Golpe de Estado xudicial

Manoel Barbeitos
Economista

Por se aínda quedasen dúbidas, un grupo de maxistrados do Tribunal Supremo viñeron eliminalas: “o franquismo segue vivo”. Así o confirma a sentenza da citada cámara que vimos de coñecer e na que se condena sen probas -Onde queda a presunción de inocencia?- ao Fiscal Xeral do Estado á vez que se lle da razón a un presunto delincuente: “Que debemos condenar e condenamos a D. Álvaro García Ortiz, Fiscal Xeral do Estado, como autor dun delito de revelación de datos reservados, art. 417.1 do Codigo Penal, á pena de multa de 12 meses cunha cota diaria de 20 euros e inhabilitación especial para o cargo de Fiscal Xeral do Estado por tempo de 2 anos, e ao pago das costas procesuais correspondentes incluíndo as da acusación particular. Como responsabilidade civil declarase que o condenado deberá indemnizar a D. Alberto González Amador a 10.000 euros por danos morais”.


Estamos diante dunha sentenza xudicial que pasará a historia e fará crecer moi perigosamente a xa importante desconfianza cidadá no funcionamento do poder xudicial, á vez que tamén crecerán as sospeitas sobre que intereses realmente defende. Estamos tamén diante dun golpe moi duro á democracia española e aos seus fundamentos, xa que senta un precedente moi perigoso -como sucedera coa sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatut de Catalunya de 2006 e como sucedeu cando leste mesmo tribunal tentou derrubar a Lei de Amnistía en 2024- xa que vén afirmar que, en contra do que recoñece a Constitución Española -Título III, Capítulo I- hai poderes que escapan ao control popular e que están por encima das Cámaras -Parlamento e Senado-, podendo chegar a tombar leis parlamentarias, e mesmo gobernos aínda que estes sexan lexítimos. E isto ten un nome: golpe de estado. Neste caso, golpe de estado xudicial como os que tiveron lugar en Latinoamérica, mais concretamente en Brasil -contra Lula-, Bolivia -contra Morales-, Ecuador -contra Correa- e Honduras -contra Zelaya- como así nolo asegura o ilustre maxistrado (José Antonio) Martin Pallin. Quen nos ía a dicir que algúns maxistrados quererían converter a España nun Estado bananeiro?


Porque, non nos enganemos, detrás desta insultante condena ao Fiscal Xeral do Estado, hai toda unha operación de acoso e derriba dun goberno lexítimo (PSOE/Sumar). Unha operación que se puxo en marcha inmediatamente despois de que triunfase a moción de censura presentada no seu día por Pedro Sánchez -xuño de 2018- e que agora chegou a unha das súas cimas coa sentenza contra o Fiscal Xeral do Estado. O seguinte obxectivo será tombar xudicialmente ao presidente de Goberno, xa que por vía parlamentaria non o conseguen.


Unha condena que por si non fora suficientemente ingnominiosa e inxusta conta con perlas como que o Fiscal Xeral do Estado deberá pagar unha indemnización -"polos danos morais"- a un presunto delincuente fiscal. Cabe maior ignominia? Máis grande recochineo á Xustiza? Nesta liña de despropósitos non resulta menos significativo que o Tribunal Supremo haxa adiantado o fallo para dalo a coñecer precisamente un 20 de novembro coincidindo co 50 aniversario da morte do ditador Francisco Franco. Que mensaxe queren transmitir estes maxistrados do Tribunal Supremo con esta decisión de adiantar o fallo, mesmo antes de que a sentenza sexa redactada? Convén tamén subliñar que a sorprendente rapidez con que se fai público o fallo -sete días despois da finalización do xuízo- leva a pensar que esta sentenza xa estaba redactada mesmo antes de que se celebrase o xuízo.
 

Á espera de coñecer os argumentos que esgriman os cinco maxistrados que votaron favorablemente a sentenza condenatoria, atrévome a sinalar que se moitos pensaban que Franco “estaba morto e enterrado” mellor vaian pensando que poden estar equivocados, porque, aínda que é verdade que o ditador esta realmente morto, o seu legado, o franquismo, nin está morto nin moito menos enterrado.


Para finalizar, quero declarar que fronte a estas ofensivas involucionistas das cavernas, a cidadanía debería mobilizar se quere que non lle rouben unha democracia e unhas liberdades que tanto custou conseguir.
 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE