O 'Seminario sobre a memoria histórica: a longa noite de pedra' chega á súa edición VIII
Celebrarase en Rianxo, Celanova e Allariz, coa presenza de combatentes antifranquistas e familiares.
O VIII 'Seminario sobre a memoria histórica: a longa noite de pedra' celebrarase os días 12, 13 e 14 de maio en Rianxo, Celanova e Allariz, respectivamente.
Segundo indicou a organización, Nova Escola Galega, nun comunicado, a actividade está homologada con 20 horas de formación e contará coa presenza de combatentes antifranquistas e de familiares dos mesmos.
Este seminario constitúe unha proposta para a reconstrución da memoria histórica no contexto escolar. Así, preténdese suxerirlles aos asistentes unha reflexión sobre diferentes aspectos relacionados coa represión durante o franquismo.
O obxectivo último do seminario é posibilitar "un mellor coñecemento do noso pasado máis recente" e "provocar que a actualización dos coñecementos sobre os temas abordados nesta edición contribúa á comprensión do presente e á adopción dunha actitude responsable e solidaria na defensa da liberdade, da democracia e da xustiza".
Escribe o teu comentario