Adamuz tómalle o pulso ao país

Manoel Barbeitos
Economista

Foto de la Guardia Civil de la investigación del accidente de Ardamuz
Foto de la Guardia Civil de la investigación del accidente de Ardamuz

 

Din que as grandes desgracias, como o terrible accidente ferroviario de Adamuz (Córdoba) serven, entre outras cousas, para medir a talla dos políticos, a credibilidade dos medios e a ética das sociedades civís. En definitiva para tomarlle o pulso a un país.


Empezaría destacando a sociedade civil que, na súa maioría, deu mostras dun comportamento admirable, cheo de humanidade e solidariedade. Un comportamento que tira por terra moitas das teses actuais que falan dunhas sociedades egoístas e insolidarias que priman o individual sobre o colectivo. As mostras de cariño e solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario, cos seus familiares e achegados multiplicáronse ao longo da maioría dos pobos de España que brindaron o seu apoio a estes así como aos equipos que xestionan sobre o terreo o impacto do descarrilamento. Unhas mostras de solidariedade nas que o pobo andaluz leva a palma de xeito claro, pois “os veciños saíron das súas casas coas mantas, termos de café e comida quente. Outros ofreceron os seus vehículos ou abriron espazos municipais para atender a feridos e familiares… Aquí todo o mundo fixo o que puido” (Rafael Ángel Moreno Reyes, alcalde de Adamuz). Como subliñaría o Presidente da Junta de Andalucía, “o pobo andaluz é un pobo solidario” (José Manuel Moreno Bonilla).


A cousa xa cambia un pouco cando pasamos aos medios de información, e moi especialmente ás redes que están creando un mundo mediático altamente insán, violento e cheo de mentiras e lama. Así, e inmediatamente despois de que se producira o accidente, as mentiras, a desinformación e as imaxes trucadas xeradas con IA propagáronse polas redes sociais co conseguinte impacto emocional nos familiares das vítimas do accidente. Segundo Nicolás Marchar, Director do departamento de seguridade e defensa na Universidad de Nebrija, “estamos monitorizando mensaxes sobre o accidente con imaxes falsas que intentan manipular e facer a catástrofe máis grande, mensaxes de bots en redes facendo ver que as autoridades están mentindo e o número de vítimas mortais é cinco veces superior ao ofrecido, e mesmo detectamos teléfonos de afectados falsos, que intentan estafar ás vítimas que se atopan nunha situación vulnerable e, por conseguinte, á posibilidade de éxito na estafa é maior”. 

 

Desgraciadamente cando suceden feitos como estes hai medios de información e opinión que intentan competir coas redes. Como avisaba Sonia Blanco, da Facultad de Comunicación da Universidad de Málaga, “os medios equivocanse cando cren que teñen que facer o mesmo que as redes sociais e seren mais rápidos. Non hai que competir por ser os primeiros, senón por ser os mellores e os máis rigorosos”. Mesmo algunhas televisións privadas, obsesionadas por ofrecer primicias caeron nesta equivocación, algo ao que xa nos teñen acostumados.


Mais mención á parte merecen algúns partidos políticos, porque este desgraciado accidente tamén serviu para que as dereitas españolas (PP/Vox) volveran a competir entre elas polo relato. Se a iniciativa partiu, unha vez máis, de Vox cargando contra o goberno polo accidente (“hai que denuncialo con toda contundencia… o loito, o silencio, non poden servir para ocultar a corrupción… por que a corrupción mata” Santiago Abascal, presidente de Vox), este partido logo se vería acompañado pola peculiar presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid, a señora Isabel Ayuso, que directamente acusaría ao goberno español de “falta de transparencia e de ocultar datos á cidadanía”, e por medio do seu portavoz, o señor Miguel Ángel García Martín, criticaría ao señor Óscar Puente, Ministro de Transporte “cuxo caos na xestión mostrou a súa peor cara e levou a vida de 42 persoas… O luto, o silencio no pode servir para ocultar a corrupción… e a corrupción mata” (sic). Iniciativas que levaron ao Partido Popular (PP) a sumarse aos ataques contra o Goberno tanto por medo das súas portavoces no Congreso, a señora Ester Muñoz, e no Senado, Alicia García, como do seu secretario xeral, o señor Miguel Tellado Filgueira, que nun dos seus floridos ataques ao Goberno, agora centrado no seu presidente, Pedro Sánchez, declararía que “estamos diante da peor traxedia que ten que xestionar este Goberno, sendo da súa exclusiva competencia e Sánchez leva desaparecido dende o luns” (por esas datas Sánchez estaba en Adamuz como así o confirmaron as televisións) “Non é política. É un dato”. 

 

Cómpre destacar que foron estes dous partidos (PP/Vox) os únicos do arco parlamentario que fixeron política partidaria co desgraciado accidente. “Sánchez e Puente están máis preocupados polo control do relato que polo accidente”. Foron tamén estes partidos quen solicitarían un pleno extraordinario polo accidente de Adamuz e, como non, a comparecencia do presidente, o señor Pedro Sánchez, no Congreso.


Realmente é certo que o terrible accidente de Adamuz tamén está servindo para medir a talla dos políticos, a credibilidade dos medios e a ética das sociedades civís, en definitiva para tomarlle o pulso ao país. Pola miña parte e dende aquí toda a miña solidariedade e cariño para as vítimas, os familiares e os amigos. Tamén o meu respecto para os que están traballando no rescate e na volta á normalidade.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE