Hai uns días a BBC informaba dalgunhas das moitas barbaridades que o exercito israelí está cometendo en Gaza, que teñen como principais vítimas aos nenos gazatís e que son de tal calibre que fan pensar que os dirixentes israelís están impartindo un curso acelerado de doutorado en barbarie. Curso que conta co apoio e o financiamento dos Estados Unidos mais tamén coa complicidade da Unión Europea cuxos dirixentes actuais -Comisión e Consello- non poderán evitar que moitos dos seus nomes -coa honrosa excepción do goberno español- queden ligados para sempre á historia europea das responsabilidades criminais.
Segundo a BBC, un medio cuxo prestixio está fora de dúbida, hai fundadas e sólidas sospeitas de que o exercito israelí practica un patrón de ataque militar que pon os nenos gazatís no foco. Os feitos que conducen á BBC a esta terrible conclusión non só están apoiados no elevado número de nenos gazatís asasinados (uns 18.000 contabilizados ao día de hoxe, aínda que é posible que o número sea superior) senón tamén na forma en que moitos deles están sendo abatidos. Segundo a BBC morren por feridas de balas que pola súa efectividade -moitas nas costas, na cabeza, no corazón e incluso nos xenitais- apuntan a que son disparadas por francotiradores e cun patrón de intencionalidade.
Por se isto non fose suficiente monstrosidade membros de Médicos sen Fronteiras (MSF), que permanecen en Gaza, sinalan que “a distribución de comida en Gaza é un asasinato orquestrado...parecera que hai quen está xogando ao tiro ao pato”, o que confirma as denuncias de que moitos destes asasinatos son premeditados. Así, e segundo estas testemuñas, o goberno israelí está aplicando outro sistema de xenocidio: a morte por fame. Mediante o bloqueo con que ten sometida a Gaza, Israel corta cando quere os subministros de auga e comida ademais de enerxía. Mesmo chega a crear sistemas de distribución de alimentos que lle permiten incrementar a eficacia do exterminio -son un branco más fácil- cos gazatís que desesperados acoden ás áreas de reparto de comida -non poucos dos gazatís asasinados o son cando acoden a recoller comida nos lugares de distribución da axuda-. Segundo as ONGs que aínda quedan en Gaza xa son case 1.500 os gazatís asasinados nestas condicións nos últimos meses.
Paralelamente segue medrando o número de nenos que morren por fame e sede. “Máis de 320.000 nenos -a poboación total de menores de cinco anos da franxa de Gaza- están en risco de sufrir desnutrición aguda, e miles sofren desnutrición aguda grave, a forma máis letal de desnutrición....a situación é desesperada” (UNICEF, 30 de xullo do 2025). Pouco máis hai que dicir: serán a BBC, MSF e UNICEF membros de Hamás?
Escribe o teu comentario