Subliñaba nun artigo anterior que os nomeamentos de Miguel Tellado e Ester Muñoz como adxuntos inmediatos ao líder da oposición, Nuñez Feijoo, reflectían que o Partido Popular (PP) ía copiar as tácticas das extremas dereitas e centrarse no que en política se dá en chamar “o arte da guerra: o asalto á cidadela”, algo que o profesor Manuel Castells tan ben describe nos seus traballos sociolóxicos: “o outro é un adversario, un inimigo ao que hai que destruír”.
Xa tivemos un exemplo, aínda que non era a primeira vez, no debate parlamentario sobre a corrupción onde, tal e como recollía no artigo anterior, o líder da oposición na súa intervención non fixo nin unha soa proposta para combater a corrupción que afecta ao sistema político español dende hai décadas centrándose no ataque directo e persoal ao Presidente do Goberno (Pedro Sánchez). Algo que pode parecer sorprendente pois se acusas ao teu rival político dese mal debes paralelamente, para ter credibilidade política, presentar as túas alternativas. Claro que dificilmente podes facelo se resulta que o teu propio partido, e ti mesmo, estades corroídos pola corrupción.
Así, en lugar dun estadista que aspira lexitimamente a gobernar o señor Núñez Feijóo presentouse como un hooligang da política, algo que certamente en Galicia xa non sorprende. Un camiño que, polo que estamos vendo, non parece queira abandonar senón que pensa teimar no mesmo a pesar dos fracasos recollidos e dos prexuízos que lle provoca a normalidade democrática e a convivencia pacífica pois “o rexeitamento do outro convértese en xerme de violencia” (Manuel Castells). Compre engadir que como nos mostran as experiencias (Donald Trump, Jair Bolsonaro, Javier Milei, Jose Maria Aznar, Alberto Núñez Feijóo, Viktor Orban...) este comportamento político soe ser propio de líderes cunha bagaxe cultural moi escasa, pobre oratoria, faltóns cos rivais aos que chegan a insultar, moi submisos co poder económico e moi tiranos cos máis probes aos que menosprezan: “os políticos cada vez son peores”, (Manuel Castells).
Un comportamento político este que, como reflicten destacados periodistas galegos, Núñez Feijóo xa utilizara na súa aterraxe política en Galicia cando o goberno bipartito (2005-2009) e desde o liderado da oposición (PPdeG), co inestimable apoio de La Voz de Galicia, que logo sería moi ben recompensado, centrou a súa estratexia en atacar ao Presidente (Emilio Pérez Touriño) e o Vicepresidente (Anxo Quintana González) en clave persoal como se fosen inimigos políticos. Un ataque que se centrou nos asuntos persoais, familiares e de amistades dos dous políticos e nos que as trolas, as noticias tendenciosas e os insultos foron as armas. Tratábase de “aniquilar o adversario”, unha estratexia que, como é sabido, deu o seus froitos pois o PPdeG recuperaría o control da Xunta de Galicia pero que tamén supuxo un enorme deterioro da democracia (“as democracias rómpense cando os adversarios pasan a ser inimigos” Manuel Castells) e da convivencia pacífica pois, como estamos vendo, esta estratexia remata trasladando á sociedade o discurso do odio. Aí temos recente o caso de Torre Pacheco.
Agora polo que parece trátase de repetir a estratexia. Se antes foron os líderes das novas esquerdas (Pablo Iglesias, Irene Montero, Juan Carlos Monedero, Ada Colau, Monica Oltra...) agora o foco está posto no Presidente do Goberno, Pedro Sánchez, quen vén sendo obxecto dos máis viles e mesquiños ataques que se teñen dado na democracia española e que poñen á súa familia no foco. Nestes ataques as dereitas (PP, Vox) contan co inestimable apoio de maxistrados ultras ben situados nas instancias do poder xudicial (Tribunal Supremo, Audiencias Nacionais...), aparatos do estado (“policía patriótica”), e os consabidos medios de difusión (ABC, La Razón, El Español, El Confidencia, OK diario, La Voz de Galicia ...) e redes dixitais (Reaccionarismo dixital: Plataformas Digitales disidentes. Marcelino Madrigal)
Uns ataques que teñen moito que ver coas políticas progresistas que, cos matices que se queiran facer, está levando adiante este goberno e tamén cos resultados macroeconómicos que está conseguindo. Como sinala o repetidamente citado Manuel Castells, dende que triunfara a moción de censura “a dereita nacionalista española confirmou que non soporta perder o goberno, por que 500 anos de control absoluto no social e no institucional a convenceron de que iso é o natural neste país. Como o é o centralismo do Estado e a resistencia a recoñecer as nacionalidades históricas consagradas na Constitución”. Unha dereita nacionalista para quen España é “unha, grande e libre”.
Escribe o teu comentario