Cume internacional na Casa Branca, sen resultados para Ucraína

Carmen P. Flores

O mundo estaba pendente, este luns, da esperada reunión na Casa Branca do presidente de Estados Unidos, Donald Trump, co presidente de Ucraína, Volodymyr Zelenskyy, quen ía acompañado dunha representación “especial” de líderes europeos: a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen; o presidente francés, Emmanuel Macron; o chanceler alemán, Friedrich Merz; o presidente finlandés, Alexander Stubb; a presidenta de Italia, Giorgia Meloni; o primeiro ministro do Reino Unido, Keir Starmer, e o secretario xeral da OTAN, Mark Rutte.

 

A reunión extraordinaria e algo inusual prodúcese despois do encontro de Trump con Putin, quen até ese momento atopábase illado no mundo occidental. Esa reunión, co presidente norteamericano, serviulle para “sacalo do illamento”. Trump, amigo de Putin, fíxolle un gran agasallo ao tsar das Rusias que, nesta ocasión, de momento, gañoulle a partida ao louro platino norteamericano, por moito que este se ofenda facilmente cando lle levan a contraria, cousa que non tenta disimular nunca.

 

O grupo dos sete líderes que participaban na reunión co “amo do mundo” reuniuse previamente, fóra do emblemático edificio presidencial, para planificar o encontro posterior, tan importante e do que se esperaba máis concrecións que postureo institucional, onde as promesas deberían dar paso a feitos. Zelenskyy, cun xesto para non levantar susceptibilidades e críticas en Trump, nesta ocasión deixouse no hotel a súa tradicional vestimenta militar para enfundarse un trouxen negro e camisa do mesma cor. Xesto que foi ben acollido por Trump, a quen lle gustou o cambio de vestiario para pisar as recentemente estreadas alfombras da Casa Branca. Pero a cousa non ía de escenificación nin de mostrar só unha imaxe estética que tanto lle gusta á familia Trump, senón de alcanzar acordos que paren dunha vez a guerra en Ucraína pola invasión rusa.

 

O presidente norteamericano, que como anfitrión gusta de levar a voz cantante, prometeu que a guerra terminará, pero quere que o presidente ucraíno acepte por decreto que Rusia quedará co territorio ucraíno anexionado. Que de aí non o moven e que Zelenskyy debe ceder si ou si. Trump, que xogaba entre dous ou tres augas, dixo que non era imprescindible o cesamento do fogo mentres se está negociando. Claro, porque o exército ruso seguía bombardeando e matando a civís... O grupo de líderes europeos insistía na necesidade de garantir a asistencia de seguridade para Ucraína como parte dun posible acordo para terminar coa guerra. Trump confirmou que Estados Unidos participará tamén.

 

Trump expuxo que se produciría pronto unha reunión a tres bandas: Putin, Zelenskyy e el mesmo. Mentres, o presidente Macron reclamou que na reunión puidese participar unha representante da Unión Europea, ao que Trump deu a calada por resposta. Iso si, Trump asegurou varias veces, sen entrar en detalles, que o seu país participará na seguridade de Ucraína, un tema crucial para Zelensky e Europa.

 

Trump, que sente unha animadversión polo presidente do Goberno de España, non quixo que este participe na reunión. Pedro Sánchez non lle pasou o cepillo polos ombreiros, cousa que non lle gusta ao “amo do mundo”. O mesmo que Pedro Sánchez critique a Israel e pida o seu apoio para os palestinos, cousa que, doutra banda, hónralle ao presidente Sánchez. Trump ten as súas teimas e as súas preferencias, como se puido comprobar. Só hai que mirar a foto de familia que se fixeron, onde a presidenta da Comisión Europea estaba situada nun extremo e a presidenta do Consello de Ministros de Italia, Giorgia Meloni, tampouco estaba ao seu lado.

 

En fin, espérase que Trump fale por teléfono con Putin, que este acepte reunir con Zelenskyy, que poida participar alguén da UE, que se chegue a un acordo no que ninguén saia gañando por goleada. Senón, por que sempre os grandes cómense aos mozos? E que o sentido común, e non os intereses particulares, prevaleza por encima de todo. levan días esperando a reunión, que algúns desexaban con esperanza, pero, como sempre, as cousas non son o que se queren, senón o que queren os poderosos. Dá igual a cor política, a cor do diñeiro ou as ambicións de ambos os lados. Seguimos mirando as imaxes, os discursos, as mortes, pero non sucede nada… todo forma parte da normalidade que nos fixeron tragar.

 

Dicía Séneca: “Non nos atrevemos a moitas cousas porque son difíciles, pero son difíciles porque non nos atrevemos a facelas.”

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE