Non o ten fácil Luís Villares, non. Non o teñen doado os/as mareantes -entre os que se atopa o que isto escribe- que queren cambiar as regras e o sistema establecidos. Non corren, como podemos ver en toda a Europa, bos tempos para as forzas realmente antisistémicas como pretende ser EN MAREA. Son moitas e poderosas as resistencias e oposicións a tales cambios. Resistencias que, como por caso sucede agora, non só proceden das poderosas forzas do sistema -as elites económicas e políticas así como os seus altofalantes, que son maioría- senón que chegan a aniñar nas propias organizacións antisistémicas. En compañeiros/as de viaxe que no caso mais favorable saben o que non queren -o réxime actual- pero non saben aínda moi ben como construír realmente o novo "sistema político". Algo ata certo punto lóxico e que se pode comprobar facilmente repasando as distintas poñencias presentadas no PLENARIO de En Marea e que están colgadas na páxina web desta organización.
Compañeiros/as de viaxe que nalgúns casos relevantes -sectores de ESQUERDA UNIDA, PODEMOS- rematan comportándose realmente máis como veteranos militantes de forzas sistémicas que como dirixentes autenticamente renovadores. En definitiva como practicantes da vella política que din rexeitar. Algo normal en EU que, fiel ao seu ideario comunista, considera a EN MAREA simplemente como unha alianza táctica -conseguir unha representación que en solitario non conseguiría- pero chocante en PODEMOS, pois dalgunha forma EN MAREA recolle moitos dos postulados que aqueles defendían inicialmente (15M) e que tiveran no seu momento unha indiscutible e grande aceptación popular.
Non o teñen doado estes/as mareantes pero, de ningures, se pode dicir que imposible. Así quedou en evidencia no PLENARIO do pasado 15 de xullo onde unha clara maioría de inscritos presentes tanto sacou adiante as súas teses, que foi quen de defender con seguridade e claridade, como de conseguir o apoio maioritario para o grupo dirixente -a COORDINADORA- que actualmente guía a nave de EN MAREA. Adianto que pese ao barullo, por outra parte lóxico cando se pon paixón ao debate e a confrontación das ideas, o PLENARIO de EN MAREA foi unha gran sinal de vitalidade: se EN MAREA non visibiliza as súas contradicións morrerá, polo que os seus membros non deberan atender a aqueles que, tanto dende dentro como moi especialmente dende fora, queren utilizar esas contradicións para desestabilizala.
As dificultades derivan, basicamente, dos diferentes niveis de auténtico compromiso co proxecto sociopolítico que representa EN MAREA. Algo que quedou claramente en evidencia neste PLENARIO por riba do barullo. Por que este PLENARIO veu confirmar que forzas políticas que habitan en EN MAREA, a pesares do criterio de adscrición individual, de ningures queren ceder parte algunha da súa soberanía partidaria a prol do novo proxecto político do que afirman querer formar parte. Actúan así, e de xeito algo sorprendente para moitos, como forzas sistemicas conservadoras, pois en contra do que afirman, a súa práctica política non coincide con as súas declaracións. Cando ESQUERDA UNIDA e PODEMOS se negan a participar no PLENARIO de EN MAREA -como pensan cambiar a dinámica actual que din rexeitar se non dan a batalla política?-, cando un numero importante de DEPUTADOS NO PARLAMENTO ESPAÑOL se resisten a render contas do seu traballo -polo que cobran- diante do PLENARIO -como pensan recoller as demandas populares e recibir o apoio solidario dos seus camaradas?-, cando rexedores locais relevantes -A CORUÑA, COMPOSTELA- non están presentes no PLENARIO -como pensan que os seus camaradas van coñecer as dificultades con que se atopan, como por caso diante da brutal ofensiva do goberno central contra a autonomía local, para así apoialos?-. Cando todo isto sucede e, ao tempo, utilizan para xustificarse argumentos dunha enorme pobreza política e intelectual están evidenciando publicamente que non hai un auténtico compromiso co novo proxecto sociopolítico que encarna EN MAREA. Moi pola contra, evidencian que os vicios da vella política, que tanto critican, aniñan neles e que consideran a EN MAREA so unhas siglas que lles serven como axuda para conseguir uns obxectivos políticos particulares: ser parlamentario, alcalde, concelleiro e/ou liberado/a político/a. Pero estes mesmos non criticaron con dureza a chamada "casta"?.
O PLENARIO tamén puxo en evidencia que sectores fundamentais de EN MAREA -presentes en MAREA ATLÁNTICA, ANTICAPITALISTAS- teñen claro o que non queren -o actual sistema-, incluso a onde queren chegar, pero resúltalles moito mais difícil saber, ou cando menos explicar, como construír o novo mundo, esa nova Galiza. Unha nova Galiza que para construíla é necesario, imprescindible, convencer a maioría social non so das vantaxes xerais da mesma senón, e sobre todo, de que o camiño que se lles mostra é o mais seguro e posible. Que non é un camiño ao abismo nin a enfrontamento suicida. Que é un camiño a construír e percorrer por esa maioría social. Repasando as poñencias presentados por eses sectores no citado PLENARIO calquera lector imparcial coincidirá con seguridade coas carencias que aquí se sinalan: por caso, o que isto escribe defendeu no PLENARIO a proposta oficial sobre financiamento autonómico -algo fundamental: non hai soberanía política sen soberanía financeira e fiscal- atopándose, con tristeza, con que as posturas críticas carecían dunha auténtica alternativa neste eido.
Esta falta de auténticas propostas políticas alternativas -que se plasmou no resto de documentos- fixo que o lexítimo e, xa que logo, desexable incluso necesario debate político entre propostas diferentes aparecera diante da maioría presente no PLENARIO como unha loita polo poder que tiña como obxectivo principal e practicamente único, por parte de RECUPERAR EN MAREA, facerse co poder na COORDINADORA e desprazar a LUÍS VILLARES da portavocía e, xa que logo, do liderado de EN MAREA. Algo que se fixo visible dende os primeiros actos do PLENARIO -situar a primeira votación, que ía sobre o regulamento da sesión plenaria, como unha primeira medición de forzas, case coma un plebiscito foi un claro sinal do que realmente se buscaba- e que condicionou, en grande parte, todo o transcorrer do PLENARIO. Así RECUPERAR EN MAREA, a vista da maioría, apareceu mais como grupo de inscritos a procura da dirección de EN MAREA e non como unha forza portadora dunha auténtica alternativa estratéxica. Xa a propia autodeclaración levaba a confusión: recuperar... qué...? Unha visión exclusivista e moi, moi ríxida de EN MAREA tal que lles restou credibilidade diante da maioría do PLENARIO. Velaí que perderan todas as votacións que converteron en plebiscitarias a pesares das continuas chamadas ao consenso por parte dunha maioría dos inscritos presentes. Baste como exemplo o sucedido con unha das poñencias principais ("En Marea como alternativa política das maiorías sociais de Galiza") cando os defensores da poñencia oficialista, en aras da unidade e o consenso, aceptaron a emenda á totalidade presentada por RECUPERAR EN MAREA sen que estes, nunha nova mostra de miopía política, recolleran a man tendida e optaran polo enfrontamento que de novo perderon e de xeito claro.
Varias reflexións amistosas se me ocorren a prol dos resultados das votacións, todas desfavorables ao grupo autodenominado RECUPERAR EN MAREA. En primeiro lugar que centrar o debate no cuestionamento permanente tanto da COORDINADORA como moi especialmente do seu portavoz LUÍS VILLARES restoulles moita credibilidade diante da maioría de inscritos no PLENARIO ao tempo que deixou en evidencia o seu descoñecemento da realidade que é, hoxe en día, EN MAREA en Galiza. En segundo lugar que a súa teima por procurar, incluso de xeito obsesivo, os disensos en vez de traballar nos consensos como debe ser o comportamento entre camaradas incluso con orixes distintas pero cun mesmo obxectivo, tamén lles restou credibilidade. Finalmente, e a nivel práctico, logo da primeira votación case plebiscitaria, que perderon, deberon entender que o mellor para EN MAREA e, xa que logo, para eles mesmos era procurar consensos e non acentuar disensos que, en moitos casos, a maioría non entendía.
Que vai pasar a partir de agora? A verdade é que todos os escenarios aparecen abertos. Dende o enfrontamento fratricida, que suporía a morte prematura de EN MAREA, pois non habería vencedores, ao salto adiante que moitos esperamos. O resultado final dependerá de varios factores que xa se apuntaban no relato anterior. En primeiro lugar da postura dos partidos mais mornos con EN MAREA e moi especialmente, dada a súa maior relevancia, de PODEMOS. Esta organización debera superar individualismos esnaquizadores e tanto entender que EN MAREA debe ser "un proxecto de unidade e confluencia, un espazo político de Unidade Popular, estratexia necesaria para artellar unha maioría social que pilote o cambio en Galiza" como que o seu propio e auténtico éxito político dependerá do éxito político daquela e viceversa. O mesmo cabe dicir do resto de partidos tales como ESQUERDA UNIDA e ANOVA. Equivócanse aqueles que a ven como competidora: que repasen a historia. Cada un polo seu lado non chegarán moi lonxe en Galiza.
En segundo lugar MAREA ATLÁNTICA e ANTICAPITALISTAS, sen renunciar de ningures ás súas ideas, deben aceptar que cando hai disensos son as maiorías quen deciden. E que a democracia non so é un sinal de identidade das esquerdas, senón que ten que ser a súa práctica cotián. Unha práctica que supón, por caso, que as decisións maioritarias son logo apoiadas e defendidas por todos: o contrario é caer en prácticas conspirativas de curtas miras e nefastos resultados. Tamén deben entender que EN MAREA é o seu espazo político natural, polo que deben seguir traballando arreo para que aquela medre e se fortaleza. Traballando arreo pero con lealdade porque todos os seus membros son/somos camaradas.
Finalmente o grupo maioritario debe recoñecer que aínda queda moito camiño por percorrer. Que o feito ata agora é moito -EN MAREA apenas ten un ano de vida- pero queda moito traballo por facer tanto a nivel interno como, fundamentalmente, externo: moitos dos problemas actuais de EN MAREA derivan da súa aínda débil implantación territorial e sectorial. EN MAREA debe abrirse a sociedade galega toda pero moi especialmente as súas clases populares para que estas a vexan como unha autentica alternativa de combate político democrático e de cambio social maioritario para Galiza. De cambio fronte a esta orde neoliberal que nos asolaga, nos oprime e explota como cidadáns e nos destrúe como pobo. De combate fronte aos defensores desa orde que refugan da democracia e priman a corrupción.
Galiza precisa de EN MAREA e esta precisa daquela.
Escribe o teu comentario