“A diferencia do que ocorre no Goberno central, aquí non subimos impostos. Mantemos todas as baixadas e engadimos cinco máis" (Alfonso Rueda, outubro 2025)
Resulta sorprendente escoitarlle todos os anos ás dereitas galegas (PPdeG) cando presentan os orzamentos (Xunta de Galicia), o argumento de que van baixar impostos. Resulta sorprendente por razóns varias como que, hoxe en día, e logo das repetidas experiencias históricas, practicamente ningunha institución seria, incluso aquelas que durante anos foron abandeiradas das baixadas de impostos como, por caso, FMI, BM, OMC, OCDE....practicamente ningunha, o defende. As razóns son contundentes e as evidencias indiscutibles. Como será a cousa que até o presidente de Mercadona (Juan Roig) defende que “todos temos que pagar impostos, é unha cousa moi boa e moi sa. Hai que estar orgullosos”.
Compre subliñar que tamén resulta sorprendente que un goberno autónomo como o galego presuma de baixar impostos, renunciando así a utilizar todas as capacidades tributarias que lle veñen recoñecidas no Estatuto de Autonomía (Art. 44. Titulo IV) para logo esixirlle ao goberno central que cubra os seus déficits de financiamento. Que presuma de baixar impostos sobre os que ten competencias cando os ingresos percibidos polos impostos que fixa o goberno central soben de forma notable (+6%). Realmente este tipo de condutas políticas supoñen unha renuncia a avanzar na soberanía política de Galicia e apostar pola subordinación e a dependencia. Algo que se pon de manifesto coa evolución da débeda pública onde as evidencias empíricas mostran que consonte a Xunta de Galicia presume de baixar os impostos sobe a débeda (un 156%, en termos reais, entre o 2009 e 0 2024) que non deixa de ser unha carga impositiva para toda a sociedade galega e ao mesmo tempo é un negocio para a banca privada, principal titular dos bonos (58,4%) e, xa que logo, acredora da autonomía. Unha autonomía que, por esta vía, perde soberanía financeira a prol da banca privada.
A defensa política da baixada de impostos baséase nunha serie de argumentos que non resisten o contraste coas evidencias. Así, os defensores desta medida -como, por caso, os señores Rueda e Corgos- argumentan que os impostos desincentivan a creación de emprego, frean o crecemento económico e disparan as desigualdades e a pobreza. Algo que é facilmente rebatible por que aí temos os países europeos coa presión fiscal máis alta, que son tamén os de maior riqueza colectiva (PIB) e individual (PIB per cápita), menor taxa de desemprego, menor desigualdade e maior produtividade: algo facilmente comprobable lendo os informes da OCDE.
A experiencia tamén nos ensina que os impostos son os que serven para financiar o estado de benestar e aqueles bens e servizos que a poboación de renda baixa por si mesma ou ben non pode acceder a eles se non son públicos, ou ben o mercado non llos garante. Finalmente, os impostos son ademais o instrumento de maior eficacia para unha distribución da renda máis igualitaria e xusta.
Finalmente un aviso aos meus posibles lectores: cando as dereitas vos digan que van baixar os impostos, non as creades por que, finalmente, sempre acaban subíndoos. En relación ao Partido Popular (PP) temos aínda fresco na memoria o caso dos gobernos de Mariano Rajoy e Cristóbal Montoro: prometeron que ían baixar os impostos e logo, na realidade, subíronos máis que ningún goberno anterior (137 veces).
Realidades que poñen en evidencia como a opción por baixar os impostos é puramente ideolóxica e de clase, carecendo de fundamento científico.
Escribe o teu comentario