Se se acepta iso de que a talla moral e ética das persoas se mide nos momentos difíciles, non cabe dúbida de que a guerra en Irán está retratando as dereitas políticas e económicas españolas. As razóns son evidentes e abonda con atender ás declaracións dos seus principais responsables que, no caso das dereitas políticas, volven poñer de manifesto como estas non son quen de axustar a súa lexítima aspiración a gobernar co que máis interesa ao país en cada momento. A súa obcecación por derribar o antes posible a Pedro Sánchez da Presidencia do Goberno arrástraas a unha oposición a “piñón fixo” que non poucas veces, como sucede agora, as deixa fóra de xogo.
No caso das dereitas económicas, a súa inmensa avaricia tampouco lles permite aceptar que en momentos difíciles como os actuais, cando poida que sexa necesario facer sacrificios, estes deberían repartirse en función das capacidades económicas de cada quen e non ser vistos como unha nova oportunidade para seguir facendo negocio. Varias son as evidencias deste comportamento insolidario por parte dunhas corporacións que veñen de declarar que no ano 2025 obtiveron beneficios extraordinarios tales que nalgúns casos chegaron aos 25.000 millóns de euros.
Lideran este comportamento insolidario os oligopolios dos carburantes, que aproveitaron a situación internacional para, de xeito inmediato, disparar os prezos ao consumidor de forma que, mentres a poboación sofre, estes oligopolios engordan os seus xa escandalosos beneficios, que nalgúns casos se multiplicaron por tres en 2025. No caso concreto destas corporacións pode afirmarse con rotundidade que é pura especulación, que as subas que se están dando no prezo do barril de petróleo non deberían trasladarse de xeito inmediato aos carburantes (gasóleo), xa que estes se están fabricando a partir dun petróleo que tivo o prezo anterior ás actuais subas. Por este motivo está claro que non son razóns de mercado, derivadas da situación da oferta e a demanda, as que explican estas subas inmediatas, senón a inmensa avaricia duns oligopolistas que, seguros do seu enorme poder —grazas ás famosas portas xiratorias— e apoiados nun sistema de mercado nada regulamentado que lles permite subir ou baixar os prezos segundo desexen —"soben como foguetes e baixan como plumas"—, aproveitan a conxuntura da guerra en Irán para especular desde o primeiro minuto. Velaí tamén o caso das eléctricas que, coa xustificación da guerra en Irán, subiron a valores históricos o prezo medio da luz: avaricia e especulación.
Non menos insolidario resulta o comportamento dalgunhas das grandes empresas do IBEX35. Diante dos posibles problemas derivados da guerra en Irán, o primeiro que se lles ocorre é pedirlle ao goberno, por medio do seu brazo político, a CEOE, que baixe os impostos; para nada pensan en que, por caso, tocaría gañar menos (“a río revolto, ganancia de pescadores”). Realmente confirman o subliñado pola Ministra de Traballo e Economía Social, a señora Yolanda Díaz, cando declara que “as dereitas españolas son como as vellas lavadoras: teñen un só programa”. O programa dunha baixada de impostos (IVE) cando, como sinalaba antes, veñen de informarnos de que durante o ano 2025 obtiveron uns beneficios extraordinarios que queren repetir. Temos así o caso paradigmático, que non único, do dono de Mercadona, o señor Juan Roig, que no ano 2025 incrementou os seus beneficios nun 25%, e que agora ameaza con subir os prezos —o que castigaría as familias— se o goberno español non suprime o IVE dos alimentos.
Neste contexto, as dereitas políticas (PP/Vox) apúntanse ás teses das dereitas empresariais, deixando en evidencia unha nula visión de Estado, posto que as súas propostas só beneficiarían a un sector minoritario da sociedade, á parte de contribuír a unha posible recesión económica nun momento absolutamente inoportuno. Por outra parte, apuntarse ás opcións belicistas de Donald Trump e Benjamin Netanyahu é ir contra o sentir maioritario dos pobos de España, onde os seus cidadáns non queren guerras senón paz e non se cren as mentiras daqueles. Neste marco cabe resaltar a particular posición de Vox, quen a través do seu líder, o señor Santiago Abascal, pide eleccións xerais ao tempo que non deixa de insultar ao Presidente do G]oberno cunha linguaxe impropia dun dirixente político: valla a pena comparar o comportamento deste dirixente político co doutra da súa mesma ideoloxía extremista, a señora Giorgia Meloni, primeira ministra italiana, quen finalmente se sumou á posición do xefe de goberno español, o señor Pedro Sánchez, cuestionando a ofensiva dos Estados Unidos e Israel “por estar á marxe do dereito internacional”.
Se a posición de Vox resulta absolutamente reprobable desde calquera punto de vista democrático, aínda que non debería estrañar, que se pode dicir dunha dereita que se declara liberal (PP) pero que se move a remolque desa extrema dereita (Vox) e, nun momento internacional difícil como o actual, en vez de pórse á beira do seu goberno (PSOE/Sumar) na loita pola paz e a convivencia pacífica no mundo, busca sacar réditos das dificultades?
Volvendo ao principio: se a talla moral e ética das persoas se mide nos momentos difíciles, non cabe dúbida de que a guerra en Irán está retratando a moitas das dereitas políticas e económicas españolas.
Escribe o teu comentario