O BNG propón unha lei galega de memoria histórica que supere a "insuficiente" norma estatal

|

Luisbara


O BNG apelou este mércores á "valentía" do PP para "soltar amarras cun pasado incómodo e doloroso" para aprobar no Parlamento galego unha lei "específica" de memoria histórica. Na mesma liña, pediu á Xunta que "lidere" a retirada de simboloxía franquista e das honras que aínda manteñen dirixentes da ditadura.


Destas iniciativas encamiñadas a reivindicar os "valores" polos que loitaron persoas que foron "perseguidas" e "represaliadas" deu conta en rolda de prensa o deputado nacionalista Luís Bará. "Sería un síntoma de normalidade e fortaleza democrática", argumentou.


Así pois, xunto cunha lei galega que "mellore" a "insuficiente" norma estatal aprobada en 2007, demandou a creación dunha "comisión da verdade", que sexa "independente e plural" e na que se contemple ás vítimas nun sentido máis "amplo", desde 1936 a 1977.


Coa mesma estratexia de que Galicia volva ser un "referente" en políticas públicas de Memoria, reclamou a apertura dunha oficina de atención ás vítimas do franquismo e que se reactive o proxecto interuniversitario 'Nomes e Voces', constituído co bipartito e "desmantelado" polo goberno que encabeza Alberto Núñez Feijóo.


DATOS DE 6.000 PERSOAS


Os seus fondos están actualmente "gardados" nun almacén en Santiago "sen que os investigadores poidan acceder" a eles, segundo denunciou Bará, partidario de que a súa información se destine a un arquivo de memoria histórica.


Como indicou, este proxecto recolle datos dunhas 6.000 persoas represaliadas e fusiladas entre 1936 e 1939, unha cifra que aumentaría ao sumar "a violencia que non deixou rastro", en alusión á exercida sobre as mulleres a través de violacións, tatuaxes e torturas.


Outras das súas peticións á Xunta pasan por retomar o convenio co Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) para proseguir coas exhumacións, elaborar un "mapa da memoria" e manter a liña do bipartito de que San Simón sexa "a illa da memoria", por ser un espazo "simbólico" da "resistencia e a loita pola liberdade".


RECLAMACIÓNS ESTATAIS


En paralelo, o parlamentario do Bloque defendeu a derrogación da Lei de Amnistía de 1977, pois imposibilita "investigar crimes de guerra ou de lesa humanidade".


Ademais, reclamou que se tipifique como delito a exaltación do franquismo, do mesmo xeito que ocorre coa apoloxía do terrorismo; e avogou pola ilegalización da Fundación Francisco Franco, cuxa existencia xulgou "intolerable".


PAZO DE MEIRÁS


Ao fío destas "demandas de saúde democrática", preguntado sobre a negativa da familia Franco a abrir o Pazo de Meirás, Luís Bará avanzou iniciativas para que cumpra coa obrigación que rexe para todos os bens de interese cultural (BIC).


E é que, segundo as súas propias palabras, é "un escándalo" que estea "a boicotear deliberadamente" as normas ao desconectar os sistemas de petición de visitas que fixa a lei.

relacionada A pegada do franquismo pervive en dez edificios públicos de Santiago
relacionada Coruña debate crear unha Oficina de atención ás vítimas do franquismo
relacionada A Fundación Francisco Franco insta a concellos a manter os seus símbolos franquistas

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condicións de uso Consello editorial
Powered by Bigpress