Galiza: o franquismo e a democracia

Manoel Barbeitos
Economista

MeiraspazoPazo de Meirás, en Sada.


Está demostrado sobradamente que o chamado franquismo -réxime presidido por Franco (1939-1975)- foi unha das ditaduras máis crueis e sanguinarias do século XX. Un período que, como tal, debera ser refugado con rotundidade por todos os demócratas galegos e españois ao tempo que estes terían que impedir, por razóns democráticas, calquera intento xa non de repetila, senón incluso de alabala ou glorificala. Como sucede en Alemaña coa ditadura nazi (Hitler), en Italia co ditadura fascista (Mussolini) e incluso en Cambodja coa ditadura dos jemeres vermellos (Pol Pot). Ditaduras que, como a franquista, provocaron auténticos xenocidios nos seus respectivos países.


Desgraciadamente en Galiza, por caso, ese refugo non sucede e estes días temos unha proba máis do sinalado. Que a propiedade e o destino do Pazo de Meirás sexa hoxe obxecto de controversia non é máis que un terrible signo de como a democracia é aínda moi feble, moi deficitaria. Que ese inmoble, expropiado manu militari aos seus auténticos donos, aínda siga sendo propiedade da familia dun dos ditadores máis crueis e sanguinarios do século XX e, aínda máis, que sexa administrado por unha Fundación fascista ("Franco non fusilou a ninguén nin dictou condeas a morte") que leva o seu nome é moi moi mal sinal para os demócratas galegos que somos a inmensa maioría.


Pero que todo iso suceda mentres os representantes do actual goberno galego, a Xunta de Galicia, buscan desculparse dicindo "que non ten competencias para actuar" acentúa a gravidade e vén confirmar o anteriormente sinalado sobre o déficit democrático en Galiza. Porque diante desta resposta da Xunta de Galiza cabe preguntarse: se o actual goberno galego (PP) non é quen de loitar políticamente contra o franquismo cabe cualificalo como un auténtico goberno democrático, un goberno dirixido por demócratas? Ou o que realmente sucede é que non quere facelo por non molestar a moitas das súas bases e non remover a súa historia? Como pode gobernar tranquilamente sabendo que en Galiza aínda hai numerosas iconas por todo o territorio galego que lexitiman e enxalzan a ditadura franquista e os seus crimes?


Porque o Pazo de Meirás non é máis que o buque insignia de toda unha insultante colección de iconas franquistas que aínda permanecen en Galiza. Como ten ben documentado a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) existen en Galiza demasiados símbolos da ditadura franquista -rúas cos nomes de destacados franquistas tales como General Mola, General Sanjurjo, Coronel Tejero, cruces e outros símbolos franquistas incluso en fachadas de igrexas e edificios públicos, retratos do ditador en despachos de representantes políticos locais que chegan a facer ostentación de tal simboloxía...- como para non se preguntar como é posible que isto aínda este sucedendo. Como unha democracia pode aceptalo? Como non actúa o goberno galego na retirada definitiva de tal simboloxía?


Para calquera cidadán europeo (alemán, italiano, francés...) que non coñeza a recente historia de Galiza e España isto pareceralle inaudito. Pero ten a súa explicación, que non xustificación. Baste con lembrar a historia política de Galiza dende que hai autonomía e como a maior parte deste tempo estivo gobernada por un partido conservador (PP) que ten unha matriz claramente franquista. Porque se lembramos tanto as orixes como a filosofía política que defende o Partido Popular (PP) seguramente entendamos as súas reticencias, cando non negativas claras, a condenar o franquismo e os seus crimes e a reparar a memoria das súas vítimas.


O Partido Popular foi creado no ano 1976, sendo os seus fundadores toda unha cuadrilla de ex ministros franquistas que xamais renegaron nin do seu pasado nin da súa ideoloxía claramente fascistas. Basta facer memoria e lembrar o sinistro listado de políticos fundadores do Partido Popular (PP) para confirmar o carácter franquista do mesmo: Manuel Fraga Iribarne, Gonzalo Fernández de la Mora, Laureano Lopez Rodo, Cruz Martines Esteruelas, Licinio de la Fuente, Gregorio Lopez Bravo, Enrique Torres de Carranza.... son algúns dos nomes máis famosos entre os fundadores dese partido. Nomes que tiñan en común tanto o seu pasado franquista (ex ministros) coma a súa indiscutible adhesión a tal ideario fascista e a defensa do realizado pola ditadura da que formaron parte. Con tales vimbios, como se podía esperar que este partido (PP) asumise os crimes perpetrados pola ditadura franquista, recuperase a auténtica memoria histórica e fixese xustiza coas vítimas daquela?


Para máis inxudia, en Galiza e durante 15 anos (1990-2005) estivo á fronte da Xunta de Galiza o citado Manuel Fraga Iribarne, fundador de tal partido (PP). Un político que fora ministro de Franco -ocupou o Ministerio de Información e Turismo entre 1962 e 1969, período no que tivo lugar o fusilamento de Julian Grimau (1963)- e do goberno de Arias Navarro -Ministro do Interior e Vicepresidente do Goberno durante cuxo mandato (1975-76) se produciron os lamentables sucesos de Vitoria e Montejurra (1976) con mortes de civís habidas pola acción da policía e a garda civil-. A presenza de Manuel Fraga, que nunca renegou do seu pasado franquista e que sempre declarou a súa admiración e respecto polo ditador, á fronte da Xunta de Galiza marcou e segue marcando o modus vivendi político de Galiza.


Alguén imaxina como sería hoxe en día a Renania-Westfalia se Joseph Goebbels -Ministro para a Ilustración pública e a Propaganda de A. Hitler- fose o seu Presidente, por caso logo da Segunda Guerra Mundial? Ou como sería por caso a Toscana con Giovanni Gentile -Ministro de Instrución Pública de B. Mussolini- de Xefe de Goberno na democracia? Pois o que non foi posible nin en Alemaña nin en Italia, con fortuna para estes estados e esas comunidades, si foi posible en España, en Galiza onde un político da mesma natureza que os anteriormente citados gobernou durante 15 anos.


Nada que dicir da lexitimidade democrática dos gobernos galegos presididos por M. Fraga Iribarne, pero si subliñar que esta presenza supuxo, e supón, que moitos dos mitos e as iconas do franquismo sigan aínda moi presentes en Galiza. Algo que representa un enorme déficit democrático. Como por caso pode suceder que o goberno galego diga que non é quen de expulsar os Franco do Pazo de Meirás e devolver esa inmoble a cidadanía? Como este goberno non ten como obxectivo retirar todas as iconas franquistas que aínda existen en Galiza e que supoñen unha auténtica aldraxe para a democracia e tódolos demócratas galegos?


A explicación é moi sinxela e xa fixemos referencia a mesma: falta de vontade política. Ademais, se repasamos as hemerotecas, veremos como o PP, en Galiza e en España, opúxose sempre a calquera iniciativa que levara explícita ou implícita a condena real do franquismo e os seus crimes. Aínda hoxe se nega, tanto en Galiza como en España, a recoñecer a auténtica historia, a cualificar o réxime franquista como o que realmente foi, unha ditadura sanguinaria. Négase así a reparar a memoria e o bo nome das vítimas do terror, daqueles miles de galegos/as que morreron loitando -cando non foron simplemente asasinados como por caso numerosos representantes locais e líderes sindicais- en defensa da democracia e a legalidade en Galiza. A memoria e bo nome de miles de mulleres violadas e asasinadas cunha crueldade infinita. A memoria de dirixentes políticos ilustres como Alexandre Bóveda, e moitos outros que sería prolífico citar pero que me merecen igual respecto, sentenciados a morte e asasinados polos franquistas.


Neste marco político non son cribles as declaracións dos responsables da Xunta de Galiza (PP) de que non teñen competencias para recuperar o Pazo de Meirás. A realidade é que os dirixentes do partido máis corrupto de Europa (PP) que ao tempo tivo como matriz o franquismo non quere remover a historia porque sería quedar espidos de credenciais democráticas. Por iso mesmo non cabe agardar que se faga xustiza coas vítimas da ditadura franquista e se recupere a auténtica historia mentres este partido (PP) goberne en Galiza, como en España. O cal non quere dicir que os/as demócratas galegos/as non debamos seguir loitando pola xustiza e a verdade. Todo o contrario, debémolo facer e con máis forza cada vez: os/as nosos/as devanceiros/as así nolo reclaman, moitos/as deles/as dende as cunetas das estradas, dende o fondo dun barranco, dun pozo ou dende as profundidades dunha ría. Cando non dende diante dun pelotón de fusilamento.


Están en xogo a democracia e a xustiza en Galiza. Está en xogo o futuro de Galiza.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE