Xincanas e excursións en San Simón, un campo de concentración franquista
A Iniciativa Galega pola Memoria reivindica que, en lugar dun "parque de atraccións", a illa sexa recoñecida como "lugar de represión e memoria".
6.000 persoas estiveron retidas polo franquismo. //Foto: IGM
A Iniciativa Galega pola Memoria, que agrupa distintos colectivos de Galicia, iniciou unha recollida de firmas para reivindicar que a Illa de San Simón, en Redondela, reciba "un tratamento acorde co seu pasado como cárcere", e non sexa utilizada como "un parque de atraccións".
Baixo o nome 'San Simón, illa da memoria', a campaña, que conta co apoio de parlamentarios como Luís Bará (BNG) e Ángeles Cuña (En Marea), e de escritores como Xosé María Álvarez Cáccamo e César Calvar, busca "loitar contra o humillante trato que a Administración autonómica dá ás vítimas do terror franquista".
Así, o colectivo censurou que se converteu "este lugar de represión e memoria nun parque de atraccións, con xincanas e excursións nas que os participantes non reciben explicación ningunha do que foi esta illa no tempo do terror".
Tal e como lembrou, durante o franquismo, a Illa de San Simón acolleu un campo de concentración no que estiveron retidas máis de 6.000 persoas entre 1936 e 1943, polo que avisou de que denunciará "cada acto contrario á memoria que a Xunta poña en marcha".
Escribe o teu comentario