A pegada do franquismo pervive en dez edificios públicos de Santiago
Algúns deles son o edificio de Correos da rúa do Franco, a antiga escola de Amio, a facultade de Química ou a estación de ferrocarril.
Rúa do Franco, Santiago
O grupo municipal do BNG en Santiago presentará unha moción no pleno do próximo xoves na que instarán o goberno local a retirar a simboloxía franquista que permanece en dez edificios públicos da capital galega.
Así, a formación frontista esixe o cumprimento da Lei de Memoria Histórica e lembra que, a pesar de que os edificios non son "parte do patrimonio municipal", o goberno local debe "realizar as xestións precisas para que a Igrexa católica, Universidade, Correos ou calquera particular eliminen esas pezas".
O BNG, baseándose nun estudo elaborado pola comisión de historia da 'Gentalha do Pichel', pide a retirada de escudos franquistas "na antiga escola de Amio, na Facultade de Química, na estación de ferrocarril e en Correos".
Así mesmo, este estudo tamén revela que existen "símbolos da Vitoria" --emblema propio de Francisco Franco-- no claustro do mosteiro de San Martiño Pinario, no hotel do mosteiro de San Francisco e no CIPF Politécnico de Santiago.
Ademais, esixen a retirada de "unha cruz e inscrición no mosteiro de Antealtares, unha placa do sindicato da Falanxe na vivendas sindicais da rúa Canfranc (Pontepedriña)", así como o escudo da Fronte de Mocidades que se atopa na fachada do Auditorio da USC, situado no Campus Sur.
Escribe o teu comentario