Este martes de Entroido, día festivo en Galicia para celebrar os entroidos como está mandado: disfraces, esmorga e especialmente as comidas que se preparan para estas datas tan esperadas ao longo do ano. É que, desde a pandemia da COVID, a xente ten ganas de saír ás rúas, gozar ao máximo dentro dun ambiente festivo, o cal me parece estupendo; as ocasións hai que aproveitalas. Non se sabe cando veñen mal dadas.
Coincidindo con esta data, o Congreso dos Deputados celebraba un acto de homenaxe á Constitución de 1978, que, por certo, é a máis longa de todas as que tivo España. Unha Constitución froito do consenso de todos os partidos políticos que viron a necesidade de facelo polo ben do país, aínda que iso supuxese renunciar a algúns principios ideolóxicos. A xenerosidade mostrada por todos eles é digna de admiración, aínda que teña algúns apartados que é necesario actualizar. No seu conxunto serviu para moito, a pesar das reticencias de quen non saben valorar o esforzo que tiveron que facer os políticos da época. O acto foi conxunto do Congreso e o Senado, coa presenza de expresidentes, exdiputados e a dos dous únicos “pais” da Constitución que seguen vivindo, ademais doutras autoridades.
Como vén sendo habitual, a ausencia no hemiciclo de ERC, Junts, PNV, Bildu e o BNG, que sempre teñen que dar a nota —e iso que, para ser “señorías”, deben xurar ou prometer a Constitución como acto obrigatorio para recoller a súa acta de deputado/a—. Iso fano, din, “por imperativo legal”. E a coherencia onde queda? Resulta chocante que as leis, normas e demais poidan axustar ao criterio dos deputados: o que me gusta acéptoo, ou o que non, pois paso. É unha teoría que calquera cidadán pode aplicar tendo en conta o exemplo que dan “os representantes do pobo”. Se os representantes dos cidadáns poden elixir saltar as normas, leis ou o consenso social, os cidadáns/as poden facer o mesmo. A credibilidade e o respecto non se impoñen, gáñanse con exemplos. Dicía Cicerón que “as leis se fixeron para o ben dos cidadáns”.
Para chamar a atención, Sumar e Podemos —Podemos coas súas camisetas reivindicativas que utilizan para facer un bo márquetin— estiveron presentes, sen aplaudir o discurso do Rei. Algo tiñan que escenificar, aínda que os ministros de Sumar, como Goberno, cumpriron co protocolo correctamente.
O Rei Felipe VI dicía que “a mellor maneira de conmemorar a Constitución é cumprila” e respectar ás institucións, para seguir explicando que a Carta Magna é a vontade do pobo español libremente expresada nas urnas. Ese apoio democrático é a clave da súa duración: non foi a vontade dunha parte da sociedade contra outra, reivindicou o Rei ante as voces que cuestionan a lexitimidade.
Un acto no que, a pesar das anécdotas puntuais, os asistentes mostraron respecto, cordialidade e recoñecemento á Constitución española, que é o que tocaba neste día. Despois, tempo haberá para actualizala naqueles artigos que sexan necesarios, sempre co consenso que marca a súa modificación. Que ben sería presenciar a actitude vivida no Congreso, onde nin se insultaron nin aplicaron a histórica frase “e ti máis”. Dicía Cicerón que, para ser libres, hai que ser escravos da lei. Pois non estaría mal que se aplicase.
Escribe o teu comentario