"Cuanto peor, mejor para todos. Y cuanto peor para todos, mejor. Mejor para mí él suyo. Beneficio político" (Mariano Rajoy)
Digan o que digan a maioría dos partidos políticos rivais, dos medios de comunicación e opinión, de altofalantes e interlocutores a moción de censura presentada por Unidos Podemos e as súas confluencias tal que En Marea ao goberno español que preside Mariano Rajoy -situado á fronte do partido máis corrupto de Europa (PP)- tivo un indiscutible impacto tanto a nivel político como mediático e foi un claro éxito político dos partidos que a presentaron. As razóns disto último son evidentes.
A moción de censura serviu para situar, por primeira vez, no centro do debate político un dos problemas máis graves da democracia española: a corrupción. Como ben confirman todas as enquisas a cidadanía galega, como a española no seu conxunto, está moi, pero moi preocupada pola corrupción. Unha corrupción que non só ten un enorme custo económico -80.000 millóns de euros anuais: 7,2% PIB español-, senón que gangrena a democracia española, emporca a política e lesiona o tecido social. Unha corrupción que en absoluto é xeneralizada, senón que se centra maioritariamente no partido gobernante (PP), como así o demostra o inxente número de preitos xudiciais relacionados cos casos de corrupción nos que se atopa envolto. Ben é certo que outros partidos tanto de carácter nacionalista (CiU) como español (PSOE) teñen tamén relevantes casos de corrupción que, con todo, quedan pequenos fronte á enormidade do Partido Popular (PP).
Velaí o primeiro éxito da moción de censura: situar a corrupción no centro do debate político. Para a continuación sinalar con toda claridade que un partido político (PP), que ademais goberna en España, é o abandeirado nunhas políticas corruptas que, indiscutiblemente, forman parte da súa estratexia. Algo que podemos avaliar como segundo éxito da moción de censura: deixar sinalado con toda evidencia que hai un partido político (PP) que lidera, a moita distancia, a corrupción en España. Conseguido iso os promotores da moción de censura tamén tiveron outros éxitos como, por caso, obrigar a todos os partidos do arco parlamentario á 'retratarse' diante da corrupción. Unha acción que supuxo que algúns partidos que se presentan como inimigos furibundos da mesma quedaran en evidencia, como por caso Cidadáns (Cs) polo seu apoio ao goberno de Mariano Rajoy (PP). Algo que agora debera facer reflexionar os dirixentes e directivos do PSOE sobre se resultaría explicable, e asumible polas súas combativas bases, volver propoñer como alternativa de goberno un pacto tripartito (Ciudadanos-PSOE-Unidos Podemos).
Como sucede con este tipo de iniciativas políticas, e moito máis cando teñen tal impacto mediático, os diferentes partidos do arco parlamentario quedaron tamén retratados. En relación a aqueles que votaron 'non' a moción de censura empezando, loxicamente, polo partido do goberno (PP) caben sinalar varios detalles moi relevantes e significativos. Que estamos diante dun partido (PP) moitos de cuxos cadros e directivos están moi lonxe de ser auténticos demócratas como por caso o mesmo presidente de goberno (Mariano Rajoy) e/ou o impresentable portavoz (Rafael Hernando). O ton, talante e mesmo os contidos das súas intervencións así o evidencian. Que xa se sabía que M. Rajoy é un mentireiro compulsivo -nos Estados Unidos, por caso, xa estaría defenestrado: lémbrese o calvario de B. Clinton por mentirlle ao Congreso- pero agora tamén sábese, e con certeza, que é un político a quen, con todo cinismo, a corrupción non parece importarlle incluso, o que resulta peor, que a protexe por practicala consciente e regularmente. No caso do portavoz (Rafael Hernando) simplemente que se trata dun personaxe sen catadura moral nin formación educativa.
Finalmente a moción confirmou que o Partido Popular (PP) é un partido neoliberal a quen a desigualdade social e territorial, consecuencia das súas políticas, tampouco lle importa senón parece consideralas algo natural e lóxico - como a corrupción estes non son problemas, son 'chismes'-. En definitiva a moción de censura puxo de novo en evidencia que para finalizar coa corrupción e a desigualdade social e territorial resulta imprescindible sacar ao Partido Popular (PP) do goberno das distintas administracións públicas moi especialmente do goberno central e os gobernos autonómicos sen esquecer as administracións locais.
Unha tarefa para a que non se pode contar con Ciudadanos (Cs). Este partido mostrouse durante toda a moción como un partido simbiótico do Partido Popular (PP) con ataques ao líder de Podemos (Pablo Iglesias) que en agresividade chegaron a superar ao partido do goberno (PP). Realmente nesta moción Unidos Podemos conseguiu que a Cidadáns (Cs) se lle caesen os veos da progresía e a liberalidade para quedar totalmente espido e mostrarse como un partido de corte conservador, con sólidos vínculos co IBEX 35, e talante escasamente liberal. Con todo, é moi posible que a partir de agora os medios de comunicación e opinión máis vinculados ao IBEX 35, traten de convencernos de que o tripartito (Cs-PSOE-Unidos Podemos) é o goberno que precisa España.
A moción puxo en evidencia as contradicións do nacionalismo conservador (PNV e JxSi), a distancia entre as declaracións e a acción política. Os primeiros (PNV) que á vez que non se cansan de facer declaracións públicas por mor das súas diferenzas co Partido Popular (PP) por ser este un partido franquista, son quen de apoiar os orzamentos por mor de melloras substanciosas no financiamento autonómico que veñen completar a xa discriminación positiva que supón o cupo. Os segundos (JxSi) porque, agoniados polos casos de corrupción que os salpican e buscando tapar os desastres sociais, a deterioración da calidade de vida e de benestar dos cataláns provocados, polas súas políticas fiscal e social, embarcáronse nunha dinámica suicida de fuxida cara adiante facilitada pola cerrazón do nacionalismo español (PP e sectores do PSOE). Enarborando a bandeira independentista, e apoiándose no lóxico enfado dos cidadáns cataláns co goberno central (PP), buscan tapar os desastres das súas políticas e ocultar que, en temas sociais, ambos os dous partidos (PP e JxSi) coinciden case sempre.
O debate tamén deixou claro que o PSOE, cando menos a nova dirección, empeza a ter claro que as súas posibilidades de gobernar pasan por virar á esquerda e buscar unha alianza sólida e estable con Podemos, o que non deixa de ser un éxito máis da moción de censura: sen ela non sería posible ese cambio. Un cambio que ao PSOE non lle vai a ser fácil, tanto por razóns internas como externas, pero visto o que está a pasar coa socialdemocracia en Europea non queda outro camiño se quere seguir sendo relevante.
Nin creo que as súas bases acepten outra alternativa logo do tremendo 'envorcallón' que veñen de darlle a vella garda e unha parte maioritaria da súa nomenclatura partidarias ambas de buscar alianzas á súa dereita. Por outra banda o debate tamén puxo en evidencia que, se hai auténtica vontade política, non existen razóns nin políticas nin ideolóxicas que impidan esa unidade que, como parece cada vez máis claro, unha gran maioría social en Galicia e en España quere e reclama. (Con todo escribo cando o 39 Congreso do PSOE recentemente terminou polo que debo esperar a ter máis e mellor información para poder opinar con fundamento. Fareino nun próximo artigo).
Unha unidade que, con moita seguridade, podería contar co apoio dalgunha das forzas nacionalistas máis relevantes. Como por caso Esquerra Republicana, Bildu e, mesmo, PNV. O caso máis problemático seguramente sexa o da primeira. A actual situación de quentura política en Catalunya, e a relevancia das forzas centrípetas no PSOE adoutrinadas no nacionalismo español, non farán que sexa fácil o camiño para conseguir que Esquerra Republicana se some a tal proxecto de unidade das esquerdas. Neste caso a acción de Unidos Podemos -sintomático o longo abrazo final entre Pablo Iglesias e Jordi Tardá- e moi especialmente o da súa confluencia En Comú Podem será fundamental.
Pero o camiño para a ansiada unidade das esquerdas en España xa se empezou a debrocar. Toca agora que os distintos partidos que a deben materializar se poñan a traballar e a camiñar xuntos. Unha unidade das esquerdas que, no que afecta aos galegos, debe iniciar xa a súa marcha. Unha marcha na que se deben atopar En Marea, PSdG-PSOE e BNG. Tampouco está fácil pero seguramente por razóns algo diferentes ás españolas. Razóns que teñen máis que ver coa situación interna deses partidos e con vellas feridas aínda non cicatrizadas que con diferenzas estratéxicas insalvables. Por todo iso, a posición e o protagonismo das bases neses partidos será fundamental. Así como o protagonismo tanto das forzas sindicais como dos movementos sociais cuxa participación neste movemento social e político é imprescindible.
En relación cos partidos políticos galegos citados está claro que haberá que esperar a saber como e de que maneira o 39 Congreso federal do PSOE repercute en Galicia no seu homónimo PSdG-PSOE. Hai algunhas razóns para o optimismo pero, desgraciadamente este partido xa deu no pasado recente demasiadas mostras de ser quen de facerse o 'harakiri' mesmo nos momentos máis inoportunos: as súas bases non deberían permitilo esta vez. En relación ao BNG hai razóns sólidas para o optimismo.
A favor está a historia recente (gobernos municipais) e pasada (goberno autonómico bipartito) que nos di que, aínda con reticencias, esta organización non renuncia por principios a proxectos estratéxicos unitarios a pesar da súa tendencia cainita. En contra vellas feridas aínda non cicatrizadas - especialmente con En Marea- e o excesivo peso da ortodoxia en relevantes dirixentes desa organización.
Con todo, de darse o encontro entre En Marea e PSdeG-PSOE vexo moi improbable que o BNG opte finalmente por quedar fóra. Finalmente En Marea atravesa unha certa encrucillada existencial derivada maiormente da súa curta vida. Como lle sucede a Podemos, En Marea atópase que, con apenas dous anos de vida e por decisión popular, pasou a liderar, en Galicia, a oposición ao Partido Popular así como a gobernar en importantes capitais -tales como Compostela, A Coruña, Ferrol-. Os feitos derivados de distintas conxunturas camiñaron moi por diante da reflexión política e orgánica en En Marea e este déficit faise notar xunto á vertixe daqueles cadros e dirixentes que non son quen de asumir o éxito e as responsabilidade conseguintes.
Unha vertixe que parecera frear a imprescindible cesión de soberanía política dos partidos que a integran a favor de En Marea como proxecto unitario. Unha vertixe e unha resistencia, por outra banda, perfectamente comprensibles, e poida que inevitables, dadas as diferentes sensibilidades e culturas dos partidos que aniñan en En Marea. Diferenzas que deben ser consideradas polos seus membros como unha das riquezas de En Marea e non como unha debilidade. Así cabe esperar que en En Marea vaia impoñéndose o sentido común e que, polo ben de Galicia, confirme definitivamente que está preparada para liderar o cambio en Galicia, como vén de demostrar Unidos Podemos estar preparado para liderar o cambio en España.
O plenario que celebrará a mediados de xullo dará unha mostra de se En Marea dá un salto cara adiante ou se perde en debates estériles sen relevancia política pero fratricidas. Centos de miles de galegos/as están a esperalo. Non os/as defraudemos.
Escribe o teu comentario