Ourense retirará as placas franquistas das vivendas de protección oficial
Os portavoces coinciden en que se trata dunha "obrigación" do Concello, por mor da Lei de Memoria Histórica.
O Concello de Ourense retirará as placas franquistas das vivendas de protección oficial da cidade. Así o decidiu este venres o pleno cos 16 votos a favor de Democracia Ourensá (DO), PSdeG e Ourense en Común (OUeC) e a abstención do PP, que apostaba por realizar informes técnicos e xurídicos antes de quitar as placas.
Todos os portavoces municipais coincidiron en que se trata dunha "obrigación" do Concello, por mor da Lei de Memoria Histórica. A única desavinza produciuse en como se ten que realizar a retirada destas placas.
Por parte da oposición instouse a unha retirada inmediata, mentres que o PP presentou unha emenda que reclama "informes técnicos e xurídicos" previos e "solicitar a opinión pública" antes de proceder á retirada destes símbolos.
A concelleira Belén Iglesias explicou que a súa formación aposta por este sistema coa intención de "evitar conflitos" como os que sinalou producíronse noutras localidades españolas. En concreto referiuse á cidade vasca de Vitoria, "onde se quixeron retirar 163 placas e finalmente quitáronse 61".
Ante a negativa do resto de grupos o PP abstívose na votación final, aínda que reiterou a súa "censura" a "calquera tipo de réxime totalitario, ás denuncias e crimes da Guerra Civil por ambos os bandos e os que tiveron lugar durante o Franquismo".
OUEC REXEITA "RODEOS"
A portavoz de Ourense en Común, Ledicia Piñeiro, xustificou a negativa para aceptar calquera emenda por considerar que "é dar un rodeo" e supón "non dicir de fronte que non se queren símbolos fascistas nas rúas".
Mentres, o portavoz de Democracia Ourensá, Gonzalo Pérez Jácome, apoiou a proposta a pesar de cualificala como "absurda" ao considerar que "é o que di a propia Lei e o que habería que facer é mandar un requirimento ao alcalde para que a cumpra".
O socialista José María García Tejerina criticou a "tardanza" á hora de retirar os símbolos fascistas das cidades españolas a pesar da Lei de Memoria Histórica, das sentenzas do Tribunal Supremo e dos informes do Consello de Europa que "piden a España unha reparación ás vítimas".
"En Ourense nestes momentos quedan poucos vestixios pero é necesario retirar os que aínda quedan, como as placas do Ministerio de Vivenda nas casas de protección oficial", defendeu.
Escribe o teu comentario