Aínda que non teño probas, estou convencido de que cada día que pasa son máis as elites económicas, sociais e mediáticas que cuestionan a decisión de ter colocado a (Alberto) Núñez Feijóo á fronte do Partido Popular (PP) logo da defenestración de (Pablo) Casado impulsada por (Isabel) Díaz Ayuso. Non porque (Pablo) Casado fose un político brillante senón porque os erros de (Alberto) Núñez Feijoo son tan continuos e grandes que a súa imaxe vaise deteriorando día a día. Un deterioro que afecta ao propio partido (PP) e que se ve incrementado pola elección que fixo para o seu círculo máis próximo, (Miguel) Tellado, que desperta un crecente rexeitamento xeral tanto pola súa linguaxe e formas como pola súa ignorancia.
Nos escasos tres anos que (Alberto) Núñez Feijóo leva de líder do Partido Popular (PP) xa foi quen de enterrar aquela imaxe de político moderado nas formas e liberal no fondo que, de maneira sorprendente, circulaba fóra de Galicia. O mesmo sucede coa suposta imaxe de líder respectado pola súa organización. En relación con esto último, a imaxe de que (Alberto) Núñez Feijóo “non manda no seu partido” e que é un líder débil, resulta indiscutible e por se houbera dúbidas, a señora (Isabel) Díaz Ayuso xa fai por poñelo en evidencia case a diario. Recentemente tivemos ocasión de comprobalo cando a Presidenta da Comunidade de Madrid adoptou fronte ao aborto unha posición ultra, declarando no Parlamento autonómico que se nega a aplicar a Lei do aborto (“vaian abortar a outra parte”). Unha posición que ademais de ser ilegal está moi lonxe da que cabería esperar dunha dereita liberal e demócrata. (Isabel) Díaz Ayuso volve así a colocar a (Alberto) Núñez Feijóo nunha situación moi difícil -este tivo que saír a desmentir que o PP non cumpriría a lei do aborto-. Conflito interno que veremos como remata e do que tanto a extrema dereita (Vox) como o goberno de quenda (PSOE/Sumar), buscarán sacar os maiores réditos políticos. Son mostras de debilidade que se repiten -aí está o seu apoio a (Carlos) Mazón a pesares do impresentable comportamento deste cando a Dana: o 60% dos votantes do PP pensan que debería ter dimitido- e que teñen un crecente custo na credibilidade como líder de (Alberto) Núñez Feijóo quen aparece como un prisioneiro dos seus sátrapas.
Por outra parte nestes tres anos como líder da oposición (Alberto) Núñez Feijóo tivo tempo para poñer en evidencia algo que en Galicia xa sabiamos non poucos: que se trata dun político con unha moi pobre bagaxe en cultura e ideoloxía políticas, o que leva a que a súa oposición ao goberno de quenda (PSOE/Sumar) estea falta de ideas e se centre exclusivamente nos insultos e nos ataques persoais, preferentemente a Pedro Sánchez, sen que se poida saber cal é a súa alternativa de goberno como correspondería a quen quere presentarse como unha oposición que aspira a gobernar algún día. Un déficit que seguramente boten en falta os posibles votantes de centro e que, indirectamente, beneficia á dereita extrema (Vox) que si ten un programa e que, diante da citada carencia, consegue que o Partido Popular (PP) camiñe do seu rabo e remate asumindo moitos dos seus postulados como, por caso, podemos comprobar en relación co xenocidio en Gaza e o embargo de armas a Israel, a amnistía aos políticos cataláns independentistas, a financiamento e a condonación das débedas autonómicas, a dependencia, a mobilidade sostible, a loita contra o cambio climático, a inmigración, a memoria histórica, a reforma laboral etc. Unha posición difícil de entender xa que indirectamente tamén beneficia ao goberno de quenda como así o proclamaba o ministro da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes (Félix) Bolaños logo da última sesión de control parlamentario: “hoxe gañamos 112 das 119 votacións no Congreso: o 94%”.
Velaí que pensemos que (Alberto) Núñez Feijóo camiña cara o seu particular Waterloo que, como sabemos, foi para o ditador francés a etapa previa ao exilio en Santa Elena.
Escribe o teu comentario