A guerra en Irán —en realidade un crime de guerra por parte dos Estados Unidos (Donald Trump) e Israel (Benjamin Netanyahu) que unha vez máis saltan o dereito internacional— está supondo un novo chanzo no crecente desprestixio político e moral da Unión Europea. A súa incapacidade para ofrecerlle aos pobos de Europa e do mundo unha alternativa diferente á que propugnan os tres imperios (Estados Unidos, China, Rusia), que procuran repartirse o mundo, alimenta ese desprestixio e esa perda de protagonismo no escenario internacional. Unha alternativa que, en liña cos seus principios fundacionais, defenda a paz entre os pobos, refugue as guerras imperialistas (como a de Irán e Ucraína, por caso) e todas as guerras, e levante as bandeiras da paz, a liberdade, a igualdade, a solidariedade e o dereito internacional. Unha alternativa que, por exemplo, lle diga aos países do Sur Global que “outro mundo é posible”.
Un desprestixio e unha perda de presenza no escenario internacional que non é de agora, senón que se vén arrastrando practicamente dende a crise financeira (2007-2008), cando os intereses dos bancos e os fondos de investimento se puxeron por diante dos intereses cidadáns. Cando as autoridades comunitarias, seguindo o guión marcado polos bancos alemáns e franceses, castigaron con enorme dureza e saña a Grecia e aos estados do Mediterráneo, despectivamente chamados PIGS. Unhas autoridades que provocaron que, dende eses anos, as economías europeas non fosen quen de levantar cabeza, entrasen nunha onda longa de baixo crecemento e se acentuasen as diverxencias internas e tamén unhas diferenzas políticas que ameazan a unión.
Diferenzas que xa se plasmaron na guerra en Ucraína, onde as autoridades europeas, lonxe de buscar un acordo de paz que free o enorme sufrimento que está a padecer a poboación ucraína —quen, segundo todas as evidencias, o que máis desexa é que a guerra termine canto antes e como sexa—, teñen agora a súa plasmación na invasión militar de Irán. Alí, a submisión aos Estados Unidos de Donald Trump parece primar por riba tanto dos auténticos intereses europeos coma de principios democráticos tales como a defensa do dereito internacional. Unha submisión tal que roza o esperpento, como puidemos ver no lamentable encontro habido na Casa Branca entre o chanceler alemán, Friedrich Merz, e o presidente estadounidense, Donald Trump, cando aquel non foi quen de defender os seus socios (España, Francia, Alemaña) dos ataques tabernarios deste. Unha penosa imaxe que quedará para a historia.
Resulta evidente que moitas autoridades europeas, nacionais e comunitarias, non parecen quen de sacar as pertinentes leccións da historia; por exemplo, do sucedido en Europa no século XX, coas dúas guerras mundiais, as máis destrutivas da historia da humanidade (100 millóns de mortos entre ambas). O mesmo sucede coa brutal guerra civil en Iugoslavia (100.000 mortos), por non acudir á historia máis antiga para lembrar as dúas guerras europeas máis longas: a dos Cen Anos (séculos XIV-XV) e a dos Trinta Anos (primeira metade do século XVII). Guerras que nos ensinaron a crueldade e a senrazón das mesmas.
Unhas autoridades europeas que tampouco parecen ser quen de entender que o dereito internacional se ten que aplicar a todos; por caso, a Irán, pero tamén aos Estados Unidos e a Israel (quen non para de incumprilo repetidamente, como estamos vendo con Palestina). Que a súa obriga é denunciar todos aqueles países que o violan. Por certo, señor Feijóo, os dereitos humanos non están por riba do dereito internacional por unha razón moi simple: o dereito internacional é o dereito internacional público, o dereito internacional humanitario e o dereito internacional dos dereitos humanos.
Que a maioría dos gobernantes da Unión Europea, coa loable excepción de Pedro Sánchez, non sexan quen de denunciar os bombardeos de Israel e os Estados Unidos sobre a poboación iraniana fai que aquela perda credibilidade e dignidade... se as tiña. Perde tamén autoridade moral para denunciar calquera outro ataque militar a un país soberano como, por caso, o actual de Rusia a Ucraína ou un posible futuro de China a Taiwán.
Como se pode condenar, por exemplo, o non respecto aos dereitos humanos por parte do goberno de Irán —que debe ser condenado— se ao mesmo tempo non se fai cos bombardeos que está sufrindo por parte dos exércitos sionista e estadounidense? Cando, ademais, se sabe a ciencia certa que non é a defensa dos dereitos humanos, senón outras razóns as que moven estes ataques (quedarse co gas e o petróleo de Irán, quitarlle un aliado a China e conseguir a hexemonía israelí en Oriente Medio). Por outra parte, que pasaría se todos aqueles países que non respectan os dereitos humanos —150 segundo Amnistía Internacional— fosen bombardeados? Como estaría o mundo se cada país decidise pola súa conta bombardear a outro cando el quixese?
A verdade é que resulta difícil pedirlle aos dirixentes da Unión Europea que respecten as regras e defendan o dereito internacional cando levan décadas sen facelo ou facéndoo de xeito discriminatorio.
Escribe o teu comentario