Un período electoral marcado por unha serie de incógnitas, algunha moi relevante. Por que se o calendario electoral para as eleccións autonómicas marcaba que no ano 2026 se celebrarán en Andalucía e Castela León, a estas se engadiron as anunciadas pola presidenta da comunidade de Extremadura. Por outra parte a DINA e a crise política iniciada no País Valenciá, coa dimisión de Carlos Mazón, abre a porta á posibilidade dunhas próximas eleccións autonómicas. Finalmente, a decisión de JxCat de retirar o seu apoio ao goberno de progreso (PSOE/Sumar) acentúa a fraxilidade do mesmo e a viabilidade dunhas eleccións xerais anticipadas. Un escenario político que anuncia un longo, moi longo período electoral e con moitas incógnitas.
Con moitas incógnitas en todas elas por que se, no caso destas últimas, as dereitas (PP/Vox) pensaban que conseguir sentar no barquillo dos acusados o Fiscal Xeral do Estado ía supor, por fin, a morte política do goberno de progreso (PSOE/Sumar), algo que por certo veñen anunciando dende o ano 2018, o sucedido durante o xuízo poida que conduza a un resultado diferente ao esperado por aquelas. Porque se algo quedou claro é que as acusacións feitas ao señor Álvaro Garcia Ortíz, non teñen fundamento ou cando menos non hai probas de que este foi quen filtrou o correo do avogado do señor Alberto González Amador. Algo que, se o Tribunal Supremo cumpre con un principio básico do dereito e a xustiza “todo o mundo é inocente mentres non se demostre o contrario”, debe conducir a absolución do acusado. O contrario, que pode suceder dada a realidade do poder xudicial español, sería un auténtico escándalo. As dereitas conseguiron sentar no banco do acusados ao Fiscal Xeral do Estado pero nin lograron que este dimitira (seguramente o primeiro obxectivo buscado) nin está claro que sexa condenado por algo que non fixo (o segundo obxectivo).
Se hai uns meses as eleccións en Andalucía e Castela León se anunciaban como un paseo electoral para as dereitas (PP/Vox) e un calvario para o goberno de progreso (PSOE/Sumar) acontecementos habidos nos últimos tempos relacionados, no primeiro caso, co lamentable estado en que o goberno andaluz coas súas políticas de axuste está deixando a sanidade pública -que provoca unha lóxica e visible indignación cidadá- e no segundo coa súa incompetencia fronte aos incendios forestais -que tamén provocan rexeito social- están movendo os marcos nesas comunidades de forma que xa non parece tan clara a vitoria conservadora. Non hai dúbida de que o “efecto arrastre” a que Vox está sometendo ao PP tamén lle vai pasar factura a este último favorecendo as forzas de oposición.
Unha factura que tamén pode pagar en Extremadura e Valencia. No primeiro caso, a aparente incompatibilidade da súa lideresa, a señora María Guardiola, cos dirixentes de Vox nesa comunidade e a necesidade que ten dos mesmos para poder gobernar sitúan o Partido Popular (PP) nunha conxuntura con moitas incógnitas que enturban un futuro inmediato que parecía triunfal. En Valencia está por ver o impacto real do “efecto Mazón” tanto a nivel político -que novo goberno se forme e que programa presente dada a maior dependencia que agora ten o PP de Vox nesa comunidade-, como a nivel social -a dimensión e a intensidade da indignación cidadá con estes partidos pola súa nefasta e inhumana xestión da DINA-.
A nivel de comunidades queda finalmente Madrid e o impacto que sobre a imaxe da señora Isabel Ayuso, e de rebote sobre o PP madrileño, pode ter a confirmación de que foi a súa parella quen cometeu varios delitos -fraude fiscal e falsidade documental- polo que está sendo condenado e non o goberno español quen montou “unha operación de Estado contra un adversario político”.
Finalmente, é volvendo a difícil estabilidade do goberno de progreso (PSOE/Sumar) na que vive dende hai sete anos, está o impacto que pode ter o anuncio de JxCat coa retirada do seu apoio. Queda por ver se estes votarán en contra de todas as iniciativas que aquel presente. Dúbidas que nacen da evidencia de que se o goberno de progreso precisa do apoio dos soberanistas cataláns estes tamén precisan o de aquel por unha razón moi sinxela: hoxe por hoxe, e no curto prazo un acordo cos dereitas (PP/Vox), que seguramente está no ánimo de non poucos dirixentes cataláns, aparece como case imposible e de moi difícil xustificación diante do electorado catalán. Os custos políticos para os soberanistas, a nivel partidario e particular, serían moi, moi elevados.
Velaí as razóns que levan a pensar nun período electoral longo, moi longo e con moitas incógnitas. Súmense a estas o cansazo cidadán que poden provocar tantas convocatorias e tantas campañas electorais seguidas.
Escribe o teu comentario