Queremos Galego chama tomar a iniciativa en defensa da lingua este 17M

A Plataforma Queremos Galego presentou esta mañá a súa movilización polo 17 de maio cunha mensaxe clara, dado que a Xunta non actúa en defensa do idioma propio, vaino facer a sociedade civil.


|

Rolda de prensa de Queremos Galego
Rolda de prensa de Queremos Galego

 

Queremos Galego destaca que chegou o momento de “comezar a reverter a emerxencia lingüística” mediante a aplicación do protocolo Lingua Vital. Trátase do plan que a Plataforma lanzou en colaboración con 30 entidades como alternativa ao “desprezo” da Administración pola lingua.

 

Marcos Maceiras, presidente da Mesa pola Normalización, recordou na rolda de prensa hoxe en Santiago que hai dous anos que, por vez primera na historia, as estadísticas do IGE mostraban que o galego xa é a lingua minoritaria no país. 

 

Dende entón, denunciou, non houbo ningunha medida de calado para potenciar o idioma propio.  “A única actualización do Plan Xeral de Normalización foi o de limitar o alcance do propio Plan para convertelo no plan de enterro do galego", laiouse.

 

No referido ao aspecto práctico da manifestación deste ano o percorrido será o habitual, dende a Alameda de Santiago de Compostela a partir das 12 horas do mediodía. A organización indica que nas próximas datas publicaranse autobuses para poder acudir dende as principais cidades e vilas do país.
 

Celia Armas, coordinadora de Queremos Galego, citou a homenaxeada este ano polo Día das Letras Galegas, Begoña Caamaño, para cargar contra a política lingüístico do Goberno Galego. Lembrou que a escritora xa denunciara que o paradigma que defende o PP, o bilingüismo armónico, é unha “falacia” dado que os dous idiomas -galego e castelán- non compiten en igualdade de condicións, polo que asumir ese marco de pensamento implica resignarse non só a “defunción” do idioma senón a súa “execución”. 


Un dos exemplos desta política, lembrou Maceiras, é a oposición pertinaz do PP a que o galego e o resto de línguas oficiais do Estado alcancen o estatus de cooficiais que xa ten o castelán na Unión Europea. 
 

Os sindicatos CIG, UGT, CCOO ou STEG, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, Anpas Galegas, Confapa, Fapa Ourense, Fundación Galiza Sempre, Vía Galega, Galiza Nova, Avante LGBT+ ou BNG foron as entidades presentes na rolda de prensa.


Maceiras agarda "unha grande mobilización cidadá que enfronte a negativa da Xunta a garantir os dereitos lingüísticos da súa cidadanía coa forza, a unidade e o traballo conxunto dunha sociedade que defende o seu idioma porque sabe que é vital para a súa existencia". O feito de que a marcha deste 2026 coincide coas Festas da Ascensión de Santiago abofé que animará a moitos a achegarse á capital do país. 

 

¿Cales son as principais propostas do protocolo Lingua Vital?


 

O protocolo elaborado por 57 entidades e 396 colectivos estrutura as súas propostas en oito grandes bloques temáticos, cun total de case trescentas medidas que van desde cambios lexislativos urxentes ata transformacións na vida comercial e cultural do país. 


Entre as medidas cualificadas como urxentes destaca, en primeiro lugar, a derrogación do Decreto 79/2010, que regula o plurilingüismo no ensino non universitario e que os asinantes do protocolo consideran o principal instrumento lexislativo que freou a transmisión do idioma nas aulas. No seu lugar, reclaman a aprobación dun novo decreto que "asegure os máximos niveis de docencia en galego" en todas as etapas educativas, desde infantil ata bacharelato. 

 

No ámbito da administración, o protocolo esixe o que denomina unha "oferta positiva en galego" en todos os servizos públicos. Isto implica que calquera cidadán poida relacionarse coa administración no idioma propio sen obstáculos. Ademais, o documento reclama que os programas informáticos e os sistemas de información das institucións incorporen o galego de xeito pleno, e que todo o persoal ao servizo público acredite un coñecemento real do idioma. 

 

O texto parte dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004 e de compromisos internacionais como a Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos e a Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. Esta ancoraxe internacional sitúa as demandas nun marco de dereitos humanos recoñecidos, non só de política lingüística interna. 

 

O protocolo tamén aborda ámbitos como as relacións comerciais, onde denuncia o retroceso do galego, e os festivais financiados con fondos públicos, que con frecuencia reservan ao idioma propio unha presenza testemuñal ou nula. A televisión pública —a TVG— é igualmente sinalada, pola deriva cara ao abandono do galego como ferramenta normalizadora, especialmente nos contidos dirixidos á infancia e á mocidade.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE