Días atrás tivo lugar no Congreso dos Deputados un acto para celebrar “a marca da Constitución Española como a máis longa da Historia”. Unha Constitución que foi aprobada polas Cortes o 31 de outubro de 1978 e posteriormente ratificada por un referendo celebrado o 6 de decembro dese mesmo ano con o 87,78% dos votos que representaron o 58,97% do censo electoral.
Unha celebración na que abondaron as opinións encol de que a Constitución foi e segue sendo o principal garante da democracia en España. Unha opinión que ten unha parte de razón pero que tamén pode ser acompañada doutra que afirme con argumentos que a Constitución española posibilita que se manteñan grandes déficits democráticos. Algo fácil de comprobar se facemos memoria de relevantes feitos políticos acontecidos nestas case cinco décadas de democracia que chegaron a poñer en cuestión a realidade do principio constitucional: “a soberanía nacional reside no pobo español do que emanan os poderes do Estado” (Arte. 1.2. C.E.).
Empecemos por caso poñendo o foco na Xefatura do Estado e fagámonos a pregunta seguinte: esta institución, centrada na monarquía, é unha institución autenticamente democrática? Se facemos memoria tanto da súa orixe como dos comportamentos que durante décadas, baixo o paraugas dos poderes constitucionais, fixo o seu titular (Juan Carlos de Borbón) a resposta non pode por miás que ser negativa. En relación á súa orixe lembrar que foi imposta polo ditador Francisco Franco (22 de xullo de 1969) co obxectivo de perpetuar o réxime franquista (“lexítimo herdeiro da dinastía histórica” Art. 57.1.C.E.). Unha institución que ten recoñecidos pola Constitución Española (Título II: Da Coroa) poderes claramente autocráticos (“A persoa do Rei é inviolábel” Art. 56.3) e extraordinariamente amplos (Art. 62). Poderes que non son comparables aos de ningunha outra monarquía europea e que posibilitan condutas ilícitas e inmorais como as que durante décadas mantivo o actual rei honorífico (Juan Carlos de Borbón) que sendo monarca nunca acatou “a soberanía do pobo español” (Art. 1.2.C.E.) por considerarse “non suxeito a responsabilidades” (Art. 56.3)
Pasemos agora ao outro aparato do Estado, o Poder xudicial (Titulo VI. Do poder xudicial) que segundo a C.E. é quen administra unha xustiza que “emana do pobo” (Art. 117). Se fose así, como é posible que un sector relevante do mesmo estea conspirando libremente contra un goberno que foi elixido polo Parlamento? Como pode suceder que haxa maxistrados que queiran estar por riba da vontade popular e do resto de poderes democráticos? Independeantemente do que posibilitan as distintas leis aprobadas sobre o poder xudicial, como por caso a Lei Orgánica do Poder Xudicial, a Constitución española deixou escrito en pedra -polo que parece- que “Xuíces e Maxistrados integrantes do poder xudicial, independentes, inamovibles, responsables” están sometidos “unicamente ao imperio da lei” (Art. 117.1). Un sometemento que posibilita que se dean casos de claros abusos que son perfectamente coñecidos e están na mente de case todos. Abusos, e ataques tanto a democracia parlamentaria como “a soberanía do pobo español” (Art. 1.2.C.E.)
En relación a Organización Territorial do Estado (Titulo VIII) os anos transcorridos e os feitos ocorridos deixan en evidencia que a Constitución española favorece unha estrutura radial do Estado (centrado na capital do reino: Madrid), que garanta a existencia dun estado uninacional por oposición ao desenvolvemento da súa plurinacionalidade. Unha clara falta de sensibilidade federal que, durante todos estes anos, se viu reflectida tanto nos numerosos casos de conflitos de competencias (nalgunha lexislatura superaron os 200) como en sonoras intervencións do Tribunal Constitucional e do Tribunal Supremo que tentan sempre de impoñer unha visión uninacional que, como é ben sabido, ten sido causa constante de tensións con continuos movementos contestatarios non só no Pais Vasco e Catalunya senón tamén en Galicia, País Valenciá, Andalucía.... e mesmo en Madrid. Visión uninacional que facilitou a radicalización dos partidos nacionalistas e que algúns deles, como por caso sucedeu recentemente en Catalunya logo do golpe constitucional contra o Estatuto de Miravet, se converteran en partidos independentistas.
Podemos rematar facendo referencia as Funcións públicas de benestar (Capítulo Terceiro) onde non somos poucos os cidadáns que botamos en falta que a Constitución Española fixe axeitadamente a España coma un auténtico Estado social e de dereito. Por caso, fixando constitucionalmente a obriga do Estado e as Autonomías de garantir uns servizos públicos de benestar acorde coas necesidades e demandas cidadáns.
Velaí un pequeno detalle dos déficits democráticos que segundo quen isto escribe son posibles, entre outras razóns, pola existencia dunha Constitución que os lexitima. Déficits que, por tal razón, non parecen superables dentro do actual marco constitucional o que xustifica a demanda política de reformas constitucionais. Demanda natural se temos en conta que vivimos no ano 2026, nunha democracia consolidada, e que esta Constitución foi aprobada no ano 1978 cando a correlación de forzas entre dereitas e esquerdas era moi desequilibrada a prol dos primeiros, como quedou perfectamente reflectido no momento de fixar os principios reitores dos dereitos, especialmente os referidos ao estado de benestar. Compre engadir que as reformas constitucionais nos estados democráticos son algo natural e así o confirman os datos: se os Estados Unidos, a democracia mais antiga, leva 27 reformas constitucionais, Francia 25, Alemania entre 60 e 70, Holanda 25, Austria mais de 100 e Portugal 7. No caso de España a Constitución só foi reformada en 3 ocasiones e todas elas por mandato da Unión Europea e en favor das rendas altas.
A realidade é que os dous partidos maioritarios (PSOE/PP), partidarios do bipartidismo por que lles permite repartirse alternativamente o goberno de España, non teñen considerado en todos estes anos ningunha reforma constitucional o que en non pouca parte explica a conservación dos citados déficits democráticos.
Escribe o teu comentario