O presidente Carlos Mazón, máis só que a unha, debe dimitir xa

Carmen P. Flores

Este mércores, 29 de outubro, data para non esquecer, cumpríase un ano da Dana en Valencia, onde 229 persoas perderon a vida froito da auga que arrasou todo o que atopaba ao seu paso: rúas, vivendas, infraestruturas e da incompetencia dun goberno, cuxo máximo responsable estaba de comida, sobremesa longa e acompañamento ao parking dunha xornalista coa que gastara tantas horas, mentres había persoas que xa estaban mortas. 

 

Con esa distracción incomprensible como gobernante, as alarmas non foron lanzadas e a conselleira que estaba á fronte non quixo avisar, sen o permiso do xefe, polo si ou polo non caíalle a gran rifa. O que quere dicir que ningún dos dous serve para gobernar. En momentos como ese, o que está ao mando debe tomar a decisión, sen importarlle o que lle poida pasar, porque as vidas das persoas están por encima dos caprichitos dun presidente que exerce máis de don Juan, que de presidente e dunha responsable que non sabe o que é unha emerxencia tan grave. 


Para lembrar ás vítimas, celebrouse en Valencia un funeral de Estado, coa presenza dos Reis, o presidente do goberno, outras autoridades, familiares das vítimas e, como anunciara, o presidente valenciano, Mazón, quen fixo caso omiso á petición dos familiares de que non asistise. El, unha vez máis, non tivo en conta os desexos das familias, e alí estaba, dando mostras de que é un cadáver político. Este acto evidenciou o só que está: Feijoo entrou só e deixou só a Mazón. Os saúdos dos políticos foron fríos e distantes. A soidade e o rexeitamento dos asistentes e os que estaban fóra do recinto foi máis que evidente. Situación que lle ten que levar a reflexionar e, máis pronto que tarde, renunciar ao seu cargo. 

 

Os valencianos, unha maioría, están a esperar a súa marcha xa, que o obrigue Feijoo a dimitir e que non alargue a agonía do presidente que ten un rexeitamento máis que evidente. Esta situación non é boa nin para Valencia, o PP e tampouco para a política. A ética, unha vez máis, ausentouse do quefacer diario.


A pesar da nota de Mazón, o acto foi solemne, emotivo, sobrio, ben organizado e onde case todos sabían o seu papel. Os nomes, un a un, de todos os falecidos foron lidos pola condutora do acto. 229, falecidos, pero non son unhas cifras frías, senón que cada unha delas corresponde a unha persoa, con nome e apelidos. Tiñan unha familia que quedou rota. Que non poderán estar máis con ela. Un baleiro está grande para os que perderon aos seus familiares, que nunca poderá ser enchido con nada. 

 

A dor pola perda, a desesperación tan forte ante a impotencia de quen tiñan que protexerlles e non o fixeron, Ese sentimento de indefensión non poderá abandonalos nunca. Só quédalles loitar até o final para que se aclare do todo quen foron os culpables de que os avisos á poboación non chegasen a tempo. Iso evitaría moitas das mortes. Os familiares e afectados queren xustiza e a xuíza que ten nas súas mans o caso debe aplicala. Que a lei caia sobre os culpables. Iso non lles devolverá aos seus familiares falecidos, pero será como un bálsamo que aliviará a dor da ferida aberta, que nunca se pechará.


A intervención do tres familiares dos falecidos, en representación de todos, foi extraordinaria. Cunha temperanza digna de admiración. As palabras de cada un deles mostraban o sentimento que deixaron na súa vida, e o grande do baleiro que deixaron neles. As caras dos asistentes dicíano todo. A pesar diso, mantiveron a serenidade, que só as bágoas e a tristeza que denotaban as súas caras mostraban todo o sufrimento que un ano despois da traxedia seguía presente nelas.


Agora toca que se faga xustiza, que Mazón deixe de ser presidente da Comunidade Valenciana. Que as axudas cheguen aos afectados. Que se arranxen as vivendas, as infraestruturas, para que os cidadáns non teñan que ver a diario en que estado seguen as súas vivendas. Será unha maneira de que volva a unha certa normalidade. As autoridades deben pór as pilas e axudar a mitigar a dor das familias.  O que algúns chamaron mala sorte ao ocorrido, a mala sorte é o resultado das malas decisións e de non preparar.
 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE