Cando o señor Pedro Sánchez, en nome do seu goberno (PSOE/Sumar) e atendendo ao que era o sentir maioritario dos seus cidadáns, se negou a apoiar a ofensiva militar dos Estados Unidos e Israel contra Irán, as dereitas españolas (PP/Vox) acusárono de non estar no lado correcto da historia por non entrar nesa ofensiva. O escaso tempo transcorrido xa foi suficiente para ver como a verdade se impón e como o Goberno español si situou o seu país no lado correcto da historia.
Vale a pena que fagamos memoria de como empezou todo isto e de como os distintos gobernos europeos, así como os partidos políticos españois, se manifestaron ao principio dunha guerra que —parece necesario lembralo— non está xustificada e é un atentado contra o dereito internacional. Vale a pena facer memoria para tamén imaxinar onde estaríamos os pobos de España se o goberno de quenda (PSOE/Sumar) tivese feito caso ás demandas da oposición (PP/Vox), que eran as mesmas que, dende o inicio dos ataques, veñen facendo Donald Trump e Benjamin Netanyahu aos seus antigos aliados.
O goberno de quenda (PSOE/Sumar), por boca do seu presidente, Pedro Sánchez, puxo como guía a legalidade internacional, defendendo dende o primeiro momento a non intervención nun conflito que non está xustificado. “Entre países aliados é bo axudar cando se ten razón e tamén sinalar cando se está equivocado ou se está cometendo un erro. No caso de Irán é un extraordinario erro que imos pagar e que, de feito, se está pagando coa alza do prezo do petróleo, do gas e do número de vítimas... a disxuntiva non é se estamos a prol do réxime de Irán, é de se estamos ao lado do dereito internacional e dos dereitos humanos. Non estamos á beira do réxime iraní, pero isto non significa que se teña que violentar a orde internacional”.
Unha posición firme e valente que, se inicialmente parecía non coincidir coa posición, por caso, dos aliados europeos, finalmente logrou que estes maioritariamente a fixeran súa. E así, dende a primeira ministra italiana Giorgia Meloni, que recoñecería que “os ataques de Estados Unidos e Israel están fóra do dereito internacional” e que por tal cousa Italia “non sería cómplice da ofensiva encabezada por Estados Unidos e Israel á marxe do dereito internacional”, ata a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, quen daría un xiro de 180 graos sobre a súa posición inicial para finalmente subliñar que “o compromiso da Unión Europea co dereito internacional é inquebrantable... a guerra en Irán non é unha guerra de Europa”, rexeitando o envío de tropas europeas ao estreito de Ormuz. Pola súa parte, o primeiro ministro británico, Keir Starmer, declararía no Parlamento do seu país que “o Reino Unido non participará nos bombardeos contra Irán... Gran Bretaña non se verá envolta nunha guerra a grande escala con Irán”. Finalmente, o presidente francés, Emmanuel Macron, aseguraría que “Francia non forma parte desta guerra. Non estamos en combate e non imos involucrarnos nela”.
Posicións estas dos principais mandatarios europeos que devolveron a Unión Europea ás súas orixes, as dunha institución política que defende a paz e a convivencia pacífica entre os pobos. Posicións que revalorizan o papel de Europa no mundo e que tamén supuxeron un grande respaldo a Pedro Sánchez como estadista de talla internacional. Un estadista que colocaba a España no lado correcto da historia.
En fronte, unha vez máis, as dereitas españolas que, na súa obsesión por derrubar o actual goberno de quenda (PSOE/Sumar), volveron situarse no lado contrario para facer o ridículo e quedar en evidencia. Por parte do Partido Popular (PP), ademais de acusar a Pedro Sánchez de “ser un líder sen escrúpulos e un mentiroso” (Dolores Montserrat, eurodeputada do PP), por boca do seu portavoz Alberto Núñez Feijóo, xustificaría os bombardeos de Estados Unidos e Israel a Irán en nome “da defensa dos dereitos humanos” (sic) e criticaría a negativa do Goberno porque “España debe estar xunto ás democracias liberais”. Pola súa parte, VOX, e por medio do seu eurodeputado Jorge Buxadé, criticaría as institucións europeas por “unha política exterior que debilitou a Europa fronte ás ameazas internacionais”, mentres pola súa parte Santiago Abascal vía “con grande esperanza a ofensiva dos Estados Unidos e Israel en Irán”.
Logo destas posicións quedou moi claro que tería pasado se en España gobernasen as dereitas extremas (PP/Vox). Teriamos unha nova edición da foto das Azores —agora con Trump, Feijóo e Abascal— e España estaría embarcada nunha guerra inxustificada que ataca o dereito internacional. Entón España non estaría no lado correcto da historia como si o está por mor da valente posición dun presidente, Pedro Sánchez, que neste asunto conta co apoio tanto de todo o goberno de quenda (PSOE/Sumar) como da maioría dos cidadáns dos pobos de España: segundo o último barómetro do CIS, sete de cada dez españois rexeitan os bombardeos de Estados Unidos e Israel sobre Irán.
Escribe o teu comentario