Consuelo Ordóñez a Díaz Ayuso: "Son vítima do odio, sufrín o odio da esquerda abertzale e agora ademais, e con moita maior crueldade o voso, o da dereita abertzale”.
Diariamente temos probas de que hai un sector relevante da clase política occidental que parece non ser quen de facer política sen, ao mesmo tempo, sementar odio. Se nos Estados Unidos teñen, por caso, o presidente Donald Trump, en España entre os portavoces máis coñecidos desta maneira de facer política temos ao señor Santiago Abascal e a señora Isabel Díaz Ayuso.
No caso da presidenta da Comunidade Autónoma de Madrid non hai semana, case se pode dicir día, sen que nos deixe unha mostra do seu xeito de entender e facer política. Así sucedeu a semana pasada cando se cumprían 31 anos dun dos máis crueis asasinatos, por se algún non o foi, da banda terrorista ETA: o de Gregorio Ordóñez. Unha efeméride que a señora Ayuso quixo aproveitar para volver a atacar ao goberno español deixando perlas das súas como culpar a este de “branquear a quen cometeron os delitos máis graves” (sic). Unhas declaracións que tiveron por parte da irmá do edil asasinado, a señora Consuelo Ordóñez, a cumprida réplica recollida ao principio. Unhas declaracións, as da señora Ayuso, que parecen esquecer, por caso, que entre as vítimas do terrorismo etarra houbo tamén políticos e militantes do PSOE (contabilízanse 11).
Mais lembremos o sucedido con Gregorio Ordóñez. Este político vasco, que era deputado polo Partido Popular no Parlamento Vasco e tenente de alcalde no concello de Donosti o 23 de xaneiro de 1995, nas vésperas das eleccións municipais nas que ía ser o candidato do PP para a alcaldía de Donosti, sería asasinado por un comando de ETA mentres comía con compañeiros do concello nun restaurante da parte vella de Donosti. Como detalles a destacar digamos que posteriormente a súa tumba foi profanada varias veces e que a familia abandonaría o Pais Vasco como consecuencia dos actos de intimidación que estaban a sufrir por parte de simpatizantes abertzales. Mais, a pesar diso, a súa irmá, Consuelo Ordóñez portavoz do Colectivo de Victimas del Terrorismo en el País Vasco (COVITE) tería o valor de reunirse, moitos anos despois (2012) cun dos asasinos do seu irmán para pedirlle que colaborara coa xustiza. Unha acción dirixida a pechar as feridas abertas. Había seis anos (2006) que ETA declarara “un alto o fogo permanente” e menos de un (20 de outubro 2011) que anunciara o “cesamento definitivo da loita armada” e Consuelo Ordóñez parecía querer pechar páxina.
Cómpre destacar que estas dúas decisións de ETA terían lugar durante a Presidencia de José Luís Rodríguez Zapatero (2004 – 2011) polo que resulta xusto recoñecer que o PSOE tivo o seu protagonismo na derrota de ETA. Un éxito político que as dereitas (PP) sempre intentaron negar acusando, sen proba, a José Luís Rodríguez Zapatero de ter pactado coa organización terrorista.
O tempo transcorrido, e o citado papel do PSOE fan que as recentes declaracións da señora Ayuso confirmen o axeitado das recriminacións da señora Ordóñez: trátase de facer política sementando odio. Algo habitual nesta dirixente e no seu entorno político e mediático. Un proceder que, como estamos vendo diariamente, non é exclusivo de VOX senón que destacados dirixentes do PP camiñan pola mesma senda como mostran estas declaracións da Presidenta da CA de Madrid no acto en homenaxe a Gregorio Ordóñez: “Se nace un novo Gregorio Ordóñez no País Vasco, que poida gañar amplamente nas urnas, volvería a ter que vivir escoltado?”. Declaracións que tiveron a oportuna resposta por parte de Consuelo Ordóñez: “Pois igual si, mais polo odio que inculcades vos. Son vítima do odio, sufrín o odio da esquerda abertzale e agora ademais, e con moita maior crueldade o voso, o da dereita abertzale”. Sobran comentarios.
Este novo intento das dereitas extremas de colocar a fantasma de ETA no centro do escenario político español, sen reparar na dor que causan, ten tamén un claro obxectivo político: atacar ao goberno de quenda (PSOE/Sumar). O razoamento é tan simplista como efectivo entre certos sectores da sociedade: ETA non só foi unha organización terrorista senón tamén, e sobre todo, era unha organización independentista que utilizaba o terror para conseguir a independencia do País Vasco é dicir, na linguaxe franquista, para romper España algo que para a extrema dereita é un dos mais grandes delitos que un “español” pode cometer. Pero resulta que entre os pobos de España hai partidos que son democráticos e que queren a independencia para as súas comunidades: PNV, Bildu, ERC, JxCat e BNG. Por tal razón para esta dereita abertzale todos eles caben no mesmo cesto político que ETA e así deben ser avaliados: velaí o tratamento político e xudicial que, por caso, recibiron os líderes independentistas do PROCES que serían tratados case como terroristas.
Pero o relato non queda aí, a acusación por parte desta dereita abertzale de apoiar o terrorismo independentista non só atinxe a estes partidos senón que pode chegar a aqueles outros partidos, mesmo non nacionalistas, que como sucede na actualidade (PSOE e Sumar) se apoian neles para gobernar. Non só se apoian neles para gobernar senón que aceptan moitas das súas propostas políticas democráticas, velaí os casos da amnistía aos independentistas cataláns, o financiamento especial para Catalunya, os traspasos e transferencias, as débedas condonadas... Acordos que lle serven a esta dereita abertzale para acusar ao goberno de quenda de seren un aliado dos separatistas que está facilitando o camiño cara á independencia das súas respectivas comunidades e, xa que logo, cara á ruptura de España.
Este é o terreo no que, tanto VOX como relevantes dirixentes do PP, tal que a Presidenta da Comunidade de Madrid, queren que se desenvolva a política: o terreo do odio, do ataque e a descualificación aos rivais políticos utilizando argumentos falsos e mentireiros. Todo iso sen importarlles a dor que causan, o dano que lle fan á democracia e á convivencia pacífica. Un terreo de xogo ao que queren arrastrar, e o están conseguindo, ao politicamente inocuo señor Núñez Feijóo, sen importarlles que sexa utilizando unha estratexia política que, como moi ben sinala Consuelo Ordóñez, sementa odio. Non lles importa porque son a dereita abertzale.
Escribe o teu comentario