados e domingos, ademais da activación da sexta xornada para a quenda de noite.
Esta oscilación entre paróns forzados e picos de sobreproducción é duramente criticada pola Central Unitaria de Traballadoras (CUT) nunha nota remitida hoxe. O sindicato celebrou este juves una asemblea xeral onde se abordou esta situación, cualificándoa de "cíclica" e recorrente cada ano. Para a CUT, isto evidencia unha "falta de planificación deliberada" por parte da dirección de Stellantis, que en lugar de asumir a súa responsabilidade organizativa, descarga o peso da descoordinación sobre os traballadores.
A organización sindical denuncia que a empresa utiliza os mecanismos de flexibilidade, como a bolsa de horas e os ERTE, como unha "ferramenta estrutural" para xestionar o que, na súa opinión, é unha estratexia produtiva totalmente premeditada. Segundo a CUT, a dirección utiliza un "discurso de incerteza" como coartada para seguir deteriorando os dereitos laborais e flexibilizando as condicións do persoal.
Acusacións de "complicidade" ás administracións
A central sindical tamén estende a súa crítica ás administracións públicas, acusándoas de "complicidade" ao aprobar sistematicamente os ERTE solicitados pola compañía. A CUT argumenta que a reiteración destas situacións desmente a suposta "imprevisibilidad" que a empresa alega desde a pandemia, usando como escusa primeiro a falta de compoñentes, daquela os microchips e agora o encarecemento das materias primas ou novos problemas de subministración.
Para a CUT, este escenario de incerteza mantido artificialmente só serve para deteriorar dereitos e facilitar a deslocalización de carga de traballo, afectando tanto á empresa principal como á vital industria auxiliar da comarca de Vigo. O sindicato subliña a contradición da compañía logrou estes anos zumentas axudas públicas aos gobernos central e autonómico pero esquece calquera compromiso co mantemento do emprego unha vez recibidos os fondos.
O obxectivo final desta estratexia, segundo a análise da CUT, non é outro que incrementar o rendemento económico do grupo e aumentar as súas marxes de beneficio. Un incremento que, denuncian, conséguese á conta das condicións sociais e laborais do persoal e, moi especialmente, en detrimento de a conciliación familiar e persoal dos traballadores, sometidos a constantes cambios de calendario.
Un fondo de solidariedade e a batalla pola calor
Ante esta dinámica, que cualifican de "abuso permanente", a CUT decidiu reforzar a protección do persoal. A asemblea de CUT aprobou formalmente a creación dun Fondo de Solidariedade Obreira. Este instrumento de apoio está destinado a todos os traballadores de Stellantis que sexan represaliados pola empresa mediante sancións con suspensión de emprego e soldo, garantíndolles un salario diario de 25 euros por un máximo de 30 días.
Paralelamente, o sindicato mantén outras frontes abertas coa dirección, como o relativo ás condicións de saúde laboral. A asemblea analizou a recente sentenza do Xulgado do Social número 5 sobre o protocolo de calor vixente no centro de traballo. A CUT considera que o protocolo actual é "claramente insuficiente" e non cumpre co Real Decreto en materia de prevención de riscos laborais.
O sindicato denuncia que, unha vez máis, a empresa prioriza a produtividade sobre a saúde das persoas traballadoras. Critican que se manteña un sistema de aireación "obsoleto", coa mesma antigüidade que as naves, e que non se realicen investimentos reais en mellorar as instalacións, mentres si se inviste en aumentar a produtividade e eliminar postos de traballo. O gabinete xurídico da CUT xa formalizou o recurso contra esta sentenza.
Escribe o teu comentario