Non resulta fácil de entender que o goberno español (PSOE/Sumar) que máis está facendo polas clases de rendas medias e baixas nesta democracia poda estar camiño de perder as próximas eleccións xerais. Máis incomprensible aínda cando a alternativa (PP/Vox) é dunha enorme mediocridade política ademais de claramente reaccionaria, tal que de chegar ao goberno, con toda seguridade derrubara todos os avances económicos, sociais e medio ambientais conseguidos nestes anos de goberno de progreso poñendo en risco os dereitos e as liberdades democráticas.
A pesar diso, e se botamos a vista ao sucedido nesta semana no campo das esquerdas políticas, cando estas saíron a escena para presentar as súas distintas propostas unitarias, seguramente consigamos entender as razóns principais do posible fracaso. Unha semana na que puidemos comprobar como aquelas non parecen ser quen de abandonar os seus históricos problemas de entendemento incluso en momentos como os actuais. A verdade é que estas esquerdas nos fan lembrar a fábula da ra e o escorpión cando este, logo de espetarlle o seu aguillón, a ra no medio do río e sabendo que así se afogarán os dous, se xustifica dicindo “está no meu instinto”. Tal cousa lle pasa a estas esquerdas: está no seu instinto a división e o cainismo aínda sabendo que os levaran á derrota.
Os primeiros en facer pública a súa proposta foron Gabriel Rufian (ERC) e Emilio Delgado (Más Madrid) poñendo enriba da mesa unha proposta de unidade das esquerdas en plan fronte amplo. Unha estratexia que se resume, de momento, a que en cada provincia se presente a esquerda que máis deputados poida arrancar ás dereitas pero sen que ninguén renuncie as súas siglas e a súa identidade. Unha proposta que tanto dentro de ERC (Oriol Junqueras, Joan Tardá) como de Más Madrid (Mónica Garcia, Rita Maestre) atopa rexeitamentos que fan moi difícil a súa virtualidade.
Posteriormente sairía a escena a nova cara de Sumar, que afirma querer presentarse ás vindeiras eleccións xerais como unha coalición electoral formada pola confluencia de Izquierda Unida (IU), Más Madrid, Comúns e Sumar apostando por presentarse coa mesma papeleta. Unha coalición electoral con grandes referentes da nova esquerda (Ada Colau, Alberto Garzón, Gerardo Pisarello, Pablo Bustinduy, Ernest Urtasun, Rita Maestre, Esperanza Gómez....), que presentan como unha das súas bazas un traballo conxunto no goberno con resultados tanxibles a prol das maiorías sociais e que afirman querer construír “un novo suxeito político que eclosione nunha verdadeira marea a medida que se incorporen non só o resto de formacións políticas de esquerda, tamén os axentes sindicais, as asociacións de veciños e outras organizacións da sociedade civil. Temos que explotar e traballar novas formas de entendemento coa esquerda plurinacional para responder ás demandas da xente”. Non cabe dúbida de que pensando nas vindeiras eleccións xerais esta oferta política é a que aparece como a máis consistente e plural pero que, se temos en conta as experiencias vividas, ten diante de si grandes retos: conxugar unidade con pluralidade, afondar na democracia interna e no federalismo, definir claramente un proxecto político a medio e longo prazo, dotarse dun liderado potente (hai vimbios) e conectar máis coa sociedade civil. Ao seu favor conta a evidencia de que as dúas grandes centrais sindicais a nivel estatal (UGT, CCOO) parecen apostar por esta alianza.
Independentemente destas alternativas, cando menos inicialmente, aparecen opcións rexionalistas de esquerdas como Compromís (País Valenciá), Chunta Aragonesa (Aragón) e Mes (Illas Baleares) que declaran a súa intención de “non integrarse en ningún proxecto estatal” pero dispostas a “colaborar dende a nosa diversidade”. A primeira vista non parecera que a súa incorporación á confluencia anterior fora difícil. Outra cousa é Adelante Andalucía, unha organización de difícil cubicación que afirma “queremos ser a xente que mellor defenda a clase traballadora”.
Finalmente neste espazo político plurinacional está PODEMOS quen inicialmente se nega a “entrar a valorar” a confluencia anterior, que aposta polo mantra de “recuperar unha dinámica de presión ao PSOE”, pero cuxa actuación política aparece moi marcada polas xenreiras persoais con Sumar. Poida que o paso atrás dado por Yolanda Díaz axude a que esta organización pense de novo na súa inicial negativa á confluencia e remate incorporándose á mesma. De perseverar na soidade na que estar o futuro pode seren aínda máis negro.
Un caso á parte supoñen os partidos claramente independentistas (ERC, BILDU, BNG) quen, á marxe da proposta de Rufián e Delgado, desbotan calquera proposta que sobre pase o marco autonómico. En ERC hai sectores relevantes (Joan Tardá) que apostan por un Front d´Esquerras de Catalunya (ERC, Comúns, CUP, Comunistas) que, a pesar diso, provoca claros rexeitamentos nesa organización (Oriol Junqueras).
Se botamos a vista ao escenario político das esquerdas que veño de expoñer un sente a sensación dun “déjà vu”, de difícil comprensión para unha maioría de cidadáns, para esa maioría social que todas afirman defender, especialmente por que estamos nun momento político no que a democracia, a liberdade, o benestar social, a paz e a convivencia pacífica están ameazados polo forte ascenso das dereitas extremas en todo Occidente. Un escenario fronte ao que todas as esquerdas parecen coincidir na advertencia da grande ameaza que suporía un goberno español de PP+Vox: desmantelamento dos servizos públicos de benestar, privatización das pensións públicas, negación do cambio climático, persecución dos inmigrantes, negación da diversidade, retroceso en liberdades e dereitos democráticos, fomento do españolismo máis rancio e regresión no estado das autonomías....etc.etc.
Unha grande ameaza que só poderá ser derrotada, velaí o problema, se as esquerdas fan os seus deberes: actuar unidas, acordar unha estratexia común contra o totalitarismo, traballar solidaria e fraternalmente e.....dirixirse á sociedade civil para tecer coa mesma unha alianza para o que non é suficiente con chegar a acordos por arriba, entre as elites políticas. Tampouco será suficiente, como estamos vendo, con chegar ao goberno e poñer en marcha medidas progresistas senón que se requirirá da complicidade da sociedade civil para así poder facer fronte con éxito aos ataques das dereitas políticas, económicas e mediáticas.
En España corremos o risco de entrar “nunha longa noite de pedra” que afectará a todos os pobos que a forman. Velaí que en parte resulte incomprensible que as esquerdas todas non sexan quen, nin sequera, de presentar un mínimo proxecto común de carácter federal e progresista. Por estas razóns un non pode evitala sensación, avalada pola experiencia, de que nestas esquerdas hai líderes cuxa ambición persoal está por riba do interese xeral, de que o seu obxectivo prioritario é manter os seus privilexios e sobrevivir politicamente.
Velaí por que penso que as esquerdas poden perder as vindeiras eleccións xerais. Volverei sobre este tema en posteriores artigos.
Escribe o teu comentario