Mercantilismo político nos concellos
Realmente son legais como así o decidiu o Tribunal Constitucional cando sentenciou (https://www.acalsl.com/wp-content/uploads/2025/06/sentencia_TC_transfugas_mocion_blogACAL.pdf) que “de ningunha parte se poderá penalizar a presentación dunha moción de censura porque esta sexa asinada por un concelleiro non adscrito sexa cal sexa a causa de dita condición”, abrindo así a porta a que non se diferencie uns concelleiros doutros “segundo pertenzan a un determinado grupo municipal ou a súa condición de non adscrito no momento de exercer o control da acción municipal do alcalde a través da proposta e votación dunha moción de censura”. Que o Tribunal Constitucional ampliara as posibilidades dunha moción de censura lexitimando os pactos con edís non adscritos, non debera eximir de que aquela, ademais de contar coa maioría suficiente, se debera apoiar nun programa de goberno e tamén mostrar un respecto á vontade cidadán reflectida nas correspondentes eleccións locais.
Hai uns días, neste mesmo medio (https://www.galiciapress.es/articulo/politica-galicia/2025-10-01/5450994-pp-agita-mocion-censura-santiago-plena-ola-pactos-suyos-psoe-transfugas) se nos informaba de que no escenario político local se están producindo movementos dirixidos a alterar a dirección de gobernos municipais. Mudanzas posibles por mor de darse cambios nas anteriores alianzas e que se deciden fóra das institucións locais xa que case sempre son as direccións dos partidos políticos e das agrupacións correspondentes quen as aproban. Todo isto sen contar coa opinión dunha veciñanza que foi quen colocou aos candidatos nas respectivas cadeiras e quen, dalgún xeito, lexitimou o goberno municipal que agora desprazan.
Poderíase pensar que estas mudanzas gobernamentais son lícitas, incluso naturais. Realmente son legais como así o decidiu o Tribunal Constitucional cando sentenciou (https://www.acalsl.com/wp-content/uploads/2025/06/sentencia_TC_transfugas_mocion_blogACAL.pdf) que “de ningunha parte se poderá penalizar a presentación dunha moción de censura porque esta sexa asinada por un concelleiro non adscrito sexa cal sexa a causa de dita condición”, abrindo así a porta a que non se diferencie uns concelleiros doutros “segundo pertenzan a un determinado grupo municipal ou a súa condición de non adscrito no momento de exercer o control da acción municipal do alcalde a través da proposta e votación dunha moción de censura”.
Que o Tribunal Constitucional ampliara as posibilidades dunha moción de censura lexitimando os pactos con edís non adscritos, non debera eximir de que aquela, ademais de contar coa maioría suficiente, se debera apoiar nun programa de goberno e tamén mostrar un respecto á vontade cidadán reflectida nas correspondentes eleccións locais. Algo que, polo que estamos vendo non é o caso na maioría das mocións que están tendo lugar en distintos concellos de Galicia.
Vexamos dous casos que afectan a concellos relevantes. En Ribeira o PP arrebátalle, mediante unha moción de censura, a alcaldía ao BNG grazas a un cambio de opinión de catro dos cinco representantes da candidatura do Partido Barbanza Independente (PBBI), quen no 2023 acadaran un acordo co BNG e o PSdeG para conformar un goberno tripartito, pacto que agora rompen. En Sarria o actual alcalde, que dende o ano 2019 gobernaba baixo as siglas de Camiña Sarria pero que anteriormente fora rexedor durante moitos anos baixo as siglas do PSdeG, pacta agora co Partido Popular (PPdeG) a súa retirada, o que abre a porta a un alcalde deste partido dada a composición da corporación municipal. De confirmarse estes cambios serían 8 as alcaldías que o Partido Popular tería gañado mediante unha “movida” municipal: 7 cunha moción de censura (Carral, Fisterra, Outes, Viveiro, Forcarei, Touro e Ribeira) e 1 por “abandono” do anterior rexidor (Sarria).
Unha primeira reflexión que nos vén a cabeza é o chocante que resulta que o partido (PP) que acusa a Pedro Sánchez (PSOE) de presidir un goberno ilexítimo (a pesar de contar co apoio dunha maioría parlamentaria) sexa quen promova a maioría destas “movidas” locais nas que o transfuguismo é decisivo. Unhas operacións cuxo obxectivo político, confeso, non é mellorar a gobernanza local senón facilitar o acceso do Partido Popular (PPdeG) ao goberno de dúas deputacións (A Coruña e Lugo) que agora non controla. Unha segunda reflexión deriva da mala, diría que pésima, imaxe que entre a cidadanía sementan este tipo de operacións partidistas que desprestixian a clase política sen que lle fagan un favor á democracia. Unha terceira leva a pensar que, con este tipo de decisións, os partidos que promoven as operacións citadas están primando a conquista do poder político e o logro de prebendas persoais sobre os principios e as ideoloxías que aseguran defender. Finalmente sinalar que estas operacións tamén amosan que en moitos casos as autodenominadas “candidaturas independentes” rematan comportándose igual, ás veces incluso peor, que os partidos que critican.
Caberían mais reflexións, con referencias tamén a experiencias pasadas entre as que ocuparía un lugar destacado as habidas durante moitos anos na provincia de Ourense cando os Baltar gobernaban a Deputación, pero coido que as citadas son suficientes. Experiencias de “transfuguismo” e “mercantilización” da política que alimentan o crecente desapego cidadán tanto hacia os partidos políticos como a propia actividade política. Un desapego que en nada favorece á democracia xa que serve de alimento ás forzas e aos movementos totalitarios como estamos comprobando.
Escribe o teu comentario