Esta semana pasada estivo marcada por unha efeméride: o 20 de novembro cumpríronse cincuenta anos da morte dun dos ditadores máis crueis e sanguinarios do século XX. Unha morte que abriría a porta á posibilidade de que España se convertera nunha democracia homologable ás que existían en Europa occidental. Oportunidade para facer balance de, por caso, onde estamos hoxe en día en relación a onde partimos e tamén a onde queríamos chegar.
Resulta indiscutible que España, e con ela Galicia, é hoxe unha democracia consolidada. Unha democracia con déficits pero que tamén deu importantes pasos adiante nas esferas política, económica e social. Unha democracia política, con liberdades e dereitos democráticos recoñecidos constitucionalmente, con importantes avances na descentralización -aí están por caso os gobernos autonómicos cos seus respectivos estatutos-, integrada en Europa e por tanto non illada, máis igualitaria -máis e mellores prestacións sociais e dereitos laborais- e que nun momento no que a recesión económica ameaza ao vello continente aparece, segundo tódolos organismos internacionais competentes, como unha referencia económica en Europa. Unha España, en definitiva, que en nada se parece a aquela que deixou o ditador.
Mais.....non se pode negar que no horizonte aparecen preocupantes nubes negras. Así, España non escapa a un fenómeno que afecta practicamente a todo o Occidente como é o auxe que as forzas totalitarias están adquirindo nos escenarios político e social. Forzas que nos queren retrotraer a anos felizmente superados. En España estas forzas políticas (PP/Vox), coa complicidade dos seus aliados xudiciais, mediáticos e económicos, queren tanto minguar os dereitos e liberdades que nos custou moito conquistar como levarnos a un estado (aínda) máis desigual, centralizado e con trazos totalitarios.
Pola súa parte, se a Galicia actual en nada se parece á que deixou o franquismo pois este país é, hoxe por hoxe, unha democracia consolidada, con importantes avances en materia autonómica e tamén melloras en benestar social (pensións), tamén é certo que por mor do longo dominio conservador (PPdeG) é hoxe un pais minguante que non só segue soportando o éxodo da súa mocidade, a máis preparada de sempre, senón que ve como o seu sistema produtivo se debilita, o seu patrimonio público se privatiza, os seus recursos naturais e o seu medio ambiente se deterioran e as súas personalidade, cultura e lingua esmorecen polo desprezo que para elas mostran as autoridades autonómicas.
Unhas autoridades autonómicas que por razóns políticas partidarias, por mor dunha estratexia de confrontación co goberno español de quenda (PSOE/Sumar), se nega a sumarse aos avances que en materia de benestar social e dereitos democráticos, tamén de medio ambiente, está aquel poñendo en marcha -velaí por caso o que está pasando cos servizos públicos máis básicos, coa defensa dos recursos naturais..-. Porque se resulta indiscutible que España conta co goberno máis progresista da súa historia, o que máis fixo polas clases de rendas medias e baixas, tamén é certo que Galicia segue presa dunhas forzas totalitarias e retrógradas (PPdeG) que buscan impedir que este país camiñe ao par que o fai esa España que é gabada nos escenarios internacionais.
Neste marco, esta efeméride debería axudar a que os demócratas galegos, xunto co resto dos demócratas dos pobos de España, non perdamos de vista o pasado aínda que sexa para impedir que volvamos a onde nunca deberiamos ter estado: “nunca máis”. Efemérides que serva para que sexamos conscientes de que é moito o que podemos perder.
Escribe o teu comentario