A negación do dereito á saúde

Manoel Barbeitos
Economista

Manifestación en defensa de la sanidad pública, a 1 de febrero de 2026.
Manifestación en defensa de la sanidad pública, a 1 de febrero de 2026.


A semana pasada Compostela coñeceu unha nova manifestación, tamén numerosa, en defensa da sanidade pública. Un acto popular que puxo en evidencia como en Galicia a preocupación polo futuro desta función pública do benestar é tan grande como firme é a vontade da súa defensa fronte os ataques de privatización. Una manifestación que supón unha nova mostra de rexeitamento a aquelas políticas que buscan minguar a relevancia social da atención sanitaria e negan o dereito universal á saúde independentemente dos ingresos e a renda. Negación que se formaliza coa privatización da atención sanitaria, o que coloca a saúde en mans dos mercados convertendo, deste xeito, a vida nunha mercadoría máis.


En Galicia as evidencias demostran, un día si e outro tamén, que baixo a cobertura política do actual Goberno galego (PPdeG) grupos económicos e financeiros moi poderosos manobran para privatizar a sanidade pública e así facer negocio á costa da saúde dos galegos. Unha consecuencia deste poder de influencia é a crecente presencia privada nos servizos sanitarios como proban os datos de contratación de seguros sanitarios privados (20% da poboación e en ascenso) e a derivación de pacientes a hospitais privados (concertados e non concertados) que na actualidade copan o (46%) das estancias e o 51% da cirurxías maiores. Cifras que colocan a Galicia como a segunda comunidade autónoma española que deriva maior actividade sanitaria cara ao capital privado.


Unha dinámica que pon en evidencia o sinalado anteriormente sobre a crecente presencia que na sanidade galega están adquirindo poderosos grupos económicos e financeiros. Algo comprensible si temos en conta que Galicia é unha das Comunidades Autónomas nas que máis tempo levan gobernando as forzas conservadoras (PPdeG) que son as que máis refugan do público e priman o privado, tanto por razón de ideoloxía como por intereses de clase. Moi importante subliñar esta evidencia sobre a relación directa entre a presencia de forzas conservadoras (PPdeG) no Goberno galego e a conversión da atención sanitaria pública nun negocio privado mediante a crecente entrega da mesma a poderosos grupos económicos e financeiros.


Estas forzas conservadoras (PPdeG) xustifican as súas políticas con argumentos como a falta de recursos públicos suficientes para atendela demanda de atención sanitaria, algo que é rotundamente falso. En Galicia hai recursos suficientes pois non se trata dunha comunidade pobre senón de como se utilizan e a que se destinan. En relación con isto último, podemos ver como o goberno galego (PPdeG) optou polo 'hospitocentrismo' que supón optar pola construción de grandes hospitais, para beneficio das construtoras e os bancos, en prexuízo da atención primaria que esta sufrindo unha clara operación de peche e derrubo moi intenso especialmente nas zonas rurais e da costa. Isto supón que por unha parte, os habitantes destas áreas quedan sen asistencia médica -por non ter persoal sanitario nin centro de saúde ao que acudir- mentres as urxencias dos grandes hospitais nas maiores vilas están saturadas. En relación aos recursos que se destinan, cómpre sinalar que en termos reais o gasto público real -descontando a inflación- que se destina a sanidade en Galicia sofre recortes en case tódolos exercicios -por caso, no 2024 sufriu un recorte do 2,3% con relación ao 2023-. Axustes que levan a que Galicia sexa unha das Comunidades autónomas españolas que menos gasto público por habitante dedica á sanidade a pesar do avellentamento e a dispersión poboacional. Son, xa que logo, razóns políticas as que conducen a esta situación de déficit sanitario e que teñen que ver co feito xa sinalado do longo dominio das forzas conservadoras en Galicia.


En relación con este último subliñar que non estamos diante dun fenómeno exclusivamente galego senón que se reproduce en todas as CCAA nas que gobernan as forzas conservadoras (PP/Vox) cando se reduce o público e incrementa o privado. Algo que tamén sucede no resto das funcións públicas de benestar (vellez, familia, dependencia, exclusión social...). Velaí que practicamente en todos elas se estea producindo unha deterioración crecente da calidade na atención aos usuarios deses servizos.


Para rematar volver a sinalar que non é certo que os recursos públicos sexan escasos. En Galicia hai recursos suficientes para unha atención sanitaria publica que cubra a demanda da poboación. O que sucede é que o partido que goberna en Galicia (PPdeG) prefire, por caso, baixarlle os impostos aos ricos (patrimonio, sucesións...) e ignorar a elevada fraude fiscal que incrementalo gasto público destinado a sanidade.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE