“Sumar é o motor do goberno”, Yolanda Díaz Vicepresidenta segunda e Ministra de Traballo e Economía Social
Diante dunha posible convocatoria electoral anticipada en España, e tendo en conta o escenario actual, as posibilidades que ten de repetir este goberno de quenda (PSOE/Sumar) van depender maiormente dos resultados que acaden tanto o membro menor da actual coalición (Sumar) como os posibles aliados das esquerdas (Podemos, BNG, ERC, Bildu....). Entre todos eles o máis decisivo será, loxicamente, o resultado de Sumar quen, para o goberno de coalición, está supoñendo tanto unha fortaleza como unha debilidade.
Unha fortaleza por que resulta indiscutible que a presencia de Sumar no actual goberno de quenda (PSOE/Sumar) esta sendo decisiva para que este aprobara, e siga aprobando, unha serie de medidas progresistas en materias clave como emprego, benestar social, medio ambiente, igualdade e acción exterior. Medidas e resultados que permiten afirmar que o balance global do goberno non pode por máis que ser positivo pois moitas destas medidas están beneficiando claramente tanto as maiorías sociais como o conxunto de España. As evidencias empíricas son indiscutibles e están confirmadas polos diferentes organismos nacionais e internacionais.
Unha debilidade por que o goberno non está exento de tensións internas nas que Sumar ten a súa parte non menor de responsabilidade. Unha imaxe de división interna que, segundo tódalas enquisas, impide que melloren as perspectivas electorais para Sumar. Velaí que nos preguntemos si a hora de sumar, esta organización suma.
Os problemas de Sumar son varios. En primeiro lugar, que non consigue aparecer diante do electorado como unha organización capaz de aglutinar esa maioría das esquerdas que non quere votar ao PSOE e que non é menor: non suma. Unha das razóns desta división cainita hai que buscala en que durante todos estes anos os políticos que lideran as organizacións de esquerdas teñen aberto moitas feridas que non dan cicatrizado. Feridas das que non poucos dos dirixentes de Sumar teñen a súa cota non menor de responsabilidade pero que, xusto é dicilo, de ningures é única. Como poden despertar moita credibilidade propostas que afirman querer sumar cando non paran de dividirse? Fagamos memoria: Izquierda Unida, Ahora en Común, Unidas Podemos, Sumar... Nestes días temos en Andalucía un claro exemplo deste mortal cainismo cando diante da próxima convocatoria electoral autonómica ata seis organizacións políticas compiten polo mesmo espazo que Sumar afirma querer liderar (no momento de escribir estas liñas parecera que, en sentido contrario, en Extremadura corren ventos unitarios nas esquerdas).
Outro problema de Sumar é a súa indefinición ideolóxica e política como organización. Nestes momentos Sumar aparece máis un grupo heteroxéneo de cadros políticos -algún deles moi brillante- que como unha organización de esquerdas cun proxecto de cambio a medio e longo prazo. Isto acaba reflectíndose na toma de decisións cando, non poucas veces, aparecen divisións internas que poñen en evidencia a existencia de almas políticas diferentes.
Por se estas razóns non foran razóns, Sumar “compite” nas comunidades históricas con referentes nacionalistas de esquerdas con longa tradición e importante implantación. Así en Catalunya con ERC (Esquerda Republicana de Catalunya), no País Vasco con BILDU (Euskal Herria Bildu) e en Galicia co BNG (Bloque Nacionalista Galego) o que acouta o seu espazo electoral como así reflicten os resultados electorais colleitados nestas comunidades históricas. Se a presenza nestas comunidades é moi minoritaria, como pode Sumar aspirar a ter un peso político relevante a nivel de estado?
Finalmente Sumar carece dun liderado global e único. Sen restarlle méritos a súa líder máis recoñecida, a señora Yolanda Díaz, resulta evidente que non é quen de facer crible un liderado aglutinador, unitario e sólido como tal e para a maioría. As múltiples divisións nas que apareceu involucrada xa lle pasan factura. 
Por todos estes motivos todo a apunta a que Sumar non suma...o suficiente.
Escribe o teu comentario