O meigallo do patrón no rural

Mario Vila López

Gandeiro de Dozón.

O pequeno produtor, convencido de que o seu único inimigo son as regulacións ambientais ou "Bruxelas", acaba defendendo unha desregulación que só beneficia ao xigante.

 

Agricultores y ganaderos cortan la A-52 con tractores y rollos de paja, a 10 de enero de 2026, en Xinzo de Limia, Orense, Galicia (España).
Agricultores e gandeiros cortan a A-52 con tractores e rolos de palla, a 10 de xaneiro de 2026, en Xinzo de Limia, Ourense, Galicia.

 

As estradas galegas volven encherse de tractores e fume, pero tras o ruído da protesta agóchase unha realidade moito máis silenciosa e dramática: a derrota da conciencia de clase no noso rural. O campo galego está atrapado nunha situación retrógrada, anulado por un discurso acaparador que conseguiu que o gandeiro que non chega a fin de mes defenda os intereses de quen o asfixia. É o que poderiamos definir como o meigallo do patrón.

 

Este meigallo non é casual. É o triunfo dun conservadorismo que leva décadas traballando para que o labrego galego deixe de identificarse como un traballador da terra e pase a verse como un “empresario agrícola” sen empresa. O agro galego caeu nunha trampa ideolóxica que o deixou sen voz propia, nun escenario onde o pequeno produtor deixou de identificarse cos seus iguais para aparecer totalmente colonizado polas mesmas elites que o están devorando. É o triunfo dun espellismo que converte o traballador no gardaespaldas do seu propio explotador.

 

O “agro-ilusionismo” das elites

En Galiza, este fenómeno mimetiza o que vemos noutras latitudes, como a estratexia de certos patronatos no Levante ou no sur. Alí, grandes corporacións axitan as masas contra a Unión Europea ou o acordo do Mercosur mentres elas mesmas posúen inmensas terras en África, producindo con custos de miseria para rebentar os prezos na orixe e despois comercializalo como propio. Aquí, o meigallo funciona de xeito semellante: a industria e certas cúpulas cooperativas burocratizadas actúan como auténticas multinacionais que usan o gandeiro de escudo humano para protexer as súas marxes de beneficio.

 

O pequeno produtor, convencido de que o seu único inimigo é a normativa ambiental ou “Bruxelas”, acaba defendendo a desregulación que só beneficia ao xigante. É o paradoxo absoluto: o labrego pobre galego cargando coa ruína con orgullo, defendendo a fe do patrón mentres o patrón baleira as nosas aldeas e deslocaliza a produción.

 

Un sector sen visión alternativa

O éxito deste discurso radica na anulación de calquera alternativa. O meigallo é tan fondo que o relevo xeracional moitas veces herda a mesma mentalidade aspiracional e individualista. Prefiren o colapso individual —o “sempre se fixo así”— antes que a soberanía colectiva. Calquera proposta que fale de diversificación, de soberanía alimentaria ou de romper coa dependencia das grandes industrias é tachada de “ideolóxica” por aqueles que xa teñen o pensamento totalmente colonizado pola ideoloxía do capital.

 

Romper o feitizo da dependencia

Galiza non pode permitirse un agro de “patróns pobres”. Esa mentalidade é a que permite que a nosa terra se converta nun mero taboleiro para intereses foráneos sen que o valor engadido quede no noso territorio. O meigallo do patrón fainos crer que somos “donos” cando só somos xestores de débedas.

 

Espertar deste letargo implica recoñecer que o inimigo non está en quen pide unha terra máis saudable, senón en quen, desde o consello de administración, nos empuxa ao abismo mentres nos louva o “esforzo”. Se o agro galego non rompe este meigallo, seguirá cargando coa súa propia cruz ata que a última luz de aldea se apague, convencidos, iso si, de que morreron defendendo un estatus que nunca foi seu.

 

 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE