Homenaxe da Deputación de Pontevedra ás mulleres vítimas do franquismo
Unha exposición composta por 78 fotografías percorrerá a provincia para contar a represión sufrida e honrar o seu papel na Historia.
Presentación da mostra.
'Rexas, mulleres baixo o terror franquista', é o título da exposición que percorrerá a provincia como parte da homenaxe que rende a Deputación de Pontevedra á memoria das mulleres vítimas do alzamento fascista de 1936.
Trátase dunha antoloxía da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.
A mostra, que foi presentada pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o deputado de Cultura, Xosé Leal, no Pazo provincial, percorrerá ata final de ano os concellos de Silleda, Tui, Marín, Nigrán e Pontevedra.
A comisaria da exposición, Montse Fajardo, admitiu que "moitas" mulleres que sufriron persecucións similares "non aparecen" nesta mostra. "Moitas quedaron no camiño, pero esta é unha homenaxe a todas as mulleres que sufriron a ditadura", salientou.
A MOSTRA
Son 78 fotografías que contan 172 historias con nomes de muller, algunhas delas feitas públicas por primeira vez, e divídense en tres bloques. O primeiro, o da contextualización histórica, conta que "o golpe de estado supuxo unha quebra dos dereitos da República".
Unha segunda parte recolle que as mulleres non só padeceron os mesmos tipos de represión que os homes, senón que ademais foron obxecto de vexacións. Pero non só aquelas cidadás significadas política ou sindicalmente, senón tamén as achegadas de homes perseguidos: foron rapadas, agredidas sexualmente, tatuadas, arrastradas con cordas ou obrigadas a bailar espidas diante da xente.
O último apartado dedícase a recoñecer o labor "solidario e resistente" das mulleres.
"VALORES DE LIBERDADE"
Na inauguración, Carmela Silva reivindicou os "valores de liberdade, xustiza, igualdade, democracia e legalidade" da II República a través do ensalzamiento das vítimas. "Porque estas mulleres defenderon o xusto. Eran o mellor da sociedade, pero foron silenciadas", proclamou.
Así mesmo, Xosé Leal destacou o "compromiso claro" do goberno provincial coa memoria histórica tras lamentar o "castigo" que o réxime franquista impuxo ás mulleres que hoxe se homenaxean.
A exposición 'Rexas, mulleres baixo o terror franquista' estará do 12 ao 30 de xullo no consistorio de Silleda; do 3 ao 30 de agosto na área Panorámica de Tui; do 1 ao 30 de setembro no Museo Manuel Torres de Marín; do 13 de outubro ao 7 de novembro no Auditorio de Nigrán; e do 10 de novembro ao 10 de decembro no Pazo da Deputación en Pontevedra.
Escribe o teu comentario