Corredor Atlántico: Perdoen, pero poderían deixar de decir parvadas?

Xoán Vázquez Mao

Unha das diferenzas tradicionais entre o Mediterráneo e o Atlántico, especialmente no que se refire a Galicia, é a inmensa e permanente capacidade que os galegos temos de dividirnos en polémicas estériles co resultado final de acabar pegándonos un tiro na punta do pé. Mentres o plan director do Corredor do Atlántico segue sen pasar da fase de PowerPoint pre electoral, presentado polo ministro de Fomento, o Corredor do Mediterráneo continúa o seu desenvolvemento apoiándose nunha campaña mediática impulsada entre outros polo patrón de Mercadona. É dicir, mentres os empresarios do Mediterráneo apostan e invisten no Corredor do Mediterráneo, os empresarios galegos non desperdician ocasión de alimentar os seus patéticos conflitos case persoais e a sua, xa coñecida e tradicional división, que acaban salpicando a dirixentes políticos, tan inexpertos como ben intencionado. Así que imos deixar as cousas claras.


Primeiro: que o Corredor do Atlántico no seu trazado galego discorra desde A Coruña até a Vigo, Ourense e Monforte, non implica a obrigatoriedade de que os trens do norte teñan que seguir ese trazado, senón que se trata exclusivamente dun deseño estrutural que permite modernizar ao mesmo tempo tres eixos diferentes: o eixo Ferrol/A Coruña - Lisboa/Sines, o eixo Vigo -Ourense - Madrid, e o eixo do interior Ourense- Monforte- O Barco de Valdeorras.


Segundo: os trens procedentes dos portos do norte, obviamente en ningún momento exponse que teñan que dar un rodeo de 200km, porque iso non é competitivo dígao quen o diga. Por conseguinte, eses trens, terán que ir necesariamente por Lugo a Monforte. Tanto é así que o Eixo Atlántico hai meses que encargou ao Profesor Miguel Rodríguez Bugarín, catedrático de ferrocarrís da Universidade de A Coruña, un informe que estará finalizado en setembro, sobre a modernización da liña ferroviaria A Coruña - Lugo - Monforte. Informe que foi solicitado por iniciativa do anterior alcalde de A Coruña, Xulio Ferreiro, e da Deputación de Lugo, da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o alcalde de Monforte, Jose Tomé, xunto co Alcalde de O Barco de Valdeorras e presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García. Dirixentes todos eles preocupados polo desenvolvemento de Galicia no seu conxunto, que discutían estas cuestións nas reunións do Eixo Atlántico ás que acudían e nas que se buscaban solucións e non se alimentaban polémicas estériles nos medios de comunicación. Algunhas persoas e algúns sectores, especialmente do ámbito empresarial e da Xunta de Galicia, alimentan a idea, falsa, de que todo depende da inclusión no Corredor do Atlántico como anteriormente alimentaron polémicas falsas sobre os portos nodais. E iso, na miña opinión, é unha táctica para camuflar a absoluta incapacidade duns e doutros de xerar auténticas estratexias de lobby en defensa dos intereses de Galicia, máis aló de postas en escena pre electorais, baleiras de contido e sen continuidade como a dos “tres tenores”. A integración no Corredor do Atlántico, aínda que é determinante para conseguir o co-financiamento europeo do 50%, non implica en absoluto que o resto das infraestruturas non poidan ser financiadas por outros fondos europeos, máis concretamente polos fondos estruturais. Da mesma maneira que o Saída Sur de Vigo, determinante para constituír un eixo ferroviario Ferrol/A Coruña - Lisboa, non precisa ser integrada no Corredor do Atlántico xa que pode acceder inmediatamente á mesma financiamento pola súa consideración de tramo transfronteirizo. Pero claro, o buscar escusas culpando a terceiros é un bo mecanismo para desviar a atención da incapacidade de construír proxectos conxuntos de país. A procura de culpables externos sempre foi unha boa coartada para ocultar os erros internos.


Terceiro, se me permiten un consello, creo que sería bo unha acción conxunta de todas as institucións galegas, desde a Xunta até o delegado do goberno, desde os empresarios até os sindicatos, e desde a FEGAMP até o Eixo Atlántico, para comprometer 4 puntos básicos e indivisibles sen os cales Galicia e os seus portos están condenados ao desastre: inmediata presentación do plan director do Corredor do Atlántico por parte do Ministro de Fomento; saída a exposición pública do estudo informativo previo da Saída Sur de Vigo antes de que finalice o ano por parte do Ministro de Fomento; desbloqueo e impulso do porto seco de Monforte por parte da Xunta de Galicia e modernización da liña Ferrol/A Coruña - Lugo - Monforte, por parte do ministro de Fomento nunha acción que pode ser concertada coa Xunta de Galicia. Todo o demais, e perdoen que llo diga, non son máis que desculpas de mal pagador e serpes de verán para distraer a atención do auténtico problema: o tribalismo, a división e os problemas de orixe persoal que dividen permanentemente á sociedade galega e afástana dos seus auténticos obxectivos.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE