Coruña debate crear unha Oficina de atención ás vítimas do franquismo
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica propón que se instale no antigo cárcere provincial.
O pleno ordinario do Concello da Coruña debaterá este luns 6 de febreiro unha moción presentada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña na que se insta aos grupos para apoiar a constitución dun Consello de Memoria Democrática e a creación dunha Oficina de atención ás vítimas do franquismo.
Así o anunciou a CRMH nun comunicado, no que indicou que a dita proposta, que foi rexistrada este venres, pide que o Concello herculino se incorpore á Rede de municipios polo acceso á Xustiza das vítimas do franquismo, tal e como se comprometeu, precisou o colectivo, en outubro de 2016 coa firma do manifesto municipalista de Pamplona.
En canto ás funcións dos citados organismos, a proposta da CRMH precisa que, entre outras cousas, deberán "elaborar informes para a eliminación da simboloxía franquista, recoller documentación sobre as vítimas e testemuñas da vulneración dos dereitos humanos durante a Guerra Civil e o franquismo, e participar na dignificación dos lugares da represión que serán convertidos en espazos da memoria".
Como parte do Proxecto Cárcere, que está a traballar nunha proposta de recuperación do antigo cárcere provincial da Coruña, a CRMH suxeriu que a futura Oficina de atención ás vítimas se instale neste lugar.
Escribe o teu comentario