“Hai unha actividade de terrorismo incendiario en España. Coñecémola, sabemos que o 80% dos incendios son intencionados e necesitamos a colaboración das forzas e corpos de seguridade do Estado para detectar e deter a eses incendiarios” (Alberto Núñez Feijóo)
Unha das razóns que explican a xenreira que o Partido Popular (PP) lle ten ao actual Fiscal Xeral do Estado (Álvaro García Ortiz) vén do sucedido anos atrás co gallo duns exercicios nos que en Galicia se repetiron as grandes vagas de incendios forestais. Naqueles anos (finais da primeira década do presente século), o que era presidente da Xunta de Galicia (Alberto Nuñez Feijoó) e a súa equipa a coro botáronlle a culpa das grandes lapas a ese suposto terrorismo incendiario quen, segundo este dirixente político, sigue activo hoxe en día a pesar dos anos transcorridos.
A realidade foi que o daquela Fiscal de Medio Ambiente desmontou de forma contundente e moi brillante esta estrafalaria tese deixando en evidencia que as orixes dos incendios forestais eran outros como, por caso, a falta de prevención e o enriquecemento de intereses privados a costa das lapas. Que as orixes eran outras e, xa que logo, as solucións tamén debían ser distintas o que implicaba que as responsabilidades tamén eran diferentes ás que atribuían os dirixentes do Partido Popular pero que neste caso lles afectaban directamente como gobernantes e responsables políticos. Unha realidade que repite. O peor de todo é que non parecen querer recoñecer os seus erros e mudalas políticas para así evitar tamañas catástrofes ambientais, sociais e económicas.
Non queren recoñecer os seus erros por que non queren mudar a súa visión da “problemática forestal” que, como sucede con practicamente todas as actividades económicas é concibida por estas dereitas como un negocio privado. Un negocio privado no que as maiores ganancias están ben no cultivo de determinadas especies que son pirofóricas, como é o caso do eucalipto, ben no apagamento dos incendios. Unha visión que supón tamén considerar o forestal como unha actividade illada das demais actividades do rural (agricultura, gandería, servizos, medio ambiente, ocio....), que practicamente ignora as xentes que viven no medio e que rompe a histórica ligazón habida entre montes, produtores e veciños. Ruptura que conduce a un progresivo e crecente abandono desas áreas algo que podemos confirmar facilmente se, por caso, atendemos ao brutal incendio que se está producindo no Macizo Central de Ourense. Unha provincia onde a superficie forestal ocupa máis das tres cuartas partes do territorio, a produción agrogandeira e moi cativa e onde tamén a perda de poboación é intensa o que incide na pobreza dos servizos sociais e as infraestruturas públicas. Unha realidade que fai estes territorios moi vulnerables dende o punto de vista medio ambiental.
Unha realidade sistémica á que ultimamente se lle veu a sumar o cambio climático que abriu a porta aos que dan en chamarse “incendios de sexta xeración” que leva a que habendo menos incendios estes sexan mais violentos e intensos (“megaincendios”) o que fai que tecnicamente sexan dificilmente extinguibles. Unhas evidencias que poñen de manifesto como a extinción, por si soa, non é unha solución. Que se trata dun problema que esixe unha planificación global que vai dende a ordenación do territorio, a actividade produtiva, pasando pola defensa do medio ambiente e os recursos naturais aos que habería que sumar a cooperación social.
Unha estratexia que esixe dos organismos públicos unha visión moi distinta á que actualmente ten a Xunta de Galicia como así poñen en evidencia os resultados que estamos vendo. Non hai terrorismo incendiario, hai incompetencia política froito dunha ideoloxía de clase, neoliberal, que prima o privado (“o negocio do lume”) por riba dos intereses colectivos.
Escribe o teu comentario