A vivenda pública en Galicia, a gran ausente

José Luis Calo
Coordinador UCIN Galicia

Coordinador Provincial UCIN Galicia (Unión de Ciudadanos Independientes)

En Galicia enchémonos a boca falando de raíces, da terra e da morriña, pero parece que para moitos galegos e galegas a morriña máis real é a de non ter un teito digno onde vivir. E o máis curioso —ou máis ben indignante— é que, en pleno 2025, a nosa comunidade siga á cola en vivenda pública no Estado español. Apenas un 1,6% do parque de vivendas en Galicia é público, fronte a unha media europea que supera o 15%. Que pasa? Que aquí os problemas da vivenda arránxanse con bruxas? Ou pensamos que a emigración eterna é a solución máxica para todo?


A Xunta presume de plans, proxectos e grandes anuncios, pero a realidade é que a vivenda pública en Galicia é como a choiva en agosto: todos falan dela, pero poucos a ven. Mentres tanto, miles de mozos e familias enteiras ven obrigados a emigrar, outra vella tradición galega que non deberiamos celebrar, ou a vivir en alugueres imposibles que superan con fartura os 600 euros en cidades como Santiago, Vigo ou A Coruña, cando o salario medio apenas chega aos 1.300 euros. É normal que unha parella nova teña que destinar máis da metade do seu soldo a pagar un aluguer, renunciando a proxectos de vida, fillos ou estabilidade?


Se cadra, no canto de tanto discurso sobre innovación, competitividade e modernidade, os nosos gobernantes deberían comezar polo máis básico: garantir un fogar digno. Porque de pouco vale presumir de grandes infraestruturas, congresos e feiras internacionais cando a realidade cotiá é que moitos galegos e galegas non saben si poderán pagar o aluguer o mes que vén. Esiximos un plan ambicioso, transparente e con prazos concretos. Non valen xa as promesas vagas, nin os brindes ao sol, nin os titulares grandilocuentes. 

 

Queremos compromisos claros: cantas vivendas públicas vanse a construír cada ano? Onde? Con que orzamento? E en que prazo? É suficiente xa de esconder detrás de burocracias eternas ou de botarlle sempre a culpa a Madrid do que aquí non se fai. Non hai escusa posible cando a necesidade é tan urxente.
 

A vivenda non pode ser un luxo reservado a uns poucos nin un negocio para os especuladores de sempre. É un dereito recoñecido, básico, elemental. E se os nosos gobernantes non son quen de garantilo, talvez deberían deixar paso a quen si o teña claro e non lle trema o pulso á hora de actuar. Como dixo Castelao, “pobo que non ten dereito a unha vivenda digna, non é un pobo libre”.


Porque os galegos e galegas non precisamos discursos, precisamos chaves. Chaves que abran portas, non discursos que abran titulares. Chaves que nos permitan vivir con dignidade na nosa terra, sen ter que marcharnos nin vivir na incerteza constante. Ese é o verdadeiro compromiso que lle demandamos á política galega: menos palabras, máis fogares.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE